Irlanda pola paz

O histórico Acordo de Stormont principiou a súa difícil camiñada. Primeiro o referendo do 22 de maio e logo as eleccións lexislativas do 25 de xuño, expresaron inequivocamente o apego maioritario á paz, á vía da negociación para resolver este vello contencioso que enfronta a católicos e protestantes, a irlandeses e ingleses. Non foron superadas, como por arte de maxia, as inevitables divisións nin tampouco solapadas as respectivas diferencias de criterio. Pero por riba desas lexítimas permanencias tanto a inmensa maioría social como a súa plural expresión partidaria apostan agora pola imaxinación política e a flexibilidade para tratar de acadar cadanseu os seus respectivos obxectivos sen violencia. Este é o maior trunfo e o grande mérito do acordo do 10 de abril de 1998, tamén chamado do "Venres Santo", que abre enormes expectativas de cambio nas illas.

Cómpre recoñecer o valor e a tenacidade política dos principais negociadores (Gerry Adams, David Trimble, John Hume, Bertie Ahren, etc) como igualmente o gran éxito da mediación estadounidense (George Mitchell). Pero sen a complicidade renovadora dun Tony Blair non sería imaxinable o pacto de Stormont. Con gran visión de futuro, dende Downing Street estase a impulsar unha nova etapa no desenvolvemento político británico en relación ó seu artellamento institucional. Con todos os matices que se queira, Escocia ou Gales forman parte inseparable do mesmo bloque de renovación que desperta a ilusión de paz en Irlanda do Norte. A clave semella estar na concesión dun maior protagonismo e poder ás vellas nacións británicas.

Despois da caída do muro de Berlín, as perspectivas de cambio político, no que atinxe á plasmación dun modelo económico ou social alternativo, esvaeronse en numerosos movementos emancipatorios. Sen embargo as arelas de profundización democrática, de acadar maiores niveis de liberdade e soberanía política revalidan a súa vixencia e na medida en que sexan capaces de conectar con amplas maiorías sociais teñen máis posibilidades ca nunca de abrirse camiño, innovando, reestructurando a anquilosada política europea. En comparanza coa Checoslovaquia de 1989, en Irlanda poderiamos atoparnos perante unha especie de autodeterminación de veludo.

O entramado institucional que deberá por en marcha a recén elixida Asemblea de Irlanda do Norte gozará de toda a lexitimidade e ampla autoridade. Queda moito por facer e non todas serán alegrías pero da a impresión de que a reconciliación e a paz avanzan entre as maiorías enfrontadas. Pese ós sobresaltos, que os haberá seguro, o proceso de paz non admite cláusulas de nulidade.