O noso home na Habana

De cara á histórica visita a Cuba do presidente Barack Obama iniciada o pasado 20 de marzo e ás expectativas baseadas en torno a un eventual desxeo con Irán, qué escenarios deparan ambos procesos aperturistas e qué consecuencias traerán na area internacional? Os seus trazos anúncianse mais nítidos no caso cubano que no iraniano. Nun ano electoral determinado pola forte polarización e o ascenso dunha opción populista dentro do campo republicano, Obama deseña unha estratéxica visita á Habana enmarcada nunha xira hemisférica na que se inclúe Arxentina, cuxo presidente Mauricio Macri avanza no desmantelamento da fricción con Washington e cos organismos financeiros internacionais, propia da etapa “kirchnerista”. Pero o panorama tórnase mais claroscuro con Teherán, tomando en conta a complexidade de reaccións e factores de poder existentes dentro do sistema teocrático iraniano, do ascendente peso xeopolítico do país persa e da súa inevitable influencia na configuración dun novo equilibrio estratéxico nun Oriente Próximo que albisca unha inquietante posguerra siria.

Apartados xeográficos Estados Unidos
Palabras chave Obama Cuba Irán
Idiomas Galego

De cara á histórica visita a Cuba do presidente Barack Obama iniciada o pasado 20 de marzo e ás expectativas baseadas en torno a un eventual desxeo con Irán, qué escenarios deparan ambos procesos aperturistas e qué consecuencias traerán na area internacional? Os seus trazos anúncianse mais nítidos no caso cubano que no iraniano. Nun ano electoral determinado pola forte polarización e o ascenso dunha opción populista dentro do campo republicano, Obama deseña unha estratéxica visita á Habana enmarcada nunha xira hemisférica na que se inclúe Arxentina, cuxo presidente Mauricio Macri avanza no desmantelamento da fricción con Washington e cos organismos financeiros internacionais, propia da etapa “kirchnerista”. Pero o panorama tórnase mais claroscuro con Teherán, tomando en conta a complexidade de reaccións e factores de poder existentes dentro do sistema teocrático iraniano, do ascendente peso xeopolítico do país persa e da súa inevitable influencia na configuración dun novo equilibrio estratéxico nun Oriente Próximo que albisca unha inquietante posguerra siria.

No trasfondo, ambas aperturas reafirman a reconfiguración da atención estratéxica global de Washington, orientada na política de Obama de “Pivot to Asia. Por tanto, preparar a atención cara o escenario Asia-Pacífico supón un imperativo estratéxico para Washington independentemente do resultado electoral de novembro próximo. Para iso, compre reacomodar e degradar a atención en escenarios visiblemente menos conflitivos (América Latina) e outros mais volátiles e incertos (Oriente Próximo) a través de aperturas decididas pero consecuentemente non menos incertas.

Obama está persuadido a delimitar un legado no que Washington deberá lidar cunha China ascendente nos foros internacionais pero con complexidades internas de cara ao seu modelo de desenvolvemento. A estratexia de Pivot to Asia, que no contexto hemisférico latinoamericano ten a súa reprodución de cara á potenciación da Alianza do Pacífico (onde China ten igualmente presenza), vese pulsada pola potencialidade dunha Asociación Transpacífico (TTIP) cuxo compoñente xeopolítico de contención a Beijing debe ó mesmo tempo tramitar escenarios de tensión (Taiwán, Mar de China) e a necesidade de adoptar unha estratexia de disuasión ante as ansias de remilitarización de Xapón, esgrimida na eventualidade dunha reforma constitucional que potencie unha maior presenza global de Xapón, sen desestimar a delimitación de novos sistemas de alianzas (India).

O “novo trato” con Cuba

Compre observar en qué medida a “doutrina Obama” de aperturas calculadas acada certas similitudes, non menos contraditorias, con estratexias anteriores impulsadas por Washington, pero cuxas consecuencias foron notablemente inversas aos intereses inicialmente estipulados. Tómese como exemplo as expectativas causadas en torno á expansión da Área de Libre Comercio das Américas (ALCA) por parte da administración Clinton a partir de 1994, e que curiosamente afondou o illamento hemisférico de Cuba, aderezada con outras políticas (Leis Torricelli e Helms Burton)

En pleno apoxeo da globalización neoliberal, a estratexia ALCA tivo un efecto colateral contraproducente a nivel hemisférico durante a década posterior, a tal punto de vese degradada a través da tramitación de acordos de libre comercio bilateral con determinados países (Colombia, Centroamérica). Isto debeuse ao súpeto xiro político e electoral cara a esquerda acaecido na maior parte dos países latinoamericanos desde 1998, así como na concreción de mecanismos de integración (ALBA, UNASUR, CELAC) abertamente contrarios aos intereses do ALCA.

