O cumio de Heiligendamm serviu para afrouxar lixeiramente a tensión que enfronta a Moscova e Washington. Desde que en xaneiro, a Casa Branca anunciou o seu plan de establecer un sistema de defensa antimísiles en Polonia e a República Checa, non parecía existir forma de calmar ao Kremlin. Nin as visitas de Robert Gates, secretario de Defensa, nin de Condoleezza Rice, convenceron a Moscova da boa fe do proxecto estadounidense. A Rusia de Putin reaccionou cunha dobre estratexia. En primeiro lugar, diplomática, multiplicando as declaracións enérxicas en contra do proxecto, aludindo ao uso arbitrario da forza por parte de Washington, empeñado na configuración dun mundo unipolar. Para Rusia, esta iniciativa racha o equilibrio estratéxico en Europa e en nada contribúe a proporcionar unha maior seguridade senón que facilita unha expresión máis de poder fronte a hipotéticos rivais. Veremos agora canto da de si a oferta de colaboración feita por Putin e se Bush é capaz de ir máis alá da cortesía diplomática expresada no cumio do G-8.
En segundo lugar, a polémica serve a Putin unha escusa perfecta para alentar o reforzamento do poderío militar ruso. A finais de maio lanzou un novo mísil intercontinental con múltiples oxivas, o RS-24. Ivanov, viceprimer ministro e ex-ministro de Defensa, asegurou despois da proba, realizada con éxito, que podería quebrar calquera sistema de defensa. Ademais de novas armas, Putin adiantou á prensa italiana que de seguir adiante o plan de Bush, Moscova reorientaría de novo os seus mísiles cara o espazo europeo. Deixando a Rusia fóra, o Kremlin no cre que o sistema de defensa promovido por Bush vaia dirixido contra "atacantes potenciais" procedentes de Oriente Medio ou da Asia oriental. A oferta rusa contempla un sistema de defensa a tres bandas que protexa a EEUU, Rusia e Europa.
O discurso de Putin é expresión clara da recuperación da vitalidade de Rusia nos últimos anos, en boa medida facilitada pola elevación dos prezos do cru a nivel internacional, pero tamén pola existencia dunha clara vontade política de rexurdimento. A pesar da súa "democradura", a revitalización económica e o fortalecemento da posición de Rusia no mundo seguen pesando na simpatía que, segundo as enquisas, lle profesan os rusos. E cando abandone o Kremlin, na primavera de 2008, os seus herdeiros, chámense Kasyanov, Medvedev, Patrushev, Sobyianin ou Ivanov, principais aspirantes, dificilmente poderán desfacerse dos vectores esenciais da política que o sucesor de Ieltsin foi definindo ao longo do seu mandato.