Irlanda e Euskadi

Nos días posteriores ao acordo de venres santo en Irlanda do Norte, dirixentes políticos e criadores de opinión repetiron ata a saciedade o que é obvio: o caso irlandés é particular.

Ao día seguinte de asinarse o tratado de Stormont, Blair estaba de visita privada en España. Os medios de comunicación insistiron en demandar do premier británico unha resposta ante a cuestión que os desacougaba: ¿era semellante o problema irlandés ao vasco? O xefe de goberno do Reino Unido respondía con evidencias: son casos moi diferentes, o vasco é un problema interno español, etc. O evidente non merece comentario. ¿Por qué insistir nel? Por que, do que se trataba era de transmitir idea de que non se consideraba factible a vía do diálogo para Euskadi.

Dende o 10 de abril moitas cousas teñen pasado tanto no Norte de Irlanda como no País Vasco español. Pouco tempo cronolóxico, pero moito histórico.

O proceso de paz irlandés ten avanzado: referendo sobre o apoio ao acordo en Irlanda do Norte e de modificación da Constitución de Irlanda -23 de maio – eleccións á Asemblea do Ulster "26 de xuño", e ten estado na picota: marcha dos orangistas en Portadown -comezos de xullo – e atentado de Omagh -16 de agosto. Nestes meses foron abandonando os cárceres algúns presos tanto nacionalistas como unionistas. Nos próximos días a tensión pode reavivarse, se o IRA segue sen aceptar o inicio do desarme ata que os británicos non dean mostras de estar dispostos a comezar a desmilitarización. O tira e afrouxa pode chegar mesmo a condicionar a formación do executivo do Ulster e determinar a participación do Sinn Féin no mesmo. Máis a tensión darase no ámbito político da interpretación dun acordo que todas as partes admiten como valido.

Neste tempo tamén teñen mudado cousas no País Vasco. Tras meses de tensión: asasinatos de concelleiros do PP, encarceramento da Mesa Nacional de HB, peche de Eguin, condena de Barrionuevo e Vera, abandono do PSOE do Goberno Vasco; a situación variaba substancialmente cando o 16 de xullo se asinaba a chamada Declaración de Barcelona que sen estar relacionada directamente co conflicto de Euskadi ía abrir un debate na sociedade española sobre a articulación plurinacional do Estado que si está na base da violencia de ETA. As consecuencias do documento foron inmediatas, por unha banda puxo sobre a mesa o tema crucial da democracia en España: dotarse dunha estructura estatal que permitan a integración satisfactoria das tres nacións, pola outra, provocou a reacción dos partidos estatais que promoveron un ataque virulento contra os nacionalismos galego, vasco e catalán por todos os medios: prensa, radio e televisión.

O 13 de setembro o "Foro de Irlanda", que viña celebrando encontros para debater o caso irlandés e aproveitar esta experiencia en Euskadi, fai publica a Declaración de Lizarra que comeza cunha análise do proceso que rematou no Acordo de Paz para Irlanda do Norte. Catro dos partidos asinantes "xunto un gran número de organizacións sociais" tiñan representación no Parlamento Vasco (PNV, HB, EA e IU-EB). Quedan ao marxe PP e PSOE.

