Entre o 7 e o 15 de outubro terán lugar en Macau (China) os 1os Xogos da Lusofonía, un escenario idóneo para proxectarmos o noso deporte e as nosas e os nosos deportistas, e para proxectarmos, en xeral, o noso país no plano internacional. (Foto: Presentación web 1os Xogos da Lusofonía, Macau 2006). | |
É xa algo ben coñecido que o noso país ten peculiaridades que o singularizan dentro do Estado e do mundo; e tamén que unha desas peculiaridades, e quizá a máis importante, consiste en que no noso país é falado o galego. O que quizá non sexa tan evidente é que esas especificidades, e entre elas a lingua, colocan á Galiza nunha situación de privilexio da que tirar proveito a nivel internacional, desde que sexa definida e practicada unha acción exterior artellada en base ao noso ser singular; o que é o mesmo: unha acción exterior pensada desde e para a Galiza, pondo en valor todas e cada unha das nosas especificidades.
Neste sentido, a lingua galega encamíñanos inexorabelmente na dirección dos países de expresión portuguesa (ou galego-portuguesa) por dúas razóns fundamentais, unha máis práctica e outra histórica: dun lado permite o fácil entendemento coas persoas que falan portugués; doutro lado, lémbranos, como mínimo, un pasado lingüístico-cultural común co norte de Portugal, que foi proxectado a nivel peninsular e intercontinental por esta rexión dando lugar ao que internacionalmente hoxe se coñece como Lusofonía, aínda que non falta quen defenda, desde a Galiza e desde fóra dela, o termo Galegofonía como igualmente lexítimo.
Eses dous trazos inherentes ao noso idioma, pois, ábrennos completamente as portas da Lusofonía, até o punto de xa se nos teren feito convites cómplices desde os países e rexións que a integran, dándonos a ver que non teríamos grandes problemas se quixésemos camiñar con eles. Mais, infelizmente, na Galiza non ten habido verdadeira vontade política nin de ningún outro tipo para aproveitar a vantaxe internacional que o noso idioma supón.
Con todo, encontrámonos actualmente perante unha ocasión única para facérmonos ver e integrármonos, paso a paso e sen exclusións, na Lusofonía: do lado galego, un novo goberno, con sensibilidades abondo para tirar proveito da lingua galega estreitando as relacións con este ámbito xeopolítico; doutro lado, celébranse dous eventos lusófonos extraordinariamente transcendentes nos que a Galiza podería participar, e aos que nos referiremos inmediatamente.
En primeiro lugar, no próximo 17 de xullo terá lugar, na Guiné Bissau, a VI Cimeira da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP), órgano máximo da CPLP, a organización máis importante da lusofonía, no que se reúnen os principais líderes dos diversos países, rexións e mesmo organizacións para deseñaren as grandes liñas políticas da Comunidade. Unha VI Cimeira de formidábel importancia simbólica na medida en que celebra o 10º aniversario da CPLP, e unha inefábel oportunidade para que representantes do noso goberno poidan falar de maneira persoal e directa cos máximos mandatarios de países espallados por catro continentes, podendo así chegar a entendementos e acordos ou, no mínimo, a un achegamento imposíbel de atinxir de ningún outro modo.
En segundo lugar, entre o 7 e o 15 de outubro terán lugar en Macau (China) os 1os Xogos da Lusofonía, un escenario idóneo para proxectarmos o noso deporte e as nosas e os nosos deportistas, e para proxectarmos, en xeral, o noso país no plano internacional.
O tempo aprema. Vamos deixar pasar estas oportunidades?