Estamos a ver que dá de si esa “transición ordenada” que Barack Obama pediu (ou máis ben esixiu) aos militares exipcios. Como xa dixemos a semana pasada, non parece que as demandas do pobo vaian ser escoitadas e atendidas. No mellor dos casos, teremos unha solución á turca.
Os militares temen pola perda dos moitos privilexios de que sempre gozaron, e todo indica que non están dispostos a perdelos. A xenreira que sempre lle tiveron a Gamal, o fillo de Mubarak, tiña dous fundamentos: que non era militar e que, por ser partidario das privatizacións, non vían que puidese garantir tales privilexios.
Cabe a posibilidade de que os militares impoñan a súa lei e que tal cousa dea como resultado unha solución á turca. Pero esa non era a urxente demanda das masas que tiveron o valor de saír á rúa esixindo liberdade e dignidade. Moi ben pode suceder que esa vía tímida, se se dese, teña unha segunda parte: unha nova revolta das masas. ¿E isto o que están apoiando os EE UU?.
Pode suceder tamén que se hai unhas eleccións libres e limpas, como prometen os militares, teñan bos resultados os da Irmandade Musulmá por seren o único partido verdadeiramente organizado: ese feito daríalle unha manifesta superioridade sobre as demais opcións, de cuxa existencia case nin se sabe. ¿Cal sería, nese caso, a actitude dos militares?
O único claro, por agora, é que o exército vai ser o que domine a transición. Se o fai á marxe do que a xente demostrou que quere, ou é morno por demais na súa actitude, tarde ou cedo terá en contra á sociedade exipcia. Entón, pode que en pouco tempo, Exipto exerza a represión, como hoxe Alxeria, Libia, Iemen, Bahréin e outros. Unha incógnita máis entre tan poucas certezas.