Pasaran a penas dous meses entre as dúas declaracións. O mesmo día (16-09-98) no que os asinantes de Barcelona se reunían de novo en Gasteiz, producíase a noticia esperada e desexada por xentes de todos os sectores: o anuncio de tregua indefinida por parte de ETA. O Goberno do PP pasou de dicir que a tregua era unha trampa a gardar un silencio calculado. HB, para evitar posibles accións xudiciais pero sobre todo para pechar a etapa de enfrontamento caracterizada pola "loita na rúa" e a "socialización do sufrimento", mudaba de nome e convertíase en Euskal Herritarrok. O diálogo PNV-HB axudado pola consolidación do proceso irlandés comezaba a dar resultados. A fase inicial conclúe coas pasadas eleccións nas que aparentemente a situación mantense pero que significa o fracaso dos partidos estatais por superar aos nacionalistas (41 deputados fronte a 34 , e se atendemos aos asinantes de Lizarra 43 ante 32) e o ascenso de EH en tres deputados e 56 mil votos máis, confirma que o continuidade da violencia de ETA era un factor que limitaba as espectativas electorais de HB. Os resultados prodúcense cunha alta participación -superior ao 70%- deixando sen un do seus argumentos aos partidos estatais que alegaban o factor do medo a ETA como explicación dos seus magros resultados electorais nas autonómicas. Nestas circunstancias o proceso de formación do novo goberno vasco, aínda que sexa cun carácter temporal e non para rematar a lexislatura, pode ser un bo indicador do camiño futuro.

As diferencias entre ámbolos dous procesos son múltiples. Comezando por que o irlandés, está bastante avanzado e non se prevé unha volta atrás, mentres que o vasco non fixo máis que votar a andar. A IRA declarou o alto ao fogo en agosto de 1994, ETA o mes pasado. No caso do Norte de Irlanda case todos os sectores implicados teñen aceptado como punto de partida que a orixe do conflicto é política e en consecuencia que tamén a súa resolución debe ser política, mentres no caso vasco esto non está tan claro, cando menos polo de agora. Tanto o Goberno Español como ETA teñen que ser conscientes que é imposible a victoria militar e que a continuidade do conflicto só serve para prolongar o sufrimento ou aprazalo a outra xeracións, así mesmo ETA ten que admitir que carece de lexitimidade para negociar co Goberno.

A primeira fase das negociación en Irlanda foi semellante ás de Euskadi, entre próximos pero diferentes, cumpre agora encetar as conversas entre contrarios, sen presa pero sen pausa. Neste sentido a confirmación por ETA da tregua na xornada de reflexión e que non demandase o voto para ningunha forza política foi un importante xesto de distensión. O Goberno debería responder con xestos tranquilizadores e os mellores estarían relacionados cos presos de ETA ou cos encarcerados dirixentes de HB.

Ao mesmo tempo os acenos políticos referidos ao marco xurídico constitucional, non aprobado polos vascos, deben comezar. Moitos analistas argumentan que os vascos teñen un Estatuto que ben quixeran os norirlandeses, certo, pero é que a situación non é semellante. Os nacionalistas irlandeses son minoría nun Ulster esgazado do resto de Irlanda polo Tratado de Londres do 5 de decembro de 1921, mentres os nacionalistas vascos son maioría en Euskadi. Pola contra o Tratado de Stormont recoñece o dereito de autodeterminación que para os nacionalistas vascos se ten convertido nun símbolo. Abrir posibilidades de diálogo sobre a cuestión da territorialidade nunha dirección como a sinalada en Stormont co Consello das Illas pode encamiñar a cuestión de Navarra, onde o organismo de cooperación Navarra-Euskadi está paralizado. Máis lonxe queda a relación coas provincias vasco-francesas só asumible no marco da Unión Europea.

Finalmente unha diferencia substancial é o papel dos EE UU nos dous conflictos. Mentres no caso vasco a actitude norteamericana é de absoluta indiferencia, no caso irlandés é de forte compromiso. Non é necesario lembrar a importancia económica e electoral dos emigrantes que proceden da illa de San Patricio, algún deles antepasado do presidente Clinton, nin a relevancia dos grupos de presión (xudeus, cubanos e irlandeses) na política exterior norteamericana.

Coa esperanza de que a visita do líder católico, laborista e nacionalista irlandés "e recente Premio Nobel da Paz" John Hume aos dirixentes do PSOE e o remate da campaña electoral vasca teña servido para que este partido mude a orientación agresiva da súa política a respecto da cuestión vasca e dos nacionalismos peninsulares.

Que o exemplo irlandés, non a súa aplicación mimética, serva para traernos a todos a paz necesaria.