20070913 moscu viktor zubkov

Os homes de Putin

 Víktor Zubkov, clic para aumentar
Víktor Zubkov é outro burócrata-espía fiel a Putin. Nos últimos anos centrou a súa actividade no goberno da cidade de San Petersburgo e na loita contra o lavado de diñeiro "desde febreiro de 2001", operacións que brindan un argumento libre de sospeita para desfacerse de personaxes hostís e perigosos.
 

A recente substitución de Mijail Fradkov por Víktor Zubkov á fronte do goberno ruso, a tres meses das eleccións lexislativas e medio ano das presidenciais, ven a demostrar varias cousas. En primeiro lugar, que a sucesión de Putin non está pechada e que a carreira continúa ata o punto de que este, dado ou seu perfil, poida non ser o seu verdadeiro candidato. En segundo lugar, que a pesar dá fortaleza de Putin e da súa considerable liberdade de actuación, sen rivais serios que compitan co poder do Kremlin, este primeiro paso podería confirmar que as súas dificultades para atopar un candidato aceptable e aceptado polos poderes fácticos non son menores.

Zubkov é outro burócrata-espía fiel a Putin. Nos últimos anos centrou a súa actividade no goberno da cidade de San Petersburgo e na loita contra o lavado de diñeiro "desde febreiro de 2001", operacións que brindan un argumento libre de sospeita para desfacerse de personaxes hostís e perigosos. Ziuganov, líder da fracción comunista da Duma, votou en contra da designación de Zubkov, a pesar da súa "boa traxectoria no período soviético". Coa substitución de Fradkov, Putin librouse tamén dalgúns ministros impopulares, asegurando o continuísmo da súa política cun primeiro ministro que obedecerá as súas ordes sen rechistar.

Non está claro, por outra banda, que este novo titular do goberno vaia a ser, necesariamente, o candidato de Putin á Presidencia. O goberno ruso actual carece de poder efectivo e da mínima autonomía política, desempeñando funcións de caracter predominantemente técnico. O poder real, é cousa sabida, está na Presidencia. A analoxía co sucedido en 1999, cando Ieltsin postulou a Putin, non ten por que darse agora, aínda que moitos dan por feito que así será. Se, por outra banda, temos en conta que o Kremlin deberá afrontar nos próximos meses unha xestión delicada con reformas importantes pero impopulares e unha probable retardación do crecemento, ben podería Zubkov ser o chamado a recibir as críticas en vez do chamado a suceder a Putin. Nese caso, habería un "nome", na sombra ou non, que podería traer a primeiro plano a figuras hoxe en aparencia descartadas como Serguei Ivanov -vicepresidente primeiro do anterior executivo- ou Dmitri Medvédev, entre outras, moi sinaladas como probables sucesores e que agora "beneficiaríanse" do desvío da atención mediática e dunha xestión que podería complicarse no período preelectoral. Zhirinovski, o líder do PLD, asegura que o candidato de Putin será unha figura totalmente nova e inesperada e que non vai despegar desde o posto de primeiro ministro. Poida que si. Outras voces consideran que soamente estamos ante unha manobra de distracción e que o seu verdadeiro candidato segue sendo Ivanov. O xornal ruso Vedomosti recolle outra hipótese: Zubkov podería ser o candidato co compromiso de actuar como "presidente técnico" entre 2008-2012 gardando o posto a Putin que daquela sería novamente candidato.

Sexa como for, comezou a fase de reestruturación do poder con vistas ás eleccións presidenciais de marzo de 2008. Os movementos das últimas semanas evidencian que a política rusa segue a ser impredicible e en extremo dependente da estratexia dun Presidente debedor dunha conduta política que manifesta máis fondas semellanzas co actuar da autocracia zarista ca dun sistema democrático. Estamos na intrigante Rusia de sempre.