20080819 kruisi tanques rusos

O Cáucaso deseña unha “nova guerra fría”

Apartados xeográficos Rusia ARQUIVO
Idiomas Galego
 Tanques rusos cerca de Kruisi; clic para aumentar
A recente ofensiva militar rusa en Xeorxia e a posible fragmentación territorial de facto deste país, coa presumible separación de Osetia do Sur, significou para Moscova unha peza xeopolítica clave para golpear directamente a Saakashvilii e Washington, nunha acción destinada a afastar temporalmente a presión occidental no Cáucaso e permitir a consideración global dos imperativos estratéxicos rusos. (Tanques rusos preto da aldea de Kruisi, o 19 de agosto de 2008).
 

A breve confrontación armada entre Rusia e Xeorxia transmitiu diversos sinais relativos á posible reconfiguración da balanza de poder global, manifestado polo audaz retorno de Moscova como actor de poder na escena internacional e ante a paulatina perda de iniciativa por parte de Washington. Esta dinámica coloca o delicado mosaico étnico, político e relixioso do Cáucaso e do espazo ex soviético como escenarios proclives a xerar un pulso directo entre Rusia e Occidente, explicado principalmente por factores xeopolíticos e enerxéticos.

O recente conflito armado no Cáucaso entre Rusia e Xeorxia evidenciou diversas variables que explican non só cómo o Cáucaso constitúe un dos "puntos quentes" do escenario global senón de qué forma o control deste espazo xeográfico representa un pulso xeopolítico particular entre Rusia e Occidente, afincando as bases dun posible reacomodo de poder no sistema internacional.

Unha das primeiras variables explicaría cómo a clave da guerra ruso-xeorxiana segue a concentrar a atención internacional cara o problema dos nacionalismos secesionistas dentro do espazo ex soviético. Esa atención enfocouse na inmediata (e, incluso, desproporcionada, segundo algúns) defensa militar rusa do territorio de Osetia do Sur, en resposta á ofensiva militar realizada polas tropas xeorxianas baixo a dirección do seu presidente Mijaíl Saakashvilii.

En 1991 e 2007, Osetia do Sur realizou sendos referendos independentistas, inmediatamente rexeitados por Xeorxia, contando no último deles co evidente apoio estadounidense e a tácita aprobación occidental. Non obstante, o rexeite occidental da independencia osetia ocorreu paralelamente coa defensa da independencia de Cósova, desoíndo as peticións serbias de garantías da integridade territorial e de soberanía nesta rexión.

Os casos cosovar e osetio non foron descoidados por Rusia, quen manifestou o seu total rexeite á independencia cosovar (amparando a súa alianza tradicional con Serbia) mentres amosaba un total apoio ás demandas osetias.

A ambigüidade occidental e rusa á hora de afrontar os casos osetio e cosovar, así como os seus respectivos sistemas de alianzas xeopolíticas dentro do amplo espazo xeográfico trazado dende os Balcáns ata o Mar Caspio, deron cabida a que conflitos políticos e territoriais de carácter rexional como son os casos de Cosova e de Osetia do Sur terminaran converténdose en problemas de carácter global.

Un novo pulso global

Unha segunda variable diríxese a medir ata qué punto o recente conflito caucásico permite a Rusia retomar a dinámica de fortalecer os seus imperativos xeopolíticos non só nesta área xeográfica senón na escena global, manifestando con forza as súas demandas de reocupar un lugar destacado dentro dun sistema de poder multilateral e non hexemónico, neste caso a favor de Washington.

A dinámica xeopolítica entre Rusia e Occidente obriga a identificar os seus respectivos sistemas de alianzas no Cáucaso e o espazo ex soviético. Washington e Europa ansían imperiosamente a expansión da OTAN neste escenario xeográfico, que tivo o seu momento principal co ingreso en 1997 de Lituania, Estonia e Letonia na Alianza Atlántica. Este paso significou a primeira avanzada occidental cara as fronteiras rusas, iniciativa repetidamente denunciada dende Moscova por entender que supón unha intromisión ameazante no seu "hínterland" estratéxico.

O triunfo das denominadas "revolucións rosa e laranxa" en Xeorxia (2003) e Ucraína (2004) afastaron a estes países da esfera de influencia rusa, facendo causa común cos imperativos de seguridade occidentais. Non obstante, a persistencia da dura crise política en Ucraína entre o pro-occidental presidente Viktor Yushenko e o pro-ruso primeiro ministro Viktor Yanukovich minorou gran parte desas demandas, o cal permitiu a Moscova recuperar determinados espazos de poder no escenario político ucraíno.

No caso xeorxiano, esta iniciativa de expansión da OTAN evidenciou un carácter mais frontal e, incluso, agresivo, oficialmente instaurado trala visita no 2007 do presidente estadounidense George W. Bush a Xeorxia e a sincronía existente co seu presidente Saakashvilii, o líder da rebelión antirusa de 2003.

Así, resulta evidente a representación de Xeorxia como o actor pro-occidental mais directo e activo dentro do espazo ex soviético, identificado como a verdadeira punta de lanza de Washington e Europa para afincar toda unha serie de intereses xeopolíticos e enerxéticos, especialmente dirixidos a manter a raia a rivais como Rusia e Irán.

