Non todos perden no Iraq, di o autor de The Political Economy of US Militarism. Máis ben se fan co negocio da guerra grandes fortunas. É o caso dos contratistas. | |
Un breve estudo de Ismael Hossein-Zadeh, profesor da Universidade de Drake, Des Moines, Iowan (rebelion.org) explica por que EEUU non se vai do Iraq. Deixa a un lado o negocio dos hidrocarburos, ben coñecido, e atende ao dos contratistas. Non todos perden no Iraq, di o autor de The Political Economy of US Militarism. Máis ben se fan co negocio da guerra grandes fortunas. É o caso dos contratistas.
Entre os moitos datos que nos dá está o incremento das fortunas dos principais contratistas do Pentágono dende que Bush chegou ao poder. O orzamento do Pentágono creceu máis dun 50 por 100, dende uns 300.000 millóns de dólares no ano 2001 ata case 455.000 millóns no 2007 "cifras que non inclúen o orzamento da Seguridade Interior, nin os custes das guerras de Iraq e Afganistán, que se achegan aos 400.000 millóns de dólares.
Dinos tamén que os principais beneficiarios desa chuvia de diñeiro foron os grandes contratistas do Pentágono, ademais dunha multitude de contratistas de servizos que se viñeron multiplicando arredor de aquel, empresas fundadas tamén por persoal retirado das Forzas Especiais, que logo venden os seus "produtos" ao Pentágono, ao Departamento de Estado, á CIA ou a gobernos estranxeiros. Hai no Iraq máis de 100.000 contratistas gobernamentais, sen contar os subcontratistas, un total que se aproxima ao tamaño da forza militar USA naquel país.
Pero, ademais, eses grandes beneficiarios da guerra do Iraq, por un lado, apenas atenden os traballos de reconstrución, que non se fan ou se fan mal, e, por outro, e por sorprendente que pareza, convértense en xeradores de guerras, ou contribúen a xeralas, motivados polas ganancias que están obtendo. E chegaron a ese poder, di o autor, a miúdo fabricando "ameazas externas ao noso interese nacional".
Como sinala o profesor Hossein-Zadeh, a guerra e o asoballamento do Iraq teñen espertado tanta cobiza que moitísimos especuladores coa guerra se estableceron nese país para mellor participar no botín. Despois de recoñeceren uns e outros o fracaso desta guerra, por que entón, pregúntase, se negan á idea de retirar as tropas? Porque, como el di tamén, non todos perden no Iraq. Antes ben, son moitos os que alí están facendo fortunas insospeitadas. E aprovéitanse ata o final.