20050739 pervez musharraf01

Paquistán: os dilemas de Musharraf

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

 Pervez Musharraf, clic para aumentar
Presionado por Londres, o xeneral Pervez Musharraf, no poder tras un golpe de Estado en 1998, acaba de ordenar a tódolos “estudantes estranxeiros” nas “madrasas”, o “abandono do país” dun xeito inmediato.
 

O único país musulmán con armamento nuclear e o segundo máis poboado no mundo islámico, aliado tradicional de Washington durante a “guerra fría”, navega por augas turbulentas. O presidente Pervez Musharraf atópase cun forte dilema que coloca en risco a continuidade do seu goberno, ante a presión anglo-estadounidense en materia antiterrorista e os movementos xeopolíticos de India.

Por todos é coñecido que as “madrasas” ou escolas islámicas en Paquistán, convertéronse no centro de ensino dos militantes “yihadistas” que perpetraron os atentados en Londres e que apoiaron ao réxime talibán en Afganistán. Presionado por Londres, o xeneral Pervez Musharraf, no poder tras un golpe de Estado en 1998, acaba de ordenar a tódolos “estudantes estranxeiros” nas “madrasas”, o “abandono do país” dun xeito inmediato.

Esta inesperada medida, que pode provocar fortes enfrontamentos internos en diversas zonas do país como Lagore e a provincia de Baluchistán, onde a militancia islamista é maioritaria, aparece como unha resposta do réxime militar ás