O ano de Brasil

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Brasil foi un dos grandes protagonistas de 2009 e, con toda probabilidade, o será no 2010, ano electoral onde se elixirá a sucesión presidencial de Lula da Silva. Por tomar algún exemplo da súa relevancia internacional, no 2009 Brasil foi seleccionado como sede dos Xogos Olímpicos 2016 (así como tamén o será do Mundial de Fútbol 2014) ampliando con isto a súa proxección global.

Son diversas as razóns que afirman a fortaleza de Brasil. A súa eficaz ortodoxia económica permítelle afrontar con garantías os avatares da crise económica e financeira global. Garantida a súa estabilidade política, asegurando a transición democrática iniciada en 1985, Brasil perfílase cara unha nova fase política, interpretada no remate da era Lula (2002-2010), prevista para outubro do próximo ano.

Moi probablemente, sexa quen sexa o gañador ou gañadora, o país carioca seguirá avanzando na senda do progresismo. Pero ninguén dubida dos retos que esperan a Brasil, especialmente en materia de pobreza e desigualdade económica. Pero os progresos son evidentes, se tomamos en conta o alcance dos programas sociais de Lula (Fame Cero e Bolsa Familia) e a disciplina macroeconómica.

No plano internacional, Brasil anúnciase como unha referencia do Sur que tenta avivar a súa voz nos foros internacionais. O 2009 foi prolífico neste sentido, afincando a emerxencia global de Brasil en foros internacionais (G-20, BRIC, IBSA) e anunciándose como defensor das demandas cara un mundo multipolar e multilateral.

Pero a política brasileira terá outros retos a afrontar. Se tomamos en conta as candidaturas presidenciais, apuntando o favoritismo electoral da centrodereita de José Serra (PSDB), as demais candidaturas pertencen a mulleres: Dilma Roussef, Marina Silva e Heloísa Helena. Con isto se define unha posición de xénero que pode ser referencia mundial, sendo estas tres mulleres de esquerda provenientes do PT de Lula.

Tanto como a perspectiva de xénero, debe engadirse a relevancia política e electoral do factor ambiental, en especial na candidatura de Marina Silva, que define outra variable progresista, orientada cara a ecoloxía política, defendida por Lula no polémico Cumio de Copenhague sobre o Cambio Climático. Lula tentará así traspasar a súa popularidade á candidatura de Roussef como abandeirada do PT.

No 2009, Brasil tamén afianzou outras variables de poder. Conseguida a súa seguridade enerxética, ampliada co descubrimento de novos xacementos na costa atlántica, Lula avanzou tamén da orientación dunha diplomacia global que espera afincar a Brasil como potencia militar e nuclear, trazadas cos seus achegamentos cara Rusia, China, India, Irán, Francia, etc. Igualmente, apreciase a implicación de Brasil como actor xeopolítico vital na resolución de conflitos en América Latina, tal e como se evidenciou recentemente ante as crises políticas en Honduras e entre Colombia e Venezuela.

Este prestixio internacional de Brasil afianzará no 2010 o seu crecente protagonismo global. O momento luce historicamente conmemorativo, ante a celebración dos Bicentenarios das Independencias hispanoamericanas, máis tardía no caso brasileiro. Igualmente, a capital Brasilia cumprirá o seu primeiro medio século de existencia, confirmando a súa posición nos planos interno e externo. Igualmente, ábrense novas perspectivas, en especial ante os retos deportivos a celebrarse en 2014 e 2016, que poden incrementar a súa importancia no caso de que a canarinha (a selección brasileira de fútbol) logre adxudicarse o título no próximo Mundial de Sudáfrica de 2010.

Con estes factores, a próxima presidencia brasileira para o período 2010-2014, con posibilidade de reelección, deberá encarar ese protagonismo internacional coas necesidades locais. Unha esquerda politicamente atomizada pode dar curso a unha alternativa política que irrompa como referencia ante o bipartidismo PT-PSDB. Con estas dinámicas e as súas complexidades, Brasil afronta o 2010 cun optimismo que incrementará o seu estelar momento.