A expansión da OTAN ao espazo ex soviético camiña paralela a unha ampliación do polémico escudo antimísiles estadounidense a Europa Oriental. República Checa, Hungría e Polonia xa aceptaron esta ampliación, cunha Ucraína á espera de verificar ata qué punto o seu presidente Yushenko logra consolidarse politicamente, a fin de sumar a este país na ampliación deste paraugas misilístico dirixido dende Washington.

O retorno de Rusia

Todos estes factores determinaron en Moscova a necesidade de reforzar as súas posicións e intereses, a fin de amortecer a expansión occidental no seu territorio contiguo e a aparición de especies de "Estados-tapón" destinados a afondar estes intereses occidentais.

Polo tanto, a recente ofensiva militar rusa en Xeorxia e a posible fragmentación territorial de facto deste país, coa presumible separación de Osetia do Sur, significou para Moscova unha peza xeopolítica clave para golpear directamente a Saakashvilii e Washington, nunha acción destinada a afastar temporalmente a presión occidental no Cáucaso e permitir a consideración global dos imperativos estratéxicos rusos.

Dous exemplos clarifican este reforzamento das posicións rusas. O plan de paz europeo presentado polo presidente francés Nicolás Sarkozy, finalmente aceptado tanto por Saakashvilii como por Medveded, e a activa diplomacia da chanceler alemá Ánxela Merkel, recolleron as demandas rusas de afrontar un debate internacional sobre "a estabilidade e os estatutos" de Osetia do Sur e de Abxazia, sendo esta última unha rexión occidental xeorxiana que tamén ansía a súa separación de Tbilisi. Así, e practicamente asegurándose o apoio europeo, Medveded logrou colocar os casos osetio e abxazio case ao mesmo nivel que o de Cosova.

Outro factor que explica o reforzamento dos imperativos rusos radica na falta de reacción e iniciativa por parte de Washington para afrontar a crise bélica ruso-xeorxiana. Se ben EEUU defendeu dende un principio ao seu aliado xeorxiano, demandando a retirada militar rusa das súas posicións en Xeorxia, o papel de Washington perdeu forza como elemento de resolución deste conflito.

Todo esto apunta a considerar o escenario interno en Xeorxia. A imprudente acción militar de Saakashvilii contra os separatistas osetios evidenciou a consolidación dunha liña dura no aparato militar xeorxiano que, moi probablemente, contou coa aprobación estadounidense. Non obstante, o erro de cálculo en Tbilisi e Washington puido estar na súa incredulidade ante a inmediata reacción política e militar rusa, factor que desactivou desde un principio calquera canal de intervención directa entre Washington e Tbilisi destinada a evitar a reacción rusa.

Dentro desta perspectiva de retorno ruso á escena internacional, a diplomacia do Kremlin busca de novo consolidarse dende unha perspectiva global, tomando en conta as súas alianzas xeopolíticas, enerxéticas e militares con potencias emerxentes como China e Irán e cunha recente aposta por reabrir canais de relación con América Latina, a través dos acordos militares, comerciais e enerxéticos con Venezuela e Cuba.

O control enerxético do Mar Caspio

Alén dos aspectos xeopolíticos e de seguridade, que cobran unha importancia capital dentro dunha rexión tan volátil e problemática como o Cáucaso, o factor mais relevante deste pulso entre Rusia e Occidente está relacionado co control da ambiciosa rede de oleodutos e gasodutos que transportan o petróleo e gas natural do Mar Caspio.

Con este escenario, a tradicional dependencia enerxética occidental dunha rexión tan conflitiva como Oriente Medio e as estratexias enerxéticas establecidas por países produtores como Rusia e Venezuela, aumenta a importancia do Mar Caspio para as multinacionais occidentais.

Esta realidade enerxética determina para Occidente a importancia da viabilidade do oleoduto Bakú-Tbilisi-Ceyhán (BTC), proxecto deseñado por iniciativa estadounidense e europea en 1998 e que comezou a funcionar a partir de 2006. Con mais de 1.786 km de extensión, constituíndo o segundo oleoduto de maior dimensión a nivel mundial, e con capacidade para producir un millóns de barrís diarios, o BTC constitúe a peza estratéxica fundamental da presenza occidental no Cáucaso, involucrando a aliados estratéxicos como Acerbaixán, Xeorxia e Turquía.

Para Rusia resulta evidente que o BTC afecta os seus intereses enerxéticos, especialmente ante o beneficio que outorgará a Occidente en detrimento da perda de influencia rusa na rexión. A fin de contrarrestar este eixe enerxético pro-occidental, Moscova construíu o oleoduto Bakú-Novorossysk, que transporta o petróleo dende o Mar Caspio ata o Mar Negro. Non se debe esquecer que, durante os invernos de 2006 e 2007, o Kremlin utilizou o subministro enerxético como clara arma política contra aliados occidentais como Xeorxia e Ucraína.

Enerxía e xeopolítica están configurándose como os elementos que deseñan unha especie de "nova guerra fría" entre Rusia e Occidente, substituíndo aos imperativos políticos e ideolóxicos que dominaron a anterior confrontación bipolar. A recente guerra do Cáucaso determinou esta realidade, así como a convicción rusa de retornar con forza no escenario internacional.