Un sitio no Mundo

O goberno galego aprobou o pasado mes de xullo o primeiro "Programa Cuatrienal de Acción Exterior de Galicia". Trátase dunha iniciativa política que con independencia das súas lagoas, imperfeccións e mesmo das lexítimas discrepancias que naturalmente pode suscitar, debe ser avaliada moi positivamente. O Programa constitúe un documento exhaustivo que ademais de inventariar rigorosamente o estado da nosa acción exterior institucional, rezuma unha nítida toma de conciencia sobre a crecente importancia do factor exterior para o desenvolvemento das políticas internas. Asi, o Programa reivindica a necesidade de que o conxunto da Administración e dos poderes públicos tomen en consideración a variable exterior nas súas actuacións, eviten a dispersión, coordinen e planifiquen as diferentes integrantes que poden contribuir ó reforzamento da proxección exterior de Galicia.

Polo seu contido, calado, e mesmo o claro posicionamento que adopta en relación a temas polémicos (vencellos entre a cooperación ó desenvolvemento e os intereses económico-empresariais, por exemplo) ou as chamativas ausencias en relación a áreas comúns e de grande importancia para Galicia (caso de Cuba), o Programa Cuatrienal de Acción Exterior de Galicia non merece pasar inadvertido nin pola opinión pública en xeral, nin polas diferentes entidades que na sociedade civil galega reflexionan sobre estas cuestións, nin, por suposto, polas forzas políticas e sociais. Esixe un amplo debate e unha reflexión que nos permita, como colectividade, interiorizar as inmensas posibilidades que se nos abren neste eido da actuación política nos próximos anos, non soamente como consecuencia dunha interpretación constitucional moito máis flexible e aberta, certamente alonxada daquelas primeiras atribucións de exclusividade á Administración central de todo canto afectaba ó ambito internacional, senón sobre todo pola urxencia de acompañar eficazmente os vertixinosos cambios que se están a producir no mundo actual.

Máis dunha vez temos insistido dende o IGADI sobre a conveniencia de que Galicia, dende o universalismo e a procura da satisfacción das nosas necesidades económico-productivas, elabore un discurso, unha política propia, para facerse un sitio no mundo nos atribulados tempos da globalización e da internacionalización. Que ademais este debe ser un referente posible para o consenso presente ou futuro entre as principais forzas políticas do país e o marco idóneo para unha Comisión de acción exterior en sede parlamentaria que fiscalice o activo labor do executivo galego neste eido e afonde na definición e vertebración das liñas estratéxicas da nosa diplomacia. Con seguridade asi conseguiriamos enriquecer esta activiade e evitar igualmente tanto as improvisacións como as rupturas radicais.