20080820 isfahan ruinas templo zoroastrico

Irán, a última xoia do imperio persa

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Ruínas dun templo zoroástrico en Isfahán; clic para aumentar
A obrigatoriedade é unha das características máis destacadas do país e, quizais, a máis exportada. Con todo, o concepto de liberdade parece ter a súa orixe na Persia de Ciro o Grande, durante o século VI aC. Ciro liberou os xudeus da opresión babilonia e entregoulles cartos para construíren o templo de Xerusalén, demostrando unha tolerancia relixiosa que perdura no século XXI, porque a república islámica de Irán protexe a membros doutras minorías relixiosas, como zoroástricos, cristiáns ou xudeus. Non obstante, fronte a estes datos, é necesario destacar que os preto de medio millón de bahaístas que viven no país sofren a discriminación dunha fe declarada ilegal, e considerada herética. [Foto: Muller iraniana nas ruínas dun templo zoroástrico en Isfahán, ao sur de Teherán. ©Moncho Iglesias].
 

O Irán do século XXI herdou a grandeza do imperio persa e soubo conservala hermeticamente entre as cordilleiras da primeira teocracia constitucional establecida no mundo. Os seus 71 millóns de habitantes son produto dese imperio composto por migracións, invasións e rutas comerciais que conseguiron unificar culturas diversas baixo unha mesma bandeira. A República Islámica de Irán é o colofón a un período glorioso de preto de tres mil anos, e que chegou ao seu estado actual tras unha revolución conservadora, que deu comezo no ano 1979, e que hoxe en día aínda conta con partidarios e detractores. E é que a república naceu de ideais persas, islámicos e occidentais, creando unha identidade mixta e confusa na procura dunha definición de si mesma.

A situación xeográfica do país, entre Europa e Asia; cruce de camiños e intereses para mercadores e conquistadores, propiciou o seu apoxeo, non só político e económico, senón tamén cultural. Ferdosi, Hafez e Rumi son algúns dos nomes dos poetas persas máis sobranceiros, honrados de tal xeito que os seus versos son memorizados e as súas tumbas convertidas en mausoleos onde poder gozar do arrecendo da súa lírica. Dunha beira, Hafez (1324-1389), o poeta do amor, descansa nuns xardíns na cidade de Shiraz, no Sur do país, onde centos de visitantes pasean a diario ao ritmo da música melodiosa que envolve a cadencia dos recitadores esporádicos que se xuntan ao redor dos restos do vate. Noutra beira, Ferdosi (940-1025), un heroe nacional, posto que conseguiu revitalizar a lingua persa grazas á súa poesía épica, amais de deixar por escrito a historia do pobo persa, está enterrado nunha aldea do Norte, Tus, no xardín do que fora a súa casa.

A riqueza literaria de antano pasou o testemuño a novas xeracións, que non só souberon cultivar a lírica e a narrativa, senón tamén outras artes. Neste sentido, cómpre mencionar a música, que adoita entrelazar a poesía clásica co ritmo tradicional do nay -frauta- e o tar "instrumento de corda-, á vez que permite que xurdan novas propostas. Vale de exemplo a banda Molaviyeh, que chegou a triunfar en América e que recupera o misticismo sufí de Rumi (1207-1273), creador da orde dos dervixes xiróvagos "unha practica de meditación que consiste en dar voltas sobre un mesmo. E no anonimato, fronte os trobadores das bocas de metro e prazas públicas occidentais, cidades como Isfahán, no centro do país, aglomeran novas voces entre os arcos das pontes que atravesan o río Zayandeh. Nos descansos entre os piares desas pontes pódese tamén descubrir a influencia da música nas roupas: vestimentas longas estilo rapeiro, camisetas axustadas para os heavies, rockeiros de pantalóns cinguidos, e incluso rapazas con cores no pelo, que maquillan de xeito que sexa visible malia levaren o obrigatorio veo.

A obrigatoriedade é unha das características máis destacadas do país e, quizais, a máis exportada. Con todo, o concepto de liberdade parece ter a súa orixe na Persia de Ciro o Grande, durante o século VI a.C. Ciro liberou os xudeus da opresión babilonia e entregoulles cartos para construíren o templo de Xerusalén, demostrando unha tolerancia relixiosa que perdura no século XXI, porque a república islámica de Irán protexe a membros doutras minorías relixiosas, como zoroástricos, cristiáns ou xudeus. Non obstante, fronte a estes datos, é necesario destacar que os preto de medio millón de bahaístas que viven no país sofren a discriminación dunha fe declarada ilegal, e considerada herética.

