O Iraq de Paul Bremer

George W. Bush non podía imaxinar peor xeito de celebrar o aniversario da súa invasión do Iraq. Mentres saen á luz novas evidencias da súa incompetencia e irresponsabilidade no desencadeamento do 11S "Condoleezza Rice dixit", a non aparición das armas de destrucción masiva que serviron de argumento principal para desencadear a agresión e as revelacións que apuntan a unha preparación de moito tempo atrás desta campaña militar-petroleira, producen efectos electoralmente catastróficos nunha opinión pública, mesmo a mais crédula e acrítica, que non acerta a distinguir xa a fronteira que vai do patriota ao verdadeiro incendiario. O macabro do asunto é que as irritantes enquisas de opinión dun lado se elaboran con fileiras de mortos a milleiros de quilómetros.

O erro esencial de Bush e o seu grupo de integristas consistiu en pensar que a guerra non atoparía resistencia. Probablemente chegaron a autoconvencerse de que certamente, moitos iraquís, especialmente os xiís, apoiarían todo esforzo conducente a derrocar a Sadam e que iso permitiría abrir todos os camiños. Sadam está preso e as diversas resistencias se encargan de demostrar ao tal Bremer a enorme falta de visión da gran potencia que soñaba con gañar a partida coa simple exhibición da súa maquinaria militar de última xeración.

O fracaso de Bush non podía ser maior. Demostrase que non pode ignorar a Nacións Unidas, que non pode enganar á sociedade internacional e que esta ten azos para contrarrestar con niveis inusuais de mobilización o empeño demoledor das conciencias libres. Sobre o terreo, todo ese enorme poderío do Pentágono resulta ser unha aparencia cando debe enfrontarse aos "fanáticos terroristas que manteñen secuestrados en Faluya e Nayaf a milleiros dos seus cidadáns". Soamente lles falta sacar a relucir os escudos humanos. E non tardarán. Pero sen tela razón acabarán perdendo.

A democracia prometida por Bush para o novo Iraq nin chega nin chegará. Paul Bremer, o seu procónsul intenta gobernar con censura e man de ferro un país cada día mais sumido no caos e incapaz de reconstruír. Pode ser unha estratexia interesada para xustificar mellor a súa presencia e non efectuar o traspaso de poderes previsto para o 30 de xuño, pero non só: o pobo que ansiaban "liberar" rexeita a ocupación e un ano despois da invasión lamenta que o seu país sexa un exemplo de ruína en todo ese Gran Medio Oriente que de Mauritania a Paquistán soñan con "civilizar" os estrategas de Washington.

E a maior demostración de ineptitude atopámola nos últimos días. Á intifada iraquí que conduce Moqtada Sadr, a Casa Branca resposta co anuncio do envío de máis tropas e o aprazamento de varios milleiros de soldados que debían regresar ós seus fogares. Pero se algo se demostra, en Faluya, en Bagdad e en tantas outras cidades de Iraq, é que sobran militares e fallan políticos. E o esforzo nesa dirección debería propiciarse con urxencia se o que se pretende é evitar unha guerra, unhas veces civil entre xiís, sunnís e curdos, outras veces contra o inimigo común, e unha inestabilidade crónica neste país cunhas ondas que, ninguén o pode dubidar xa, acabarán por afectarnos.

Unha vez mais, Europa, veciña do mundo árabe, debía facer por distanciarse de EEUU e propoñer solucións que afasten ese intervencionismo norteamericano obsesionado con debilitar o islam, dividir os países árabes, desarmalos e neutralizalos, para maior gloria da civilización xudeo-cristiana.