O ieltsinismo triunfador nas lexislativas

Putin non puido ensinarlle aos medios de comunicación as imaxes dos carros de combate entrando no centro de Grozni. Mais a decidida, e provocada, intervención militar en Chechenia foi máis rendible do que o mesmo Kremlin esperaba. O obxectivo era superar ao tándem Luxkov-Primakov e non só o lograron senón que igualaron aos comunistas. As lexislativas do domingo debemos contemplalas como unha preparación para as presidenciais a celebrar dentro de seis meses. O importante triunfo da coalición Vredme (Unidade) é un importante respaldo para o primeiro ministro, hai tres meses un descoñecido, que ve máis próxima a posibilidade de ser o substituto de Boris Ieltsin. A evolución da guerra no norte do Cáucaso pode tamén facer variar as expectativas xeradas polo un resultado moi mediatizado pola feroz intervención en Chechenia.

Os resultados, a espera dos datos definitivos nomeadamente dos 225 escanos asignados polo sistema de circunscrición maioritaria, semellan reflectir acaídamente a situación do país. Vívese ao día, sen moita perspectiva de futuro e faise política do mesmo xeito, a trompadas e sen ningunha gaña de mirar para adiante Un movemento táctico provisorio pode acadar un apoio maioritario mudando as expectativas. Xa aconteceu nas pasadas presidenciais, cando ninguén apostaba por Ieltsin e foi reelixido. Non ten outra explicación o magnifico resultado dunha conxunción de intereses organizada para asegurar o retiro do presidente e a permanencia no poder do sectores que o viñeron apoiando nestes últimos anos, coñecidos como "A Familia".

A victoria comunista era esperada e demostra que é o único partido consolidado, xunto ao Iabloko, mais tamén que ten unha franxa do electorado limitada ao 25%. O resultado pode permitirlle ao seu líder, Ziuganov acadar, como nas anteriores presidenciais, o honor de ser derrotado polo candidato do Kremlin. Moitos rusos están descontentos coa situación actual mais non queren volver á anterior, especialmente cando esta se identifica coas épocas máis escuras do "estancamento briexneviano".

A gran vencedora foi a coalición Vredme (Oso), componenda inspirada dende o Kremlin, dirixida polo Ministro de Situacións de Emerxencia o incombustible Shoigú, quen contou coa axuda inestimable dos medios e influencias da administración presidencial e a bendición do ríxido, decidido e belicoso primeiro ministro que ten espertado o sentimento patriótico "gran ruso" a costa de indefensos civís chechenos. Se hai tres meses ninguén apostaba por que Putin fose durar moito nas mans do inestable Ieltsin moito menos había quen se atrevese a considerar a posibilidade que Putin e o círculo do Kremlin fosen quen de erguer unha plataforma electoral con mínimas posibilidades de éxito. Lográrono, o seu empate técnico co PCFR, a menos de un punto, sobordou todas as expectativas e deixou moi lonxe ao outro gran "partido do poder", a alianza Patria-Toda Rusia que se tivo que conformar con escaso 12%.

A feroz campaña dirixida polo "Rasputín" Berezovski, dende a canle semipública de TV por el controlada, contra a alianza Patria-Toda Rusia e especialmente contra o alcalde de Moscova Iuri Luxkov tivo uns efectos demoledores. Primakov intentou un golpe de efecto anunciando dous días antes que se ía presentar ás presidenciais e aclarar as incógnitas sobre o candidato de Patria-Toda Rusia. Luxkov que logrou manter con certa comodidade a alcaldía de Moscova quedou fora da carreira presidencial.

Sorprendente foi tamén o importante respaldo acadado pola coalición dereitista da Unión de Forzas da Dereita, na que se amoreaban persoeiros que lle deben a súa carreira política a Ieltsin e que polo tanto optaran por apoiar nas presidenciais a quen el e "A Familia" decidan, non sen antes negociar as prebendas que os seus bos resultados lle van permitir.

O espírito de chauvinismo gran-ruso que presidiu a campaña electoral e os últimos meses da política rusa poden explicar que Xirinovski conseguise evitar o esborrallamento do seu Partido Liberal e superar o tope do 5% para ter representación na cota de deputados electos por lista. O máis do 6% acadado é un resultado non agardado aínda que ben lonxe do 11% que posuía na anterior Duma, na que sempre apoiou as propostas do Kremlin, polo que é de esperar que agora sega a facer o mesmo.

Finalmente, o partido de Iavlinski tamén logrou superar a barreira do 5% aínda que non puido evitar ver diminuídos os seus apoios arrastrado pola furibunda campaña militar en Chechenia. Iabloko foi o único partido que se atreveu a criticar, se ben suavemente, a intervención, aínda que levaba como número dous ao ex primeiro ministro Stepashin, firme partidario da mesma.

Fora, cando menos polo sistema proporcional, quedaron os demais partidos, entre eles o que fora principal apoio do goberno, A Nosa Casa é Rusia do ex primeiro ministro Chernomirdin.

A nova Duma terá unha maior presencia de deputados de dereita e centro dereita, polo que o Kremlin vai ter moitas facilidades para preparar as presidenciais. Ieltsin xa lle dixo o que tiñan que facer: dedicarse a preparar as leis e deixar de meterse en política.

Despois da súa victoria sobre os grandes adversarios de Patria-Toda Rusia os sectores que controlaron o poder durante os dous mandatos de Boris Ieltsin van seguir facéndoo no post-ieltsinismo. Aínda que na Rusia actual todo depende do momento e polo tanto calquera cousa pode pasar. Mesmo que a guerra de Chechenia se complique e os que agora se viron beneficiados pola mesma, rematen sendo os prexudicados.