driss jettou

Luces e sombras de cinco anos de Goberno Jettou en Marrocos


 Driss Jettou, clic para aumentar
Nos inicios da andadura do actual executivo, en 2002, desde diferentes sectores tívose reprochado o feito que Driss Jettou (na foto) fora un tecnócrata sen filiación política, designado directamente por Mohamed VI. Pouco a pouco, sen embargo, este empresario fixo esquecer as súas “orixes palaciegas” e non falta mesmo quen asegura que Jettou ten conferido ó seu mandato unha coherencia e claridade nunca antes conferida ó posto por anteriores primeiros ministros.
 

A pouco máis dun mes para a celebración das eleccións lexislativas do 7 de setembro, o primeiro ministro marroquí, Driss Jettou, compareceu, o pasado 17 de xullo, diante da Cámara de Representantes de Rabat, para render contas dos seus case cinco anos á fronte do executivo. Nunha longa intervención, este empresario sen filiación partisana repasou, un por un, os aspectos máis salientados da xestión do seu equipo de goberno. Os meirandes logros dun lustro de mandato foron, segundo o propio Jettou, “a cohesión gobernamental real, a ampla concertación cos operadores económicos e sociais, a fructuosa interacción co poder lexislativo, amais da forte implicación da sociedade civil nas accións públicas”.

A arenga do primeiro ministro estivo acompañada dun mar de cifras. Entre outros indicadores, Jettou aludiu ó crecemento do 5% do PIB entre 2002 e 2006 (fronte ó 3,3% rexistrado entre 1999 e 2001), ó volume global de proxectos por valor de 62 mil millóns en 2006 (superior ós 20 mil millóns de 2005), á reducción do déficit orzamentario do 4,1% en 2002 ó 1,7 en 2006, así como ó incremento dos ingresos fiscais, a pesares da supresión das barreiras aduaneiras e á entrada en vigor dos acordos de libre cambio coa Unión Europea, Estados Unidos, Turquía e algún que outro país árabe. Á luz destes números, para o aínda xefe do executivo, “non caben dúbidas sobre a eficacia e bo traballo do meu equipo de goberno”, sinalou este na súa comparecencia parlamentaria.

Como non podía ser doutro xeito, ás opinións con respecto á xestión Jettou son variadas e non faltan ós críticos. Algúns, coa Asociación Marroquí de Dereitos Humanos á cabeza, denuncian que os datos aportados polo primeiro ministro non son fiables e contrastan coa auténtica realidade social do país. “Non é críbel que a taxa de paro estea situada oficialmente no 9,7% e que, nembargantes, a poboación se atope cada vez máis empobrecida, máis indefensa e sen ningún tipo de protección social”, condena Abdellah Elharrif, secretario xeral do partido de extrema esquerda que non se presentará ós próximos comicios, Annaj Dimocratie (“a vía democrática”, literalmente). Para Elharrif, “a acción gobernamental, sen efectos, amosa unha vez máis que nos atopamos diante dunha democracia de fachada, onde as forzas políticas xogan un rol de figurantes”.

Aínda que críticos, outros prefiren enmarcar a acción de goberno no seu xusto contexto, poñendo en relación os logros de Jettou cos de anteriores executivos. Deste xeito, para outros a acción e o traballo do actual equipo gobernamental non tería parangón na historia de Marrocos. Estes falan, entre outros elementos, dos esforzos e o investimento realizado na adecuación das infraestructuras, a adopción dun novo código de traballo, a liberalización do sector audiovisual e os avances en canto á liberdade de prensa e de expresión, a adopción dunha nova Moudawana que outorga plenos dereitos á muller, a elaboración dun código da nacionalidade máis acaído co século XXI ou a ordenación e racionalización do campo partisano.

Nos inicios da andadura do actual executivo, en 2002, desde diferentes sectores tívose reprochado o feito que Driss Jettou fora un tecnócrata sen filiación política, designado directamente por Mohamed VI. Pouco a pouco, sen embargo, este empresario fixo esquecer as súas “orixes palaciegas” e non falta mesmo quen asegura que Jettou ten conferido ó seu mandato unha coherencia e claridade nunca antes conferida ó posto por anteriores primeiros ministros. Neste senso, o consultor político Karim Douichi, non dubida en asegurar “a grande diferencia existente con respecto ó anterior goberno, ó do socialista Abderrahman Youssoufi, contra quen existían demasiadas aprehensións, precisamente pola súa natureza de home político, alguén con demasiada historia ás súas costas”.

Doutra banda, que o actual goberno este formado por socialistas (USFP), nacionalistas de dereita (Istiqlal), conservadores populistas (MP), un partido de centrodereita (RNI) e por comunistas (PPS), ten sido tamén un motivo recorrente de crítica, sobre todo da parte dos “islamitas moderados” do Partido pola Xustiza e o Desenvolvemento (PJD). “A acción gobernamental ten estado falta de homoxeneidade e coherencia, e non se comprende un executivo cunha tal amalgama de sensibilidades no seu seo”, asegura Abdelaziz Rbah, líder das xuventudes da formación islamita. Compre lembrar que o sistema político marroquí non permite que ningunha formación obteña unha maioría clara, esixindo os pactos a múltiples bandas para formar goberno. Así as cousas, este será un dilema co que se terá que enfrontar en breve o PJD que, de confirmarse os prognósticos que falan dun aumento do apoio electoral dos islamitas, ben podería formar parte tamén dun futuro executivo multipartito.