11/05/2012 - En Cambados. Presentación do libro "Irlanda en Plácido Castro" Coa participación de Anxo Lorenzo, Luís Aragunde, Xavier Senín e Xulio Ríos.

Irlanda en Plácido Castro

Irlanda foi un referente esencial para os galeguistas do século pasado. Dende Otero Pedrayo a Risco pasando por moitos outros, Irlanda estaba en boca de todos tanto se falásemos de historia, de literatura, de arte, como, por suposto, de política. Un rápido repaso ás publicacións da época (A Nosa Terra, Nós, Céltiga….) ratifícanos nesta convicción. Non obstante, de todos eles, Plácido Castro foi o único que de certo naquela altura pisou terras irlandesas. Iso, xunto ao seu fondo coñecemento das complexas relacións con Inglaterra, onde se formou e residiu boa parte da súa vida, proporcionoulle unha auctoritas que ninguén discutía.

O interese de Plácido Castro por Irlanda cimentouse especialmente na viaxe que levou a cabo en 1928, con apenas 26 anos, en compaña do doutor Flower, a principal autoridade do Museo Británico en cuestións célticas. En Galicia puido seguirse ese periplo a través das súas marabillosas crónicas para El Pueblo Gallego. Estes evocadores textos agora inclúense no volume que ven de publicar a Fundación Plácido Castro e o IGADI. Por desgraza, non recolle o valiosísimo repertorio gráfico que nalgún momento haberá que recuperar. Esa viaxe marcou un punto de inflexión na traxectoria de Plácido, quen manterá vivo o seu interese polas cuestións irlandesas ata a súa morte, en 1967.

A curiosidade de Plácido por Irlanda é unha curiosidade comprometida. Non só se trata de indagar sobre a identidade céltica ou os pormenores dunha traxectoria histórica e sociopolítica que por aquel entón marcaba boa parte da actualidade europea senón de deducir desa investigación as liñas de acción que podían ser de interese para Galicia. Nomeadamente ata a guerra civil, Plácido recorre á experiencia irlandesa en numerosas ocasións para ilustrar as posibilidades que no eido da política (debates entre autonomistas e arredistas, as alianzas), a cultura (teatro, poesía…), a economía (en especial as políticas agrarias), a xestión do territorio (dicotomía cidade-aldea, industria-agro), a sociedade (saudade, pobreza…), etcétera., podían ser merecedoras de atención. E facíao con rigor, sen anteolleiras, recreándose nos matices en cada valoración, afondando nos paralelismos pero rexeitando calquera mimetismo irreflexivo. Cun estilo culto, ilustrado, pedagóxico, respectuoso, Plácido achéganos en cada un dos seus textos valiosa información de primeira man pero tamén, entre liñas, ideas que podían ser de utilidade para construír a Galicia que soñaba. Paga a pena volver a elas.