Unha nova oportunidade para a paz ou a incertidume propia dun conflicto interminábel? A agonía parisina de Yasser Arafat deixa a Palestina e Oriente Medio ás portas dunha histórica encrucillada, e a tráxica paradoxa de deixar agora a iniciativa de paz en máns do máis acérrimo inimigo de Arafat, o primeiro ministro israelí Ariel Sharon. A mais que probábel desaparición física do histórico líder palestino remodelará unha Autoridade Nacional Palestina aqueixada pola división política e xeracional e abrirá unha incerta etapa de cambios na rexión, cun Iraq convulsionado e un Irán posicionándose como a principal ameaza do eixo Washington-Tel Aviv. No medio deste escenario, os palestinos decátanse novamente de que o seu futuro estase decidindo fora dos seus canais, entre a incomprensión mundial e a incompetencia e división dos seus dirixentes. Unha análise de Roberto Mansilla Blanco.
Independentemente do desenlace do crítico estado de saúde de Arafat, a silenciosa loita pola sucesión do rais comezou xa hai tempo, tralo fracaso das negociacións en Camp David no ano 2000, que levaron a duas semáns de reunións entre o líder palestino, o presidente Bill Clinton e o ex primeiro ministro israelí Ehud Barak. A consecuencia deste fracaso foi a resurrección da Intifada nos territorios ocupados e a chegada ao poder de Ariel Sharon en Israel.
No bando palestino, o ascenso das opcións radicais de corte islámico deixaron a Hamás cunha considerábel forza política e social en Gaza e Cisxordania, principalmente entre os máis mozos, completado polo ascenso de Yihad Islámica e novas forzas como as Brigadas dos Mártires de Al Aqsa. Polo tanto, non se cometería un erro se dicimos que a "morte política" de Arafat, comezou pouco despois do fracaso en Camp David, e o máis simbólico exemplo foi o cautiverio do rais na súa residencia da Muqata, por parte das forzas israelís, nos derradeiros tres anos.
O péndulo do poder na alicaída Autoridade Nacional Palestina amosa agora unha marcada división. Por unha banda, atópanse os históricos líderes "laicos" das organizacións políticas Al Fatah, o Frente Popular para a Liberación de Palestina, o Frente Democrático para a Liberación de Palestina e os ex comunistas. Catalogados como os "tunecinos", exiliados no país norteafricano nos anos oitenta, compoñen a "xeración da Guerra dos Seis Días" de 1967 e o núcleo principal da Organización para a Liberación de Palestina, vencellados directamente a Arafat. Falamos do primeiro ministro Ahmed Qurei, o presidente de OLP, Mahmud Abbas, a deputada Hanan Ashrawi, o presidente do Parlamento Ruhi Fatuh e o xefe de seguridade en Gaza, Mohammed Dahlan.
Todos eles, menos Dahlan e Fatuh, superan os 60 anos e a percepción popular non os trata con beneplácito, acusándoos de corrupción e acomodamento. Controlan tamén as numerosas forzas de seguridade interna, que en gran medida son mini-milicias divididas entre sí e prestas a actuar cando sexa necesario.
Mención especial merecen dous personaxes: Marwan Barghouti, líder de Al Fatah en Gaza, e George Habache, xefe político do FPLP. Ámbolos dous son acusados de cometer atentados terroristas. Barghouti, de 44 anos, está preso nunha cárcere israelí desde abril de 2002, pero aínda é considerado o sucesor natural de Arafat, con o quen mantén estreitos vencellos. Ten un gran ascendente popular e iso o saben ben as autoridades israelís (coas que mantén negociacións) e palestinas. Pola súa banda, o sesentón Habache é un líder histórico do movemento palestino. De orixe cristiano e apoiado dende Siria, é un vello inimigo de Arafat.
A actual crise de autoridade coa enfermidade e saída de Arafat permitiu a Qurei e Abbas iniciar unha audaz manobra para controlar o poder de Al Fatah e afastar os liderazgos emerxentes, como Dahlan. Este, pola súa banda, só ten o apoio directo de EEUU e Israel e isto non significa un aval considerábel cara os palestinos. O tándem Qurei-Abbas non é ben visto a nivel popular e, incluso, a muller de Arafat, Suha, acusounos de querer "enterrar vivo" ao seu marido. Nembargantes, o coñecido pragmatismo de ambolos dous políticos indica que serán os cabezas máis visíbeis da incerta transición.
Por outra banda está o presumíbel relevo político xeracional encarnado polos "islamistas", especialmente Hamas e Yihad Islámica. As súas orixes son a Intifada de 1987, conxelada nos acordos de paz con Israel de 1994 pero reanudada en setembro de 2000, tralo fracaso das negociacións de Camp David e a provocadora visita de Sharon á Explanada das Mesquitas de Xerusalén. Tamén as súas simpatías están divididas: Hamás é activo cos seus atentados suicidas, e está vencellado á visión integrista dos Irmáns Musulmáns de Exipto. Yihad Islámica, tamén activamente terrorista, ten conexións co grupo libanés Hezbollah, á súa vez vencellado a Irán.
Hamas foi o obxectivo principal da política de "asasinatos selectivos" de Sharon, velaí os seus contundentes ataques en Gaza, o centro de acción e recrutamento da organización palestina. Pero sufriu importantes perdas este ano, como os asesinatos, por parte das forzas israelís, do seu líder histórico Ahmed Yassin, e o seu sucesor Abdelaziz al Rantisi. Hamas ten agora a Mahmoud Zahar como principal líder, altamente popular en Gaza e Cisxordania. Pola súa banda, Yihad Islámica confía no liderazgo de Abdallah Shami. A pesar de que agora aceptaron unificar posicións con Al Fatah e demáis membros da Autoridade Palestina, coa finalidade de iniciar unha transición pacífica e non dar vantaxes ao "inimigo" israelí, o obxectivo de ambas organización son as eleccións municipais de finais de ano e as presidenciais dentro de 60 días, así como conformar verdadeiros movementos de gran alcance social.
No bando israelí, o escenario tamén semella contradictorio. É cada vez máis claro que Sharon obtivo un importane triunfo coa saída de Arafat e, indirectamente, co reforzamento de Hamas. Días antes de permitir que Arafat saíra a París, Sharon xa conseguira unha importante victoria parlamentaria ao aprobarse o seu plan de retirada militar de Gaza. Pero a situación dentro de Israel tamén é explosiva, conformada por unha forte confrontación entre os "laicos", as Forzas Armadas e de seguridade e os "ultrarrelixiosos", cos colonos de por medio.
Con Arafat fora de combate, as posibilidades políticas de Sharon tamén se complicarán, polo que Israel podería estar a piques dun cambio xeracional e político. E o escenario da paz semella gris: non existe unha referencia para iniciar negociacións, en Washington están mais ocupados na ofensiva en Fallujah e os liderazgos palestinos e israelíes deberán atopar un novo camiño de acercamento, coa consabida desconfianza inicial.
En todo caso, Arafat morrerá sen cumprir o seu desexo de liderar unha Palestina independente. A súa historia persoal retrata perfectamente a traxedia e as contradiccións dos palestinos: un futuro sempre nas máns doutros.