20060402condoleeza rice e jalal talabani

Ms Rice: paciencia e confesións

 Jalal Talabani e Condoleeza Rice, clic para aumentar
Quizás ms Rice non sexa quen de interpretar que son precisamente os iraquís os que perden a paciencia, diante das promesas incumpridas de EEUU, Gran Bretaña e o novo goberno iraquí, tan lexítimo e legal como inexistente. Que a escasa estabilidade, a cotío da nunha vida chea de penurias. Que o problema é tan contraditorio e complexo que nin a elevada presenza militar occidental asegura esa estabilidade nin a súa marcha do país sería garante dunha transición saudable. (Foto: Condoleeza Rice saúda ao presidente iraquí Jalal Talabani durante a súa visita a Bagdad o 2 de abril de 2006).
 

"Os iraquís están perdendo a paciencia". Con estas contundentes palabras de Condoleeza Rice en Bagdad, realizadas durante unha visita ao primeiro ministro Ibrahim Jaafari e ao presidente Jalal Talabani, a xefa da diplomacia estadounidense tentaba diagnosticar un país esgotado pola caótica transición.

Nesta visita de urxencia, que tiña por finalidade reactivar o proceso de negociación entre as distintas comunidades para conformar finalmente un goberno nacional, logo de tres meses das eleccións lexislativas, houbo tempo tamén para unha inédita confesión por parte de Rice, relativa aos "milleiros de erros tácticos" cometidos por Washington na invasión militar do país árabe. Nótese: erros tácticos, non estratéxicos, Rice dixit.

Non sabemos exactamente a qué paciencia se refire a controvertida Secretaria de Estado estadounidense, postulada por un determinado sector da opinión pública do seu país como unha futura candidata presidencial. É de supoñer que Rice desexa interpretar, na súa boca, un clamor popular pola inexistente estabilidade en Iraq. Ou ben persuadir aos impopulares e descoñecidos líderes da Autoridade Nacional Iraquí da necesidade de concretar, por fin, un goberno nacional nun país que reflicte unha inocultable imaxe de pre-guerra civil. Ao tempo, os partidos iraquís turran incansablemente para que Jaafari renuncie ao seu posto de primeiro ministro.

Quizás ms Rice non sexa quen de interpretar que son precisamente os iraquís os que perden a paciencia, diante das promesas incumpridas de EEUU, Gran Bretaña e o novo goberno iraquí, tan lexítimo e legal como inexistente. Que a escasa estabilidade, a cotío da nunha vida chea de penurias. Que o problema é tan contraditorio e complexo que nin a elevada presenza militar occidental asegura esa estabilidade nin a súa marcha do país sería garante dunha transición saudable. O Iraq 2006 segue a ser un doente impaciente.

Tampouco sabemos se esta serodia mea culpa serve para que, en Bagdad, se decida un futuro que os iraquís descoñecen por completo. Os xiítas e os kurdos están cada vez máis convencidos de que as súas posicións se consolidarán, en detrimento da outrora dominadora comunidade sunnita. Washington abre vías indirectas de diálogo con Teherán para pacificar Iraq, mentres, pola vía directa, acelera os posibles preparativos, diplomáticos e militares, para unha operación bélica contra Irán, desta vez previa autorización do Consello de Seguridade da ONU.

A única realidade que semella segura é que a violencia interétnica e relixiosa está configurando o Iraq de posguerra. Nin as faccións de Al Qaeda de Mesopotamia, comandadas por Abu Musab al Zarqawi, camiñan cara a formar parte dos actores principais do Iraq en transición. Nin tampouco as masivas votacións do 2005, posúen mecanismos democráticos para avaliar algo ilexítimo e ilegal.

O que domina en Iraq é o absurdo, mesturado coa desesperanza como psicose colectiva e, sen dúbida, esa impaciencia dunha poboación alienada polas frustradas promesas occidentais e as interminables divisións internas. As confesións de Rice non van traer remedios a este dramático surrealismo.