Mareados

As eleccións presidenciais serbias volveron a resultar nulas debido a que menos do cincuenta por cento dos votantes exerceron o seu dereito de sufraxio. Os comicios se celebraron cunha participación de a penas o 45 por cento. Dos tres candidatos en liza, Vojislav Kostunica, actual presidente iugoslavo; Vojislav Seselj, líder do Partido Radical serbio e Vorislav Pelevic, líder do Partido da Unidade serbia, o primeiro obtivo o 58 por cento dos votos emitidos. Seselj quedou segundo cun 36 por cento.De conformidade coa lei electoral, unha vez se declare formalmente a nulidade do proceso, Natasha Micic, presidenta da Asemblea da República de Serbia, ocupará a presidencia do país de forma interina, a seguir da expiración do mandato do presidente serbio Milan Milutinovic, previsto para o 8 de xaneiro próximo. Mici deberá decidir no prazo máximo de dous meses se realiza ou non unha nova volta electoral.

Cun electorado mareado de tanta volta, sen entusiasmo nin confianza nos actuais líderes por mor da insatisfacción suscitada polas reformas económicas e o inapreciable melloramento das condicións de vida, mesmo atónito ante o despilfarro de recursos en sucesivas convocatorias electorais que nada resolven cando se negan aumentos de salarios ou non se pagan as pensións mínimas, a crise política está servida e promete agrandarse. De entrada, quen máis se frota as mans é o ultraliberal Zoran Djindjic, primeiro ministro de Serbia, que por segunda vez conseguiu frustrar a victoria do seu máis directo rival, Vojislav Kostunica, quen o acusa de haber organizado o boicó ás eleccións. Djindic podería intentar agora unha modificación da Constitución para forzar a designación do Presidente por vía parlamentaria.

Non obstante, os plans do primeiro ministro serbio poderían verse igualmente frustrados se a crise política se extende á súa maioría parlamentaria. Algúns analistas en Belgrado vaticinan unha mais que probable caída do goberno serbio que preside, incapaz de dixerir as súas propias contradiccións. Cómpre ter en conta que varios dos seus aliados apostaron por Kostunica nesta segunda volta como mal menor, para evitar precisamente a crise política que agora empantana o corazón dos Balcáns. Kostunica, por outra banda, podería pasarlle factura a Djindjic dinamitando a súa maioría e forzando a convocatoria dunhas novas eleccións, pero non presidenciais, senón lexislativas e anticipadas, reagrupando o campo nacionalista e achegandose a algúns sectores do antigo réxime que non simpatizan de todo co extremismo de Seselj. Kostunica é, hoxe por hoxe, o líder político que goza dunha maior lexitimación. Aínda que lle val de pouco.

Serbia segue batendo marcas. É o único país do mundo no que as eleccións presidenciais foron invalidadas nada menos que tres veces en cinco anos (na primeira volta de 1997, o 13 de outubro e o 8 de decembro de 2002). O dato é revelador da existencia de profundas fendas na sociedade serbia que impiden a plasmación dunha vida política minimamente normalizada e o establecemento dun consenso básico, elemental, sobre que camiño seguir.

A responsabilidade de semellante estado de cousas non é exclusiva dos denostados protagonistas balcánicos. A interminable crise política serbia pode dar o toque de gracia aos intentos occidentais por refundar Iugoslavia nunha pilotada unión de Belgrado e Podgorica. Montenegro, que avanzara substancialmente nos pasados meses nun texto constitucional aceptable para ambas partes, mira de reollo o proceso e anda a facer de tripas corazón para non emprender a fuxida aproveitando a frustración sistémica serbia.