No caso da actual apertura cubana, o contexto loce abertamente distinto, neste sentido moito mais favorable aos intereses de Washington. A recente regresión electoral da esquerda e a propensión de crises políticas en países estratéxicos (Brasil, Venezuela) deixan “man libre” a Obama para afianzar un novo cálculo a nivel  hemisférico onde, ironicamente e a diferenza da aposta ALCA, Washington coloca a Cuba como epicentro de irradiación dunha nova política (con rémoras na “Política do Bo Veciño” do presidente Franklin D. Roosevelt na década de 1930), neste caso co foco na apertura.

Neste marco aperturista, a xuntanza na Habana do secretario de Estado, John Kerry, cos representantes das negociacións de paz en Colombia, neste caso da guerrilla das FARC e do goberno de Juan Manuel Santos, define outro paso histórico por parte da administración Obama no cometido de pechar conflitos de longa data e indefinida resolución, sempre colocando a Cuba como o epicentro deste cambio de era nas relacións de Washington coa rexión.

Con esta visita, Obama busca desactivar o efecto simbólico que para a esquerda latinoamericana supón a histórica agresión estadounidense a través do embargo e do illamento a Cuba. Para iso, o actual contexto electoral latinoamericano reafirma esta estratexia, particularmente tomando en conta como unha esquerda ata agora hexemónica vese electoralmente contrariada e contestada, igualmente por factores motivados pola crise económica.

Finalmente, a inclusión da Arxentina de Macri nesta histórica xira de Obama confirma o potencial desta nova estratexia hemisférica, impulsada pola disuasión emanada deste “novo trato” de Obama coa rexión que progresivamente domestique, desactive e erosione calquera alternativa contraria emanada dunhas esquerdas atomizadas polas súas crises internas e subitamente superadas na escala electoral ante opcións opositoras de carácter centrodereita. E nesta visita, Obama tamén quere pechar feridas do pasado. A desclasificación de documentos que vinculan a Washington co apoio ás ditaduras militares arxentinas entre 1976 e 1983 obsérvase como a necesidade de Obama por “lavar a faciana” e iniciar unha nova etapa.

O “amigo” persa

Con certos paralelismos co caso cubano, as expectativas de eventual apertura de Obama con Irán tamén ten similitudes colaterais con outras estratexias anteriores impulsadas por Washington, cuxos efectos colaterais foron igualmente contraproducentes.

O grandilocuente proxecto do Gran Oriente Próximo impulsado polo anterior ex presidente George W. Bush a partir da caótica posguerra iraquí (2003) tivo efectos inmediatos claramente perniciosos para unha rexión tradicionalmente volátil. O caos da posguerra iraquí, a Primavera árabe (2011) e a inestabilidade posterior, foron reaccións claramente contrarias a un proxecto deseñado por unha administración Bush que, curiosamente, buscou debilitar ao seu principal inimigo, Irán, cando as súas graves torpezas terminaron precisamente reforzando o peso xeopolítico iraniano.

Agora, a aposta por Irán contempla a necesidade de establecer un equilibrio no Oriente Medio post-Obama, desta vez con Teherán como epicentro disuasivo, en particular ante actores de peso como Israel, Arabia Saudita, Exipto, Rusia e Turquía. Velaí a tácita solución “endóxena” recentemente acorada en Siria, en particular o remate da misión militar rusa iniciada en setembro pasado que permita manter en pe ao réxime de Bashar al Asad, aspecto moi probablemente consensuado entre EUA, Rusia e Irán. Paralelamente, o recente pacto UE-Turquía para a expulsión de refuxiados sirios cara territorio turco e a contención do fluxo dos mesmos cara Europa, confirma a reorientación de Ankara cara o eixe atlantista, aspecto que entronca claramente cos intereses de Washington.

Con todo, en Oriente Próximo e particularmente no caso iraniano, os novos equilibrios xeopolíticos son mais complexos e difíciles de esclarecer que no caso cubano, en particular tomando en conta a posibilidade dunha reconfiguración estatal rexional (eventual independencia de feito do Curdistán, desintegración de Siria e Iraq, inestabilidade colateral no Líbano e Xordania, indefinición palestina) e dos sistemas de alianzas, que defina o final das fronteiras de Oriente Medio trazadas polo acordo Sykes-Picot (1916), curiosamente a principal premisa estratéxica de reivindicación histórica que emana da aparición do Estado Islámico entre Siria e Iraq.

Son inevitables ambas aperturas? Qué consecuencias traerán? A persuasión de Obama de evitar reproducir erros do pasado (ALCA, Gran Oriente Medio) a través de calculadas aperturas (Cuba, Irán) define as bases dunha orientación estratéxica onde Asia-Pacífico está no epicentro. Está por ver se o presumible cambio que se albisca na Casa Branca a partir de novembro próximo confirmará as potencialidades deste legado aperturista.