Lisboa, en boca de todos

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Despois da polémica adhesión dos irlandeses ao tratado de Lisboa no referendo da semana pasada, falta aínda un último chanzo para concretar completamente os procesos de ratificación dun tratado que, guste ou non, debe facilitar obxectivamente a toma de decisións nunha unión con 27 membros.

Esta fin de semana o presidente polaco Lech Kaczyński completou o proceso de ratificación de Polonia, é dicir, asinar o documento de adhesión despois de pasar polo parlamento local que é o que realmente ten a lexitimidade para ser logo ratificado por parte do xefe do estado.

O último obstáculo será a República Checa, onde o tribunal constitucional debe pronunciarse sobre unha moción presentada por un grupo de senadores que cuestionaron a conformidade do tratado de Lisboa coa carta magna. O presidente checo ten tempo logo para refusar asinar un tratado que tradicionalmente ven obstaculizando ata que o tribunal constitucional se pronuncie.

Aproveitando a circunstancia, e o feito de que está de moda poñer paus nos radios da bicicleta europea, Klaus buscou unha nova condición para poñer a súa sinatura no papel. Unha nota a pe de páxina no que se indique que o capítulo sobre os dereitos fundamentais non sexa aplicado para a República checa porque podería dar lugar a reclamacións alemanas en territorio checo previas á segunda guerra mundial.

Trátase de reinventar as regras de xogo e crear unha dificultade engadida, logo da ratificación do tratado polo parlamento e o senado checos. Algo así como se o rei de España se negase a rubricar as normas do noso parlamento.É certo que os irlandeses conseguiron garantías no ámbito dos dereitos humanos, ou soberanía e taxas, pero é evidente que o tratado de Lisboa non vai crear un superestado só polo simple feito de que algunhas materias deixen de ser gobernadas polo criterio da unanimidade. É posible que se dilate o proceso ate as eleccións en Gran Bretaña do ano que ven, onde se espera que gañen os conservadores e se pronuncien sobre o tratado de Lisboa se este aínda non fose totalmente ratificado.

En calquera caso, unha declaración política non pode levar a renegociar o tratado. Ten que ser o goberno checo, e non o presidente, o que demande a “declaración política” solicitada por Klaus nunha reunión que terá lugar o vindeiro mes e que podería dar lugar a un documento adxunto ao tratado. Este sería similar ás garantías legais outorgadas a Irlanda despois de rexeitar o tratado en xuño de 2008.

Porqué tanta lea en contra do tratado de Lisboa? Gañamos algo con este tratado? Teoricamente si. Saímos do impasse e do estancamento actual, que sempre é noticia, e conseguimos avances por veces contraditorios ao perder a capacidade de veto dos estados membros nalgunhas materias e ao mesmo tempo incrementar a participación do Parlamento Europeo e dos parlamentos dos estados (para cando dos parlamentos das nacións sen estado?), amais da creación da “iniciativa cidadá” para pedir que a comisión teña en conta as propostas emanadas directamente do pobo. Mesmo se recolle a posibilidade de retirada da UE se é que Klaus e os seus correlixionarios así o desexan.

É preciso por outro lado adoptar métodos de decisión máis simplificados nunha Unión a 27, que non tivo avances desde o Tratado de Niza. Probablemente un dos capítulos máis polémico é o da protección dos dereitos dos cidadáns que serviu para resistirse á ratificación do tratado aos países anglosaxóns e e aos euroescépticos do leste, aos que non lles gusta nada a regulación nestas materias.

E finalmente, apúntase unha maior ambición para que a Unión se exprese con claridade no ámbito internacional. Que o vicepresidente da Comisión sexa o responsable dos asuntos exteriores, debe incrementar o crédito e a coherencia da acción exterior de UE, que ademais crea un corpo diplomático, o “servizo europeo de Acción exterior”, para asistilo. Iso non significa que a Comisión Europea poida impoñer a súa visión sobre os estados membros no tocante á política europea de seguridade e defensa que segue conservando un sistema especial de toma de decisións, pero axuda a unificar criterios cun grupo reducido de estados, e o que é máis importante, o Tratado de Lisboa tende cara a unificación dos tres piares da UE: a dimensión comunitaria (cidadanía da Unión, políticas comunitarias, unión económica e monetaria, etc), a política exterior e de seguridade común (PESC), e a cooperación policial e xudicial en materia penal. É dicir, retomar o vieiro da coherencia e da credibilidade institucional.