¿Outra guerra?

Novamente na esquecida África, onde 1 de cada 5 habitantes atópase inmerso nun conflicto, a masacre volve a espantar. Quen non lembra aquela atrocidade sucedida a mediados dos 90 entre hutus e tutsis. A pesares dos numerosos intentos de ocultamento, lembramos as machetadas, as coiteladas…, e gracias a libros como os de Gourevitch (Queremos informarlle de que mañá seremos asasinados xunto coas nosas familias. Historias de Ruanda) puidemos ter unha visión máis próxima e obxectiva do que alí aconteceu en realidade. E aínda que esa circunstancia se repite diariamente no continente africano, contadas son as ocasións en que os nosos medios o recollen.

Nestes días tivemos ocasión de ler nalgún xornal unha noticia relacionada coas masacres permanentes que se producen na República do Congo. Investigadores da ONU foron testemuñas dun macabro descubrimento no noroeste do país; atoparon case un milleiro de civís asasinados por milicias tribais. No asasinato en masa utilizáronse armas de fogo pero tamén machetes e outras armas brancas. Segundo as testemuñas, os agresores dirixíronse ó pobo de Drodro e a 14 vilas veciñas preto de Bunia, capital do distrito de Ituri, a 80 quilómetros da fronteira con Uganda.

Este país víctima non só da súa propia barbarie senón tamén dos devastadores efectos da lacra da SIDA vive dende hai décadas nunha situación de inestabilidade permanente.

Claro que como tódolos conflictos hai certas claves que explican non só a orixe dos enfrontamentos senón tamén os intereses por manter ou mitigar os detonantes.

A antiga Zaire é unha rexión chea de recursos, ademais de importantes riquezas minerais; cobalto, cobre, cadmio, diamantes, oro, prata, cinc, manganeso, estaño, xermanio, uranio, radio, bauxita, mineral de ferro, carbón. Posúe tamén unha importante selva tropical que serve de pulmón do continente e unha significativa cunca hidrográfica nunha rexión onde hai escaseza de auga., poderío hidroeléctrico, recursos forestais.

Ademais, a República Democrática do Congo, segundo país en extensión de África, ocupa unha posición xeostratéxica clave pola súa fronteira, que comparte con varios estados.

Os seus veciños inmediatos, Ruanda, Uganda, Angola, Sudáfrica, Namibia Zambia, Sudán, Kenya, teñen diferentes relacións coa República pero todos son conscientes de que o que pase nun pode afectar ós demais.

Pola súa banda as potencias estranxeiras tamén mantiveron diversas posturas fronte a este país. A EEUU preocúpalles a proximidade de estados islámicos coma Sudán e Libia, ademais do mero interese polos recursos, como acontece con Bélxica, que axudou a independizarse á rexión de Katanga pola súa riqueza. Francia busca sobre todo manter a súa posición hexemónica no continente, conservando a súa influencia no segundo país máis grande de África no que se fala francés.