Iraq: unha reinserción internacional pola vía comercial

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

A once anos da entrada en vigor das sancións internacionais, Iraq segue sen acada-la súa rehabilitación na legalidade internacional, pero á marxe dela si está conseguindo a reinserción petrolífera, comercial e, xa que logo, unha distinta posición no contorno da Crecente Fértil.

Da intensidade do reposicionamento internacional e da conversión dos apoios comerciais en apoios políticos dependerá, en boa medida, que o país perda a condición de "nación malfeitora", e que a ONU se decida dunha vez a revisa-lo seu status, rehabilitándose a si mesma tras unha década de desleixo das súas funcións.

Da nova consideración que está acadando o Iraq-mercado confirma a intensísima e proveitosa actividade diplomático-comercial que se está a desenvolver neste mes de novembro no marco da Feira Internacional de Bagdad (BIF), o escaparate económico e comercial máis importante do país.

Tan só na primeira semana, Bagdad conseguiu a sinatura dun acordo de libre comercio con Líbano, o acordo para o establecemento dunha área de libre comercio con Alxeria, os apoios político-comerciais de dous xigantes como Rusia e India e mesmo un incremento do 30% na participación de Irán na Feira, algo impensable ata hai ben pouco.

A delegación rusa na Feira de Bagdad é impresionante: o Comité Ruso para a Cooperación Cultural e Comercial Internacional, delegados dunha longa lista de compañías estatais e privadas, e representantes de ministerios e axencias do Goberno.O obxectivo é crear condicións favorables para os negocios rusos en Iraq, pero xunto á promesa dunha visita do Presidente Putin na súa próxima xira árabe, conséguese un acordo para enviar unha apelación ó mesmo Presidente ruso, ó Goberno e ó Parlamento e mailo Secretario Xeral das Nacións Unidas, Kofi Annan, cara urxi-la creación de condicións normais de cooperación comercial e económica con Iraq.

O Ministro de Asuntos Exteriores indio, Abdul Raheem Mohammed Hussein, acudiu firmemente disposto a estreita-las relacións bilaterais, ó tempo que reiterou o apoio do seu país ás reclamacións iraquís en canto á finalización do embargo e das agresións por parte de Estados Unidos e Reino Unido.

Os participantes na Feira amosáronse ben dispostos a considera-lo mercado iraquí como estable e a agouranlle un gran desenvolvemento. Ós parabéns de Marrocos, Líbano, Alxeria, Túnez e Siria, engadíronse os de Italia, que xunto a Bélxica, Francia, Alemaña, España, Suecia e Austria, completan a significativa presencia comunitaria na cita comercial, na que tamén están presentes Iugoslavia, Cuba, Corea do Sur, Turquía, Indonesia, Tailandia, Sudáfrica, Exipto, Libia, Vietnam, Oman, UAE, Malasia, Qatar, Palestina, Birmania, Nixeria, Xordania, Filipinas, Sri Lanka e Sudán.

Sempre coma un dos motivos de fondo permanecen as conversacións franco-iraquís, nas que ámbolos dous paísse tentan abrir "unha nova páxina", obstaculizada pola fluctuante posición gala ante a consumación de feitos adoptada na última década pola fronte anglo-americana.

A celabración da Feira Internacional de Bagdad coincide coa enésima petición iraquí perante a ONU para que urxa á súa Misión de Observación Iraq-Kuwait (UNIKOM) a cumpli-la súa tarefa, informando das violacións do espacio áereo iraquí por parte dos Estados Unidos e o Reino Unido, agresións en forma de indiscriminados bombardeos que veñen desenvolvéndose sen acougo dende finais de 1998 á marxe das operacións de mantemento da paz da ONU. Dende que en 1991 e 1996, Estados Unidos e Reino Unido (nun primeiro momento co apoio francés), instituíran sen o aval da ONU as zonas de exclusión aérea norte e sur de Iraq co gallo de protexe-las minorías kurda e chiíta e alonxar un pouco Kuwait, a fáctica existencia desas liñas vén xustificando os constantes bombardeos anglo-americanos coa fin de mermar pouco a pouco o potencial militar e industrial iraquí.

As desavinzas no Consello de Seguridade da ONU (no que Francia, Rusia e China piden o cesamento das sancións) provocan que dende o ano 1998 os inspectores da ONU non voltasen a poñe-lo pé en Bagdad. Iraq non é, de feito, un asunto da ONU, aínda que se creasen novas comisións de vixiancia (UMMOVIC) despois de que no ano 1999 Kofi Annan se vise obrigado a destituír a Richard Buttler á fronte da Comisión de Control de Desarme (UNSCOM) polas probas de utilización en beneficio da espionaxe anglo-americana do devandito organismo da ONU.

Como da ONU, Iraq non é nin tan sequera un asunto da OTAN, que non é informada oficialmente da meirande parte das operacións anglo-americanas, contadas pola INA, principal axencia de noticias iraquí, en 35.696 incursións aéreas dende decembro de 1998 ó 9 de novembro de 2001 con saída dende as bases americanas de Arabia Saudí, Kuwait e Turquía.

O número de mortos civís provocadas polas incursións aéreas (200 só entre 1998 e 2000), que se engaden ás publicitadas víctimas infantís do embargo (case un millón de mortos segundo UNICEF) están, pouco a pouco, facendo mella no vello consenso árabe na Guerra do Golfo. O cambio de rumbo da posición de Arabia Saudí en canto ás posicións norteamericanas pode se-lo último foco de inestabilidade da pax americana na zona.

Sen consenso no seo da ONU, na Unión Europea e na OTAN, e dende o contexto da súa Feira Internacional, Iraq pode lembra-las verbas de Condolezza Rice na sú primeira entrevista como Conselleira de Seguridade Nacional tra-la investidura do Presidente Bush; a Rice dicía que "non podemos permitirnos o luxo de esquecernos dos Estados irresponsables como Corea do Norte ou o Iraq de Sadam Hussein, que non teñen, na súa maioría, ningún futuro na nova economía do coñecemento". Probablemente para Iraq sexa hoxe moito máis importante unha economía máis tanxible, a economía comercial das trocas e dos pagamentos, a que lle aporta 400 millóns de dólares (comercio entre Líbano e Iraq en 2001), a presencia de 68 firmas empresariais iranís na Feira, ou a dos homes de negocios rusos no sector nacional do gas.