Xapón: a dimisión de Fukuda


 Os xornais xaponeses dan conta da dimisión de Yasuo Fukuda; clic para aumentar
De xeito repentino, o pasado 1 de setembro, o actual primeiro ministro xaponés e líder do Partido Liberal Democrático (PLD), Yasuo Fukuda, anunciou a súa dimisión, tomando por sorpresa tanto aos parlamentarios como aos cidadáns xaponeses. Foto: Edición extra dos xornais xaponeses dando conta da dimisión de Yasuo Fukuda o 1 de setembro de 2008.
 

De xeito repentino, o pasado 1 de setembro, o actual primeiro ministro xaponés e líder do Partido Liberal Democrático (PLD), Yasuo Fukuda, anunciou a súa dimisión, tomando por sorpresa tanto aos parlamentarios como aos cidadáns xaponeses. Fai un ano, o seu antecesor no cargo, Shinzo Abe tamén renunciou tamén dun xeito sorprendente, o cal acrecenta os temores ante a posible manifestación dun clima de certa inestabilidade política no Xapón. Esta desconfianza exterior cara o país asiático influíu na recente depreciación do ien no mercado internacional.

Fukuda viña acusando diversos problemas na “Dieta” ou Parlamento, debido a que o partido da oposición na Cámara Baixa, o Partido Democrático de Xapón (PDX), ostenta a maioría na Cámara Alta ou Senado, dificultando a rápida aprobación de calquera proposición de lei. Un feito significativo foi a confusión xerada polo prezo da gasolina a 25 iens o litro en só un mes, medida que tardou moito tempo en ser aprobada a causa da oposición do PDX. Feitos como este influíron na perda de popularidade de Fukuda, cuns índices de aceptación que nos últimos días era do 20%.

Na rolda de prensa realizada o pasado 1 de setembro na que anunciaba a súa dimisión, Fukuda mirou cara atrás e apreciou os resultados da súa xestión, por exemplo en canto á preparación da Axencia de Consumo e a reforma do sistema de seguridade social. Ao mesmo tempo, criticou ao PDX por retardar con frecuencia as súas votacións parlamentarias, especialmente ao seu líder Ichiro Ozawa, por manter unha intransixente oposición as súas propias decisións.

Coméntase en Toquio que o próximo primeiro ministro podería ser Taro Aso, quen perdera a última elección polo liderado do PLD. Aínda que existe un grupo contrario a Aso no seo do partido de goberno, debido á forte posición que Aso ten en materia de relacións con China e Corea do Norte, o PLD considera que será o mellor candidato para gañar as próximas eleccións.

É probable que a dimisión de Fukuda lle outorgue ao PLD unha mellor estratexia política e, probablemente, electoral, debido a que o PDX non ten tanto apoio como antes e afronta algún problema político interno. Por exemplo, aínda que o PDX deberá elixir ao seu novo líder o próximo 21 de setembro, só Ozawa presentouse como candidato. Outro candidato era Yoshihiko Noda, quen manifestou o seu propósito de presentarse en agosto, pero desistiu ao final sen aclarar suficientemente as razóns, o cal deixou entrever diversas especulacións dentro do PDX polo suposto estilo “autócrata” de Ozawa. De feito, separáronse dous parlamentarios do PDX a semana pasada para opoñerse a este estilo de funcionamento interno do PDX.

Polo tanto, é posible que o PLD teña a intención de disolver o Parlamento despois de elixir un novo líder e tratar de gañar o apoio do pobo xaponés para cambiar a situación actual. Se o PLD gaña as próximas eleccións parlamentarias, podería dirixir a Dieta mais facilmente, a pesar de que o PDX aínda posúe a maioría na cámara alta.

A maiores, a dimisión de Fukuda podería dar paso a unha ocasión relevante para modificar diversos patróns do sistema político xaponés, aínda que non deixa de ser significativo o feito de que as últimas dimisións dos primeiros ministros, desde Shinzo Abe ata Yasuo Fukuda, evidencian diversos elementos de inestabilidade gobernamental en Xapón.