O ataque a USA abre unha nova liña divisoria

O ataque terrorista contra o corazón financeiro e militar de Estados Unidos abalou os cimentos da política mundial dos anos da post-guerra fría. Sen dúbida, ábrese unha nova etapa na que o terrorismo asoma como a principal fonte de inestabilidade e o maior perigo para a paz e a convivencia mundiais. Non necesitamos inventarnos ameazas mais ou menos reais para xustificar un escudo antimíseis (Corea do Norte, Libia ou Irán), ou rivais estratéxicos discutibles (China). A entidade do terrorismo pode obrigar a establecer unha nova liña divisoria.

A lóxica nuclear, a fin de contas sometida a complexos controles e xestionada en derradeira instancia por poderes e entidades perfectamente identificables, queda obsoleta en canto aos seus parámetros tradicionais. Pero existen forzas oscuras no mundo contemporáneo que non dubidarían en empregalas en misións suicidas. Tal é a magnitude do reto ao que se enfronta a sociedade civilizada.O pior podería estar por vir.

A vulnerabilidade de Washington evidencia a fraxilidade do seu inmenso poderío. O voo de Mathias Rust ata a Praza Roxa en Moscovo en tempos da perestroika deixou en evidencia as enormes fraquezas da defensa soviética. Os atentados de New York e Washington poñen en tela de xuizo os dispositivos de intelixencia da primeira e única superpotencia.

A administración Bush fixo ostentación nos últimos meses dunha conducta unilateral que incomodou mesmo aos seus propios aliados. Dende o cume de Kyoto á anunciada ruptura do tratado ABM e a posta en marcha do escudo antimíseis, Washington semellaba querer andar por libre. A gravedade dos problemas esixe, pola contra, un esforzo multilateral que sume respostas aos desafíos que a seguridade internacional afrontará nos próximos anos. Ninguén será capaz de sobrevivir en solitario.

Pero máis alá da resposta inmediata, en clave de represalia ou de sofisticación das medidas de seguridade, cómpre reflexionar sobre unha última clave. Os atentados son unha constatación, un síntoma, das numerosas fracturas que subsisten no mundo actual, alertan sobre os fondos desequilibrios que actúan como caldo de cultivo da desesperación e dos extremismos máis irracionais. Tamén nese ámbito urxe unha resposta civilizada e de longo alcance.