Nobel

Desta vez, a Academia sueca mirou cara Asia, o continente do futuro. Primeiro foi Gao Xingjian, na Literatura; despois Kim Dae-jung, na Paz. En ambos os dous casos hai un pouso agridoce. A elección de Xingjian é contestada ata polos propios círculos literarios. Habida conta que se trata dun exiliado naturalizado francés, é un Nobel difícil de non instrumentar políticamente. Na orde ideolóxica das cousas, o agardado repudio de Pequín convértese nunha celebrada benvida de Taipei, afondando no abismo que aínda dificulta o avance nese outro gran proceso unificador pendente na rexión, o das Chinas.

Nas mesmas coordenadas, causaría asombro a concesión do Nobel da Paz a Kim Jong-il, o dirixente de Corea do Norte, un país que Washington, a capital do universo civilizado, inclúe na lista de Estados "delincuentes". Pero a reconciliación en Corea é cousa de dous ou non é, como en Irlanda ou en Sudáfrica, onde o galardón, como o esforzo, foi a medias. Non todos os méritos son de Seúl.

A atmósfera de ambos premios remítenos a un clima que entendiamos superado. Debedores da nosa visión eurocéntrica, ano tras ano conmemoramos a fin da guerra fría, pero o Nobel ven a lembrarnos que simplemente houbo un lixeiro desprazamento cara Oriente.