Un recente artigo publicado no portal Aporrea por parte do movemento Marea Socialista, unha organización popular “chavista” que comeza a asomar posicións críticas sobre a xestión do presidente Nicolás Maduro, alerta do aumento dun notorio descontento entre as bases populares, motivadas pola prolongación da crise socioeconómica, en particular da escaseza de produtos básicos e a elevada inflación. Este contexto afronta un escenario de complexidades, en particular ante as próximas citas electorais previstas a curto prazo (comicios lexislativos) e ante a eventual recomposición dun novo equilibrio de forzas dentro do panorama político venezolano
Un recente artigo publicado no portal Aporrea por parte do movemento Marea Socialista, unha organización popular “chavista” que comeza a asomar posicións críticas sobre a xestión do presidente Nicolás Maduro, alerta do aumento dun notorio descontento entre as bases populares, motivadas pola prolongación da crise socioeconómica, en particular da escaseza de produtos básicos e a elevada inflación. Este contexto afronta un escenario de complexidades, en particular ante as próximas citas electorais previstas a curto prazo (comicios lexislativos) e ante a eventual recomposición dun novo equilibrio de forzas dentro do panorama político venezolano
Neste texto(1), Marea Socialista alertaba sobre os presuntos “pactos espurios entre cúpulas cínicas, la de la MUD(2) y la burocracia electorera del PSUV(3)”, aspectos que presuntamente conformarían un “debilitamiento o pérdida de conquistas democráticas del proceso bolivariano”. Con anterioridade, Marea Socialista alertou ao presidente Maduro sobre “los peligros de la tentación autoritaria”, unha alerta que, dentro do contexto actual, asúmese como unha “señal de alarma”, reclamando ao poder presidencial a súa obriga “de hacer cumplir la Constitución de la República” porque é “un legado del Comandante Chávez que se está violentando”(4).
A alerta trazada por Marea Socialista pode inducir a presión das bases populares por reconducir o proceso revolucionario, a través dun punto de inflexión motorizado por unha disidencia sumamente crítica cara o actual establishment de poder “post-Chávez”. Este punto de inflexión non está unicamente dirixido aos estamentos de poder senón cara a necesidade de organización e de mobilización social, amparada polas facultades constitucionais sobre a participación política e o fortalecemento do poder cidadá. Así, asumiríase a tarefa de acometer os problemas socioeconómicos (escaseza de produtos básicos, riscos de hiperinflación, inseguridade cidadá) así como daqueles aspectos de carácter estrutural, particularmente no apartado da lexitimidade política, con especial incidencia para Maduro e as elites, burocráticas e empresariais, instaladas no PSUV e nas instancias de poder.
Sendo un movemento proveniente do que se pode denominar como “o chavismo popular de base”, cobran importancia estas advertencias de Marea Socialista, en particular ante unha presumible sensación de inercia, de burocratización e de posicións autoritarias por parte do “post-chavismo” actualmente no poder, que obrigan a “reconducir” o proceso revolucionario(5). Alertaríase así sobre os riscos de aparente perda de popularidade(6) e, incluso, das posibilidades de gradual erosión política e electoral para o PSUV, en particular de cara á celebración das próximas eleccións lexislativas, con data aínda sen confirmar por parte do Consello Nacional Electoral (CNE)(7). Polo momento, a Asemblea Nacional venezolana xa decretou, aparentemente por instigación presidencial, a suspensión das eleccións ao Parlatino.
Estes factores gravitan considerablemente dentro do momento venezolano, polarizado e agravado non só pola crise socioeconómica senón por unha cada vez mais activa presión internacional, en particular dende España e outros países latinoamericanos, na que balancéanse diversas expectativas focalizadas nas denuncias de presunta deriva autoritaria por parte do goberno de Maduro, así como da cada vez mais intensa preocupación hemisférica polas repercusións rexionais da crise venezolana.
Amparados neste contexto, comeza a observarse a reactivación das mobilizacións, principalmente por parte dos sectores opositores, tal e como se observou o pasado 30 de maio, coas concentracións en Caracas para protestar pola situación de líderes considerados como “presos políticos”, como son os casos dos ex alcaldes Leopoldo López, Antonio Ledezma e Daniel Ceballos. Estes foron acusados pola xustiza venezolana de presuntamente orquestrar e instigar mecanismos de conspiración, tentativas de golpe de Estado e de inestabilidade social.
