Trolas

O atentado contra as oficinas da ONU en Bagdad tivo e ten varias lecturas. Para uns, se trata dunha demostración máis da barbarie dos "inimigos do pobo iraquí", que diría Bush, devotos dun terrorismo cego que non establece distincións de caste algunha. Para outros, sen embargo, sen deixar de condenalo, é unha lamentable consecuencia do deterioro da credibilidade da ONU, vista cada vez máis como un cómplice cualificado dos ocupantes do territorio iraquí, aos ollos non soamente dos seguidores de Sadam senón de moitos sectores da sociedade internacional comprometidos coa tarefa da paz, ao igual que Nacións Unidas. A gravidade do atentado, xunto coa multiplicación de accións nas que, gota a gota, van caendo soldados norteamericanos e británicos, levou a Colin Powell a reflexionar en voz alta sobre a necesidade dunha maior implicación na reconstrucción de Iraq de máis países, con máis efectivos e máis recursos económicos. Se isto non fixo mais que comezar, dificilmente van chegar os dividendos do petróleo para financiar o orzamento da ocupación.

O atentado de Bagdad foi o peor de toda a historia da ONU, e quizais vai en paralelo co momento clave que atravesa a organización. Aventurábao a Casa Branca antes do inicio da invasión e niso non lle faltaba razón. O Consello de Seguridade foi quen de resistirse á presión de Bush para convalidar a declaración das Azores, pero semella máis confuso na posguerra. Kofi Annan pelexa por unha maior implicación da ONU en Iraq, pero EEUU é reticente e soamente está disposto a aceptala se non se cuestiona o mando político e militar. Dende as augas do Mediterráneo, Putin, seducido por Berlusconi, xa dixo que non é para tanto a cousa e non sería tan difícil de aceptar o mando do Pentágono. Se veranease en Córsega e con Chirac por anfitrión, igual dicía todo o contrario.

Pero ¿debe ser ese o discurso da ONU? Non parece. En coherencia co non respaldo á intervención, debería urxir a retirada inmediata das forzas ocupantes. Condenar a EEUU, claro, non é o mesmo que condenar a Burkina-Faso, por citar a alguén, pero cumpriría disuadir a ONU desa tentativa de desempeñar un papel substancial en Iraq, xustificando a posteriori e de facto o que non quixo facer con caracter previo. "A ONU debería fuxir de Iraq como da peste", afirmaba Santiago Carrillo nun lúcido artigo publicado recentemente na prensa madrileña. Facerse cargo da parte do pesado fardo que aos EEUU non lle interesa, co petróleo baixo control das súas multinacionais e as principais concesións da reconstrucción xa feitas en favor do holding de Cheney, carece de sentido. Prestar a axuda e o aval da ONU na ocupación de Iraq sen cuestionar a naturaleza da agresión, a función política de cada quen nin o papel e mando das tropas ocupantes implica unha claudicación en toda regra que agrava seriamente a súa credibilidade.

Pensar sequera que un xiro de semellantes características pode facilitar a participación de tropas de países musulmáns no continxente internacional e que iso vai permitir unha pacificación máis rápida do país é outra trola coa única lamentable consecuencia de ampliar a multiplicación de obxectivos. O atentado contra Hakim, igual que outros moitos anteriores contra colaboradores explícitos das tropas ocupantes, pon de manifesto a inmensa folgura do branco contra o que dispara a resistencia. Aínda con casco azul da ONU, esa presencia musulmana non lograría quebrar o sentido da ocupación e trasladaría aos respectivos países un ingrediente explosivo para convulsionar as situacións políticas internas, por regra xeral, abondo fráxiles.