A hora de Macao

Todo está preparado en Macao para a cerimonia de transferencia de poderes. Os Presidentes de Portugal e China, Jorge Sampaio e Jiang Zemin, escenificarán a devolución da última praza colonial, portuguesa e europea, que aínda resta en todo o continente asiático. Para Beijing supón a anticipación das celebracións deste tempo finisecular, aínda que segundo o calendario chinés o ano 2000 non comeza ata o próximo 5 de febreiro, e, sobre todo, simboliza a fin desa época de decadencia dun imperio que por milleiros de anos foi o centro da Terra e que sen embargo tivo que renderse á presión occidental. China asoma agora ó novo século coa inequívoca intención de recuperar o tempo e a grandeza perdida.

A experiencia de Hong Kong pesa como unha lousa sobre Macao, pero entre as dúas cidades-Estado existen grandes diferencias. Non podía ser doutro xeito se atendemos ás distintas orixes históricas da cuestión e ós comportamentos das respectivas metrópoles en relación a Beijing. Os portugueses non asentaron en Macau como consecuencia dunha guerra, senón a resultas dun paciente tira e afrouxa no que se combinaron pequenas e grandes corruptelas, necesidades defensivas, intereses comerciais, etc. A diferencia dos británicos, os portugueses mesturaronse coa poboación local ata o punto de que esa mestisaxe é unha compoñente cultural especialmente relevante neste territorio. Mentres a capacidade económica e financieira de Hong Kong é indiscutible e envexable, Macao vive esencialmente da industria do xogo e dos servicios, actividades nas que parasitan múltiples sociedades secretas que hai tempo abandonaron o seu patriotismo inicial para abrazar sen recato as máis noxentas actividades criminais (dende o tráfico de heroína ata a inmigración ilegal).

Durante o proceso de negociacións para a devolución, tan peculiar relación cristalizou en forma de numerosas concesións da parte portuguesa. Especial importancia reviste a inexistencia dun compromiso para garantir a medio prazo a elección directa de todos os representantes da Asemblea Legislativa (como acontece en Hong Kong), ou a imperatividade do xuramento de lealdade á República Popular de todos os altos cargos políticos e administrativos do enclave (obriga inexistente en Hong Kong), e mesmo a ambigüidade do capítulo relativo á defensa que, ó abeiro da necesidade de combater a criminalidade existente, facilita un amplo despregamento das tropas do Exército Popular de Liberación.

Por último, sería difícil para Portugal arrancar das autoridades de Beijing un cambio de criterio a respecto do non recoñecemento da dobre nacionalidade e mesmo variar tanta insistencia de principio na condición nacional de todos os cidadáns étnicamente chineses. Como en Hong Kong todos serán considerados únicamente chineses e o seu pasaporte portugués non terá máis valor que o atribuído a un simple documento de viaxe (sen dereito a protección consular, etc). Pero a minguada defensa da necesidade de garantir a satisfacción das pensións dos empregados públicos, devengadas antes do 20 de decembro, resulta especialmente ilustrativa da febleza lusitana e, a fin de contas, dese interese en rematar canto antes cos restos dun imperio que a estas alturas non da mais ca dores de cabeza (lembremos Timor Leste).

Portugal hai tempo que deu por perdido Macau. De feito, ata tres veces realizou o ofrecemento de devolución ás autoridades chinesas. Na Constitución de 1975 recoñécese expresamente que se trata dun territorio chinés baixo administración portuguesa. Pero o cando e o como desa restitución había fixarse a proveito das autoridades de Beijing.

A partir do próximo día 20, Macau será outra Rexión Administrativa Especial; gozará dun elevado nivel de autonomía, moi superior ó recoñecido, por exemplo, ás minorías nacionais; e conforme ós designios da fórmula “un país, dous sistemas”, adiantada por Deng Xiaoping para encarreirar o asunto de Taiwán, a súa identidade económica e social non poderá modificarse nos próximos cincuenta anos.

En suma, a recuperación de Macao, mais alá da simple transcendencia xeográfica ou económica, incorpora un considerable valor político para un gobernante Partido Comunista que non soamente non baixou as orellas diante de ningún país estranxeiro, senón que ademais capitaliza agora este novo e significativo paso no proceso de reunificación. É un logro histórico que xunto ó exito do proceso modernizador, solidifica a influencia e ocupación social do PCCh e permítelle seguir gañando tempo á sombra dese florecente nacionalismo que non disimula o seu chamado ás portas de Taiwán.