“Modell Amerika”: sobre a demisión de Schroeder

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Logo de varios meses de pulso político no seo da Socialdemocracia, o chanceler Gerhard Schroeder ven de renunciar ao seu posto como Presidente do Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD). Esta demisión insírese no cadro de toda unha longa e complexa trama de liortas intestinas da Socialdemocracia das que xa forman parte episodios como o incumprimento práctico do Programa Fundamental de Berlin (1989), as "purgas" do Círculo de Frankfurt, a demisión de Oskar Lafontaine, os acordos pre-eleitorais da últimas eleccións federais (posición ante a guerra de Iraq incluida) ou as recentes loitas contra o poder sindical, dentro e fóra do partido (lista ésta que dista de ser un enunciado exaustivo).

A partires de agora ábrese un periodo de crise na dirección do SPD que en principio debería pecharse no vindeiro congreso extraordinario do partido. O de Gerhard Schroeder é, sen dúvida, un movemento táctico enormemente arriscado, deses nos que un político pon en xogo a súa carreira, mais tamén unha decisión política de envergadura que evidencia a fonda crise pola que está a pasar o proxecto do neoliberalismo progresista alemán desde a súa configuración como proxecto do «novo centro» (Neue Mitte) na primeira metade dos noventa.

Por aquel entón, a Socialdemocracia xermana viña de recibir un golpe de morte a resultas dos erros tácticos cometidos durante a II Unificación Alemaña (1989/1990). Estes erros eran, á súa vez, o resultado dunha fonda incomprensión da envergadura das transicións en curso logo da fin do Socialismo realmente existente. Hoxe, coa avantaxe que nos confire unha perspectiva histórica de décadas, resulta ao fin posíbel unha primeira e pronta, por mais que esquemática, reconstrucción do acontecido durante as décadas precedentes.

En efecto, os anos setenta foron para o SPD a década da crise definitiva como partido de goberno. Esta crise abriuse coa demisión do chanceler Willy Brandt e, á marxe das cuestións conxuncturais que provocaron a mesma (o célebre caso de espionaxe protagonizado polo axente germano-oriental Guenter Guillaume), hoxe pode ser vista como unha evidencia máis do esgotamento definitivo das grandes políticas públicas das décadas precedentes («Ostpolitik», políticas económicas baseadas na concertación neocorporativista, etc.) e que entraron na Historia baixo a coñecida fórmula «Modell Deutschland» (Modelo Alemaña).

Logo da demisión de Willy Brandt a Socialdemocracia precipitouse nunha crise indisociábel dos grandes cambios estructurais que seguiron á crise do petróleo de 1973 e á instauración unilateral norteamericana do Réxime Dólar Wall-Street. No plano da política interna, o desafio da loita armada no seo dunha radicalización crecente dos movementos sociais nascidos nos sesenta conduciria ao «Deutsches Herbst» (o Outono alemán), equivalente dos Anos de Chumbo italianos nos que o terrorismo de Estado puxo de manifesto as propias limitacións internas da constitución formal da República de Bonn. O final desta crise chegou coa moción de censura lanzada por Helmut Kohl (CDU/CSU) contra Helmut Schmidt (SPD), que levaría de volta ao poder á Democracia Cristiá.

Pola súa banda, os oitenta foron os anos da crise do SPD como partido de oposición. A emerxencia, a finais dos setenta, de novas subxectividades constituintes no cadro da derradeira crise fordista (os tamén chamados "novos movementos sociais" "pacifismo, feminismo, ecoloxismo…) lanzou á Socialdemocracia un desafío electoral sen precedentes na República de Bonn: Os Verdes. Desde as primeiras eleccións en que concurriu esta formación (en 1980, obtendo un 1,5%) até a súa primeira grande crise interna a finais dos oitenta (do 8,3% de 1987 ao 3,9% de 1990), o transvase de votos socialdemócratas ás candidaturas verdes semellaba non ter fin. O atractivo dun partido que se dicia "antipartido", capaz de practicar novas formas de facer política en tempos de crise non era un desafío doado para un dinosaurio como o partido socialdemócrata.

A resultas de todo isto, no SPD progresarían un intenso debate e pulso internos, o equilibrio dos cales se habería truncar coa inesperada caída do Muro de Berlín. Así, o momento culminante da que debería ter sido a grande refundación socialdemócrata ás portas do século XXI, acabou en fiasco: xusto cando Oskar Lafontaine, cabeza visíbel da renovación xeracional dos chamados «Netos de Willy Brandt», conseguía chegar á cúspide do partido cun programa de tipo «eco-neo-keynesiano» listo para frear aos Verdes, o derrube do Muro de Berlín abría as portas a un fondo xiro identitario nacionalista de tintes neoconservadores no conxunto da sociedade panalemana. O grande beneficiario deste cambio, en parte inducido polas ambigüidades tácticas do propio SPD no relativo á cuestión nacional, sería o até entón chanceler democristián, Helmut Kohl, que emprendería así o camiño para batir o récord histórico de permanencia no cargo do propio Otto von Bismarck.

Nesta orde de cousas, se a década dos setenta foi a da crise como partido de goberno e a dos oitenta como partido de oposición, a dos noventa sería a da refundación definitiva do SPD nun partido definido por un proxecto programático de contidos neoliberais progresistas (os célebres papeis Schroeder-Blair evidencian a culminación deste traballo de readaptación ideolóxica á Era da Globalización), dirixido ás clases medias «para sí», no dicir xa clásico de Lukács, e artellado no plano organizativo segundo o modelo do «cartel"party» (os chamados «partidos negociadores de intereses»), en contraposición ao anterior modelo do partido de tipo «catch"all» («arrepaña con todo», en alusión ao seu interclasismo, correlato sociolóxico do Programa Fundamental de Bad Godesberg, 1959).

Logo deste percorrido histórico, a década dos 2000 vai camiño de ser a década da crise da Socialdemocracia como alternativa progresista na alternancia pendular do sistema de goberno representativo. En rigor, esta crise da Socialdemocracia nas súas formas representativas tradicionais poderia terse producido xa nas últimas eleccións federais: de feito, o empate a 38,5% entre SPD e CDU/CSU, tan só foi posíbel gracias a un compromiso de última hora no que entraban en xogo temas como a non participación na Guerra de Irak, a saida definitiva da enerxía nuclear e outros temas levados polos movementos sociais á axenda pública.

A pesar de ter sobrepasado este test polos pelos, o SPD non puido deixar de perder un senfín de eleccións rexionais, evidenciando así unha tendencia de fondo tradicionalmente negativa para o partido do goberno que non presaxia nada bon. Asemade, a perda de votos face á abstención e a crise interna do partido non deixan lugar para grandes esperanzas entre os que ainda pensan que outra Socialdemocracia é posíbel.

No entanto, ás portas dunha nova batalla no seo do movemento socialdemócrata, as espadas están en alto, o chanceler demitido como Presidente do Partido e o pulso coa esquerda da Socialdemocracia e, particularmente, coa esquerda sindical, pendente das negociacións do novo interlocutor, Hans Muenterfering. Só o futuro nos dirá se Gerhard Schroeder gaña o desafío do seu «Modell Amerika» fronte ao derradeiro bastión sindical do «Modell Deutschland».