É precisamente o cilindro de Ciro, un cilindro de barro que contén inscricións nun alfabeto cuneiforme e que se conserva no Museo Británico de Londres, amosa esa liberdade de expresión do mundo persa. O cilindro pode considerarse a primeira declaración de intencións, en favor dos dereitos humanos, ao prohibir a escravitude, o roubo e protexer as diferentes etnias e relixións.

Pero os detractores do réxime iraniano apuntan á degradación da muller como un dos principais síntomas do atraso do país, que impón leis degradantes. O feito de que unha moza teña que cubrir a cabeza en público chama a atención dos defensores dos dereitos humanos, mentres moitas iranianas aceptan estas regras culturais como parte inseparable da súa forma de ser e vivir. Maryam Haghroosta, profesora da Universidade de Teherán, afirma levar o veo por unha cuestión persoal e relixiosa, e non por unha imposición; por iso nunca descubriu a cabeza durante os catro anos que viviu en Cuba, onde se doutorou, e onde puido optar por poñelo ou non. Igual que ela, para moitas musulmás, o veo non só é un sinal de identidade e respecto, senón unha forma de vestir, tan válida como a de quen elixe levar tacóns ou pintar os beizos. Marjane Satrapi, autora da novela gráfica Persépolis, está no polo oposto, xa que dende pequena, como reflicte no cómic, cuestionouse certas regras de comportamento e nunca foi quen de vivir, atrapada nunha sociedade represora.

As innovacións iranianas non só se adscriben á protección da súa sociedade, senón tamén a certos inventos e descubrimentos. Dentro do primeiro caso está o sistema de ventilación da cidade de Yazd, no centro do país. Os bagdirs, ou torres de vento, son construcións de adobe que, nas partes altas das casas, son capaces de reter a brisa máis lixeira e dirixila cara os compartimentos inferiores. En canto a descubrimentos, o físico Avicena foi quen de descubrir a vea aorta e a tuberculose como enfermidade contaxiosa, no século XII, e o astrónomo Al-Khwarizmi introduciu os actuais números arábigos amais de facer importantes avances nas matemáticas, no século IX.

No tema deportivo, o fútbol é un fenómeno social que ofuscou outras practicas deportivas tradicionais e propias, como o zurkhaneh. O zurkhaneh é un combinado de deporte, teatro e relixión que se practica en ximnasios, e cuxos competidores son vistos como heroes nacionais. O xogo comeza cuns cánticos e declamacións poéticas, aos que seguen unha serie de rituais onde os atletas mostran a súa forza levantando distintos pesos que elevan co ritmo da música. A poesía sufí acompaña os toques de tambor e envolve os movementos, facendo do espectáculo un xogo difícil de encadrar entre unha modalidade deportiva ou unha representación teatral.

Tamén único en Irán é a celebración do Ano Novo, o Nowruz, ao comezo da primavera, e outras festividades propias relacionadas coa vitoria da república islámica ou a morte do Aiatolá Khomeini. Dentro desa unicidade, hai que destacar que Irán é un dos países do mundo onde máis refuxiados viven, e onde máis se usa Internet. Ao mesmo tempo, é o berce dunha das relixións máis antigas, o zoroastrismo, a fe dominante no país ata a chegada do Islam, e que profesa ideas que parece ser influíron nas tres grandes relixións monoteístas; ideas como a diferenza entre ceo e inferno, a resurrección ou o xuízo final.

Se os inventos de outrora conseguiron ampliar o coñecemento humano, ao estenderse polo mundo, cidades como Persépolis, no Sur, constitúen verdadeiros museos ao aire libre, á vez que manuais de historia e arte. Outro exemplo é Mashad, no Nordeste, que conserva unha das pezas museísticas máis importantes para os musulmáns xiítas "a maioría iraniana. Alí está enterrado o Imán Reza, descendente directo do profeta Mahoma, dentro dun esplendoroso complexo sagrado que forma un dos centros de peregrinación máis importantes do mundo.

En definitiva, Irán é un país moderno absorbido por tradicións milenarias. A unión desa diversidade provoca un encontro afable para o estranxeiro, que pode sorprenderse coa carencia de violencia; os misterios e secretos que sempre agroman dos máis novos; as contradicións da historia, encargada de facer que loiten entre eles pasado e futuro; as diferentes opinións sobre a laicidade ou sobre o enriquecemento do uranio "a información que ten a xente local é que o seu uso é para fins pacíficos, aínda que algúns non negan que poida existir outro uso militar, non ilícito, tendo en conta que hai países que o empregan-; co acento galego de vendedores de alfombras como Hussein, no bazar de Isfahán, sempre dispostos a compartir un té e o fume dunha narguilé; ou o esplendor sempre candente da súa cultura, presente en todos lados e, sobre todo, nas grandes cidades, onde os edificios parecen arquipélagos nun deserto repleto montañas e xardíns.