20060316 brasilia geraldo alckmin

Hai adversario para Lula?

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Geraldo Alckmin, clic para aumentar
O adversario que verdadeiramente disputará o posto de Presidente a Lula, que debía provir do partido do ex-presidente Fernando Henrique Cardoso, o Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB), aínda foi escollido na terza feira (martes) da semana pasada, téndose optado polo governador do Estado de São Paulo, Geraldo Alckmin. (Foto: Brasília 16/03/2006. O governador de São Paulo, Geraldo Alckmin. ©José Cruz/ABr).
 

O Brasil camiña lenta mais inexorabelmente para unha das datas políticas máis relevantes da democracia daquel enorme país: as eleccións presidenciais. Unhas eleccións cuxa primeira volta deberá ter lugar no 1 de outubro do presente ano, ficando a segunda, en caso de ser necesaria, para o 29 do mesmo mes.

Do lado do Partido dos Trabalhadores (PT) semella claro que será Lula, o actual Presidente, quen concorra. Si, é certo que até hai poucas semanas rexeitaba declararse candidato, mais as cousas mudaron cando, desde o pasado febreiro, as enquisas comezaron a serlle claramente favorábeis após meses de declive, até ao punto de chegar a atribuírlle, na última sondaxe do Ibope (Instituto Brasileiro de Opinião Pública e Estatística), a posibilidade de vencer en primeira volta.

Que puido contribuír para esta recuperación de Lula nas intencións de voto brasileiras? A estabilización dos índices económicos en marxes razoábeis e o medo a que esta situación poida mudar coa troca de Presidente; a intensificación do gasto en obras públicas, con iniciativas como a coñecida por "Operação Tapa-Buraco", que reparará máis de 26.000 Km en 25 Estados do Brasil; a maior presenza do Presidente Lula nos medios, lembrando e pondo énfase nos logros atinxidos no seu mandato, que non teñen sido poucos e que teñen abranguido intereses dos diversos sectores socioeconómicos do país.

Mais, con certeza, un factor esencial para esta recuperación de Lula está relacionada co feito de non ter contado cun rival claro durante estes primeiros meses de 2006. É así que o adversario que verdadeiramente disputará o posto de Presidente a Lula, que debía provir do partido do ex-presidente Fernando Henrique Cardoso, o Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB), aínda foi escollido na terza feira (martes) da semana pasada, téndose optado polo Governador do Estado de São Paulo, Geraldo Alckmin. Foi por isto que durante os primeiros meses do presente ano o PSDB estivo centrado nunha disputa interna que lle impediu encarar con contundencia o candidato do PT e na que a confrontación se produciu entre Alckmin e o Prefeito do Município de São Paulo, José Serra.

Atendendo aos resultados prognosticados polas sondaxes máis recentes a escolla resulta chocante, pois en todas elas José Serra obtén mellores resultados do que Geraldo Alckmin e, ademais, segundo resultados divulgados na semana pasada polo Ibope, con Alckmin o Presidente Lula podería mesmo resultar reelixido en primeira volta. Previsións estas que favorecen que noutros partidos, potenciais aliados do PSDB nas presidenciais como o Partido do Movimento Democrático Brasileiro (PMDB) ou Partido da Frente Liberal (PFL), gañe forza a hipótese de presentaren candidatos propios.

Cabe, entón, esperar que Lula gañe con facilidade no próximo mes de outubro? É prematuro aseverar algo así. Con todo, si pode ser apuntada algunha tendencia probábel que incidirá na evolución do período preelectoral:

-O PSDB, ultrapasada a "crise" interna, vai centrarse na promoción do seu candidato con previsíbel unidade, dada a renuncia aparentemente pacífica de José Serra á loita pola Presidencia. Isto envolverá, certamente, unha maior presenza mediática de Alckmin, un intento por chamar novamente a atención para os escándalos de corrupción ligados ao goberno e un esforzo por conseguir alianzas que fortalezan a candidatura do partido. Estes factores, entre outros, deberían conseguir colocar a Alckmin en mellor posición nas sondaxes.

-O PT non deixará pasar a oportunidade de reivindicar os bos índices e estabilidade económicas atinxidos con Lula, nin de destacar os programas sociais desenvolvidos. Segundo analistas brasileiros estes son, de feito, factores esenciais á hora de explicar a recuperación da popularidade do actual Presidente nas camadas máis ricas e instruídas e tamén nas máis pobres, respectivamente. Probabelmente nesta capacidade de desenvolver políticas que chegaron aos diferentes sectores socioeconómicos estará unha das maiores fortalezas da imaxe de Lula.

-Non prevéndose grandes alteracións na razoábel marcha económica do país, o maior perigo para a imaxe e candidatura de Lula deberá vir do ámbito puramente político. Neste sentido, cumprirá atender a eventuais novos escándalos de corrupción ou revitalización dalgún dos xa abertos, ou á avaliación e posterior tomada de posición dos movementos sociais máis influentes do Brasil.

Veremos nos próximos meses se Alckmin é capaz de constituírse en rival para Lula.