Iraq: ¿Ás portas da guerra civil?

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

Nun discurso ante veteranos de guerra na cidade de San Luis, o presidente George W Bush enviou unha forte mensaxe a todos aqueles que comezan a criticalo pola crise que vive Iraq. Dixo claramente que non terá cuartel na loita contra o terrorismo, que non retirará ningún soldado de Iraq (o que fai presumir que aumentará aínda máis o número de efectivos) e que a dura transición pola que atravesa o país árabe "podería durar anos". Bush sabe arestora que ten que loitar contra unha dura reelección en novembro de 2004 e que a sensible baixa de 20 puntos porcentuais na súa popularidade dende que en abril rematara a guerra en Iraq, non é un bo síntoma para os seus plans.
O problema para Bush, e para EEUU en xeral, é o mortal creba-cabezas no que se converteu Iraq. Tralo feroz atentado contra a sede da ONU a semana pasada, e os que a diario sofren as tropas estadounidenses, sómaselle o feito de que o mesmo presidente Bush recoñecera que na postguerra ocorreron xa máis baixas militares que nas tres semanas de combate contra o exército de Saddam. Pero o escenario máis negro que se lle presenta a Washington nestes intres é que se están a percibir cada vez máis os efectos de sentirse atrapado no que podería ser unha guerra civil de consecuencias aínda imprecisas.

O atentado mortal do domingo 24 contra os dous gardacostas e o conductor do vehículo do ayatolá chiíta Seyed Mohamed Said Tabatabahi Hakim na cidade santa de Nayaf, revela unha posible escalada de accións violentas e atentados non xa só contra as tropas estadounidenses, os seus aliados e outros organismos internacionais, senón entre os propios iraquís e as súas variadas faccións e comunidades relixiosas e políticas.

Inmediatamente despois do atentado, os primeiros indicios de culpabilidade dirixíronse cara os antigos membros do rexime do partido Baath e partidarios de Saddam Hussein, que xa foron acusados tralo ataque á sede da ONU, e que constantemente son sinalados como os instigadores dunha posible guerra entre chiítas e sunnitas. Os primeiros son ampla maioría, constituíndo o 60% da poboación iraquí.

A importancia do ataque centrouse no feito de que Hakim é o principal dirixente da Asemblea Suprema para a Revolución Islámica en Iraq, apoiada abertamente dende a veciña Irán, e en que é un dos líderes chiítas máis influíntes tralo seu regreso do exilio de 23 anos no pasado abril. É por iso que o enterro dos tres asasinados converteuse nunha especie de acto de protesta política nunha das cidades santas dos chiítas, Nayaf.

O problema dos chiítas é a presencia na fronte radical desta comunidade do xove imán Moqtada al Sadr, que predica na cidade veciña de Kufa. Este crego, fillo de outro imán famoso en Iraq asasinado presumiblemente por ordes de Saddam en 1999, é o creador dunha milicia denominada "o exército do Mahdi", en honra a un imán chiíta do século XIX. Este movemento gañou adeptos nesta rexión e nos arrabaldes pobres de Bagdad, coñecidos anteriormente como a "Cidade de Saddam", que foi recentemente bautizada como "cidade al Sadr".

O comportamento problemático deste crego chiíta lle valeu gañarse a inimizade dos ayatoláhs máis moderados, a tal punto que a súa facción foi expulsada do recentemente composto Consello de Goberno baixo mandato norteamericano. Especial inimizade e rexeitamento ten este personaxe para o imán Hakim. Daquela, esta sería unha das razóns que poderían estar detrás do atentado do domingo 24. As milicias de al Sadr claman constantemente unha "guerra santa" contra o "invasor estadounidense e Saddam". Isto avivece aínda máis as diferencias internas entre os chiítas, que se remontan á guerra Iraq-Irán de 1980, e á represión de Saddam contra esta comunidade en 1991. Na actualidade, moitos chítas acusan a Hakim de estar excesivamente influenciado por Irán.

Se o explosivo cóctel chiíta non fose suficiente, entre os sunnitas, que contitúen o 17% da poboación total do país, tamén se evidencian divisións. Unha boa parte desa porcentaxe formou parte da elite que gobernou o país durante os anos de Saddam, e parte deles estaría detrás de varios dos atentados que ocorren no país. Outra porcentaxe é herdeira dunha clase media outrora florecente e que foi relegada dos espazos de poder durante os anos de Saddam. Ambos constitúen un sector laico e moderado, pero con escasa influencia.

A ameaza radical vén dos sunnitas que abrazan o fundamentalismo, especialmente o da rama wahabbiña-hanbalí proveniente de Arabia Saudita. Este grupo cada día máis crecente é o mais influenciado polas confrarías fundamentalistas das que se nutriron os simpatizantes de Osama bin Laden tanto en Afganistán como en Arxelia, ós que se lles virían unindo as distintas organizacións que preconizan a guerra santa contra EEUU e os seus aliados, e que teñen conexións con Al Qaeda e outras organizacións terroristas e fundamentalistas.

Estes grupos estiveron detrás de varios ataques contra soldados estadounidenses en Bagdad e mailo chamado "círculo sunnita" que chega ata as norteñas cidades de Tikrit (cidade natal de Saddam) e Mosul. Teñen en común non só o odio a EEUU, a Occidente e ós chiítas, así coma unha sólida formación ideolóxica, senón o feito de estaren de acordo en formar en Iraq un estado islámico estilo talibán. A guerra entre chiítas e sunnitas evidencia que Iraq é o escenario dunha yihad islámica global, así coma unha poxa entre Irán e Arabia Saudita, os dous principais rivais pola hexemonía do fundamentalismo islámico.