Ienín

Segundo o testemuño da Oficina da ONU para os Refuxiados (UNRWA), Ienín, despois de dez días de asedio implacable, converteuse nun campo de ruinas, como "devastado por un tremor de terra". Simón Peres, de paso por Madrid para participar nun cónclave da Internacional Socialista, asegura textualmente que "as críticas a Ienín se basean en rumores", que son un "escándalo" as afirmacións que falan de centos de mortos, que a operación "Muro de protección" estaba totalmente xustificada… e "non temos nada que ocultar", sentencia. De pacifistas así nos salve Muhammad o Profeta. Non deixa de extrañar ademais que un diario madrileño tan comprometido cos dereitos humanos e coa convivencia democrática, tan involucrado nas estratexias locais e internacionais contra os terrorismos, veñan de donde veñan, ceda aínda toda unha páxina a un demacrado Peres, cómodo consigo mesmo inclusive cando o seu discurso sería perfectamente calificable de apoloxía do terrorismo. Pero é de agradecer neste caso a doble vara de medir… Segundo un primeiro censo realizado sobre o terreo e adiantado pola UNRWA, habería que falar de 200 mortos. Segundo a Autoridade Palestina, os desaparecidos poderían ascender a uns setecentos.

Colin Powell saiu de Israel a mediados de abril sen pisar o campo de refuxiados de Ienín, a pesar de que Arafat llelo pediu por activa e por pasiva. Son doses de sana prudencia ante o espectáculo que se pode imaxinar nun campo de refuxiados dun quilómetro cadrado despois dunha semana de bombardeos continuos e dez días sen auga nin electricidade. Na Comisión de dereitos humanos de Nacións Unidas reunida en Xenebra, Israel foi condenado polas reiteradas violencias aplicadas na súa ofensiva militar nos Territorios ocupados, dende simulacros e non simulacros de execucións ata a utilización da poboación local como escudos humanos. Houbo cinco votos en contra (a Alemaña de Schroeder, o Reino Unido de Blair, Canadá, Chequia e Guatemala) e sete abstencións, incluída a de Italia. Washington non pudo desta vez apoiar a Israel porque quedou fora da Comisión o pasado ano.

Pero tanto lle ten. Sharon non se amilana. Asegura e reitera non ter problema para recibir a unha misión da ONU que investigue as denuncias das organizacións humanitarias internacionais, pero a xeito de aviso carga as baterías arremetendo contra o coordenador especial do proceso de paz, Terje Roed-Larsen por presumir de obxectividade e imparcialidade. A misión para a zona de Kofi Annan agarda mentres tanto a que as tropas israelís culminen os seus sospeitosos traballos de desescombro encubridor cos seus tanques Merkaba e os bulldozers blindados D-9. Por menos falla de colaboración con Nacións Unidas, Washington e Londres ameazan con invadir Bagdad ou bombardean todo canto lles peta. Nin Estados Unidos nin Israel se adheriron á Corte Penal Internacional creada en New York o pasado 11 de abril, pero serán quen de conducir a Sadam perante ela.

Por donde pasaron as forzas israelís non queda pedra sobre pedra. O desastre é de proporcións inmensas. ¿Que Estado pode proclamar Palestina agora? Non hai equipamentos, non hai transportes, os inmobles públicos están destruídos, non quedan arquivos, nin centros de distribución de auga ou de enerxía… Poida que os xudeus de hoxe non sexan os nazis de onte, pero Ienín ocupará no imaxinario palestino o horror do ghetto de Varsovia, tamén nun abril de hai 59 anos. E como aqueles, tamén acabarán perdendo.