Con todo, o trasfondo destas mobilizacións opositoras buscan mais ben imprimir a aparente imaxe dunha unidade política que, cando menos, non está absolutamente garantida. Este percepción reforza a prolongada sensación de polarización, incerteza e confusión existente dentro do panorama político venezolano, e de cómo estas expectativas poden eventualmente propiciar novos equilibrios de poder entre unha pluralidade de actores con intereses diversos.
Paralelamente, existe un visible pulso exterior cara o goberno de Maduro no cometido de acordar a viabilidade de misións exteriores de diversa natureza(8). Esta presión exterior dobra a súa intensidade ante a publicación en medios internacionais(9) de informacións sobre presuntas conexións co narcotráfico por parte do presidente da Asemblea Nacional, Diosdado Cabello, así como de altos cargos gobernamentais e da Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB)(10). Esta presión exterior refórzase ante a proliferación de informes que denuncian un preocupante estado de deterioro dos dereitos humanos e civís en Venezuela(11).
Alén deste contexto, a cada vez mais pública disidencia amosada por Marea Socialista, así como as súas expectativas de mobilización popular, anuncian unha eventual atomización e confrontación interna dentro do PSUV e do “chavismo”, con particular incidencia de cara ás súas eleccións primarias previstas para finais de xuño, con miras de elixir as candidaturas “chavistas” para as próximas eleccións lexislativas.
Este escenario intúe un pulso interno sobre a lexitimidade e a consistencia do liderado de Maduro dentro do PSUV con claras perspectivas electorais pero que fortalece, ó mesmo tempo, a sensación de confusión e incerteza sobre o clima social e político venezolano, en particular de cara á condución do proceso revolucionario.
Nesta dinámica, está por ver se Marea Socialista logra finalmente constituírse nun suxeito político autónomo e alternativo dentro do “chavismo” e en qué medida contaría con capacidade de mobilización electoral para reconducir este proceso aparentemente atomizado pola inercia e as incertezas. Pode que así, en Venezuela tamén sexan tempos de “mareas”.
(1) “¿A qué le temen las cúpulas? Aporrea, 20 de maio de 2015. Ver en: http://www.aporrea.org/trabajadores/a207989.html. Marea Socialista é un movemento orixinario dentro do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), actualmente gobernante e principal movemento político do “chavismo”. Os seus principais propulsores son Gonzalo Gómez Freire, un dos creadores do portal dixital Aporrea; o analista político Nicmer Evans; e outros militantes como Andreína Pacheco, Juan González e Lucero Benítez, entre outros. Desde finais de 2014, o presidente da Asemblea Nacional, Diosado Cabello, ven argumentando a presunta composición de elementos subversivos e “quintacolumnistas” dentro de Marea Socialista, incluso suxerindo o seu presunto financiamento por parte dos sectores opositores e de EUA. En novembro de 2014, Marea Socialista realizou a súa primeira Conferencia a nivel nacional, argumentando a necesidade de conformar unha nova “forza revolucionaria” ante o descontento popular coas cúpulas establecidas no PSUV, en particular coa corrupción e o burocratismo que “afectan á revolución”. Para maior información, consultar: “Nicmer Evans: Marea Socialista decidirá en noviembre ser partido o no”. http://www.eljoropo.com/site/nicmer-evans-marea-socialista-decidira-en-noviembre-ser-partido-o-no/
(2) Mesa pola Unidade Democrática, principal plataforma de partidos e movementos opositores, liderado polo ex candidato presidencial Henrique Capriles Radonski, nos que destacan os partidos Primero Justicia (do que provén Capriles Radonski), Acción Democrática, Partido Social Cristiá COPEI e Un Nuevo Teimpo. Non obstante, dentro da MUD e doutros sectores opositores cobra intensidade o ascenso de faccións de carácter mais radical, en particular o movemento denominado “La Salida”, liderado pola ex deputada María Corina Machado (movemento Vente Venezuela),o alcalde metropolitano Antonio Ledezma (do partido Alianza Bravo Pueblo, en prisión desde febreiro pasado baixo acusacións de presunta conspiración) e tamén ex alcalde Leopoldo López (do partido Voluntad Popular), en prisión desde febreiro de 2014, acusado de liderar os violentos enfrontamentos acaecidos no país entre febreiro e abril dese ano, e que deixaron aproximadamente 43 mortes e decenas de detencións. Na actualidade, Lilian Tintori e Mitzy de Ledezma, esposas de López e Ledezma encabezan unha campaña a nivel nacional e internacional a favor da súas respectivas liberacións, contando co apoio dos sectores ligados “La Salida”, ó mesmo tempo que semellan polarizar e incluso desacreditar o liderado de Capriles dentro da MUD, presentándoo como un “moderado”.
