Velaí que asistimos a un cínico xogo mediático, moi sensacionalista pero nada responsábel "limitarse a informar sen esixir solucións non é máis que sensacionalismo", con iso do cambio climático. Especialmente dende que os gobernos mataclimas do norte planetario comezan a ver o problema a máis curto prazo do que se pensaba, e tamén "e aí entra o xogar dos medios" dende que Al Gore viu nos premios Óscar "e nos Nobel" unha saída honorábel perante o seu agachar de orellas naquelas bananeiras presidenciais que lle roubou o Bush.
Aos poderosos preocúpalles porque xa non se trata só dun problema ecolóxico, senón dunha intuíbel catástrofe económica recoñecida mesmo polo Banco Mundial (BM) e o FMI, os sobranceiros responsábeis da desfeita. En outubro de 2006, Nicholas Stern, que fora economista xefe do BM, no informe sobre o cambio climático encargado por Tony Blair escribía: "O cambio climático é o meirande fracaso do mercado que o mundo teña coñecido". Irán por aí as verdades incómodas do Gore?
Sei que as recentes conclusións do Grupo Intergobernamental do Cambio Climático, que falan de quecemento inequívoco, de aumento de temperaturas por riba dos 4 graos, de esgotamento da auga potábel ou de subidas arrepiantes do mar, valen por décadas de advertencias de científicos, ecoloxistas e xentes de ben. Entretanto os medios analizan as consecuencias (cambio climático) pero non o problema (sistema ultracapitalista depredador) e os gobernos argallan solucións de urxencia, trapalladas, estúpidos remendos con data de caducidade para xa, e mesmo perigosos xogos, algúns case de ciencia ficción.
Entre os parches está Kioto, a todas luces insuficiente, lento e inconsensuado, ou as enerxías renovábeis falsas, que inclúen por exemplo os biocombustíbeis (interesantes no eido local pero insustentábeis no global por precisar de superficies inimaxinábeis e fomentar os transxénicos) ou as hidroeléctricas (arteriosclerose dos ríos que aseguran a vida no planeta). Entre os xogos mortais están as renovadas ansias nucleares, pola súa perigosidade e pola cuestión irresolúbel dos residuos, e no eido da ciencia ficción a xeoinxeñería, vaia, a manipulación do ambiente a grande escala que inclúe, e non é broma, a contaminación deliberada da estratosfera para desviar a luz solar e baixar as temperaturas, ou o espallamento de partículas de ferro sobre os océanos para enriquecer o plancto e que este capture o problemático CO2 (www.etcgroup.org). E as baleas enchidas de ledicia.
Porén, o que cómpre é un cambio mediático para facer fronte ao climático. Como di Éric Toussaint, debemos esixir ás institucións internacionais e aos gobernos industrializados, que voluntariamente agacharon o problema durante anos, o cuestionamento deste sistema capitalista produtivista, xerador de danos ambientais e desigualdades, que sempre di que pode achegar solucións a todo pero que só agrava a situación día tras día. O resto so son parvadas suicidas.