Se os plans de austeridade deseñados para as crises grega, islandesa e portuguesa non son outra cousa que unha maneira de axudar a que os bancos alemáns e franceses cobren as súas débedas, pero sen que garantan o crecemento económico, non é desavido pensar que en Europa chegaremos a situacións de pobreza e de deterioro impensables.

Só faría falta que un día se atope España na situación deses países: a seguir viría Italia e quen sabe cantos máis. As consecuencias poden ser moi graves se, ademais, temos en conta que os políticos europeos non son xa outra cousa que xestores dos intereses –nacionais- dos seus bancos. O paradigma é a señora Merkl.
Non esaxeramos nada. Só temos en conta os datos. Movementos como os da “Geraçâo á rasca” en Portugal –o primeiro no tempo- e o do 15-M en España, como xermes dunha protesta ou dunha revolta xeneralizada en varios países, van ser en diante o pan de cada día, ou moito nos trabucamos.
Ou sexa, unha situación que ao mellor non vai diferir moito da que, cando menos se sospeitaba, xurdiu no norte de África, que empezou como protesta contra a escalada do custo da vida e se foi consolidando polo desprezo con que os gobernantes trataron aos seus pobos. Non vexo que levemos un camiño moi diferente.
Calquera economista serio, que non estea a soldo da banca nin de organismos económicos mundiais, demostraranos que nos últimos trinta anos se foron reducindo os beneficios sociais dos traballadores, os alemáns incluídos, á par que se incrementaron desmedidamente os beneficios do capital. O problema é, pois, cantos anos faltan, de seguir así as cousas, para que a situación de Europa, Alemaña incluída, se asemelle á de hoxe no norte de África. Así de claro.