(3) Partido Socialista Unificado de Venezuela, actualmente gobernante e principal movemento político do “chavismo”.
(4) “¿A que le temen las cúpulas?”, op.cit.
(5) Recentemente, Marea Socialista tentou infrutuosamente presentarse como partido político ante o Consello Nacional Electoral (CNE). No seo deste movemento crece a percepción de que o goberno de Maduro e as elites no poder presuntamente “traizoaron” o legado revolucionario e bolivariano do desaparecido presidente Hugo Chávez, entregándose á corrupción e á concentración de poder.
(6) A asesoría política Data Mining estimou que, para xuño de 2015, os niveis de popularidade do goberno de Maduro así como do actual establishment “chavista” son menores ao 20%, o seu nivel histórico mais baixo desde a súa chegada ao poder en 1999. Outros analistas estiman que aproximadamente un 30% do electorado en principio “chavista” amosase actualmente fatigado, desesperanzado e descontento co goberno de Maduro, sen que estes índices supoñan unha ganancia de carácter electoral para os partidos e movementos da oposición, cuxo discurso segue a observarse marcadamente elitista, dirixido case exclusivamente aos sectores opositores. Paralelamente, diversas enquisadoras venezolanas estiman unha tendencia en intención de voto favorable á oposición de cara aos próximos comicios lexislativos.
(7) Oficialmente, as eleccións lexislativas deben celebrarse en setembro próximo, tomando en conta que as anteriores foron celebradas en setembro de 2010. Con todo, crecen as expectativas dun eventual adianto electoral.
(8) O ex presidente colombiano Andrés Pastrana e o seu homólogo boliviano Jorge Quiroga visitaron Venezuela a finais de maio para tentar, infrutuosamente, reunirse con López, Ledezma e Ceballos. Pola súa banda, o ex presidente español Felipe González nomeouse en marzo pasado como avogado defensor das causas políticas de López e Ledezma e insiste en viaxar a Caracas, sendo considerado “persoa non grata” polo goberno venezolano. Maduro reiteradamente rexeita estas misións argumentando a presunta concreción dun eixe Washington-Bogotá-Madrid con pretensións conspirativas contra o seu goberno. Paralelamente, a presidenta brasileira Dilma Rousseff así como un alto cargo do goberno uruguaio de Tabaré Vázquez amosaron publicamente a súa preocupación pola crise política e socioeconómica venezolana, instando a unha acción conxunta a nivel hemisférico destinada a alcanzar unha solución política. Finalmente, membros da Asemblea Parlamentaria EuroLatinoamericana (EuroLat) recoñeceron que existen fortes diverxencias dentro deste organismo para emitir unha declaración de consenso sobre a crise venezolana, tomando en conta que os representantes europeos premen por enviar unha mensaxe ao goberno venezolano para esixir a defensa dos dereitos humanos, toda vez os representantes latinoamericanos defenden o principio de soberanía e non inherencia. Sobre este apartado, consultar: “Parlamentarios de UE y Latinoamérica se muestran divididos sobre Venezuela”, Infolatam, 4 de xuño de 2015. Ver en: http://www.infolatam.com/2015/06/04/parlamentarios-de-ue-y-latinoamerica-se-muestran-divididos-sobre-venezuela/
(9) En particular os diarios estadounidenses The New York Times, The Washington Post e The Wall Street Journal, reproducidos tamén nos diarios españois ABC e El Mundo.
(10) As fontes destas acusacións de presuntos nexos co narcotráfico provén do capitán de corveta venezolano Leamsy Salazar, ex xefe de seguridade de Chávez e de Cabello, e quen desertou a EUA en xaneiro de 2015. Salazar está actualmente baixo custodia en Nova York, sometido a interrogatorios por parte da Fiscalía estadounidense. Entre os sinalados por estas acusacións figuran, ademais de Cabello, o gobernador do estado Aragua, Tareck El Aissami, e o ex xefe de Intelixencia, Hugo Carvajal, entre outros.
(11) Organizacións como Venezuela Awareness e o Foro Penal Venezolano estiman que nas cárceres venezolanas existen decenas de presos políticos, con índices que oscilan entre 77 e 99 persoas, así como outras 31 persoas privadas de liberdade polos enfrontamentos acaecidos entre febreiro e abril de 2014, e mais de 2.000 persoas en réxime de liberdade condicionada, entre eles 196 menores de idade. Para maior información, consultar: “Venezuela: decenas de presos políticos”, Deutsche Welle, 27 de maio de 2015. Ver en: http://www.dw.de/venezuela-decenas-de-presos-pol%C3%ADticos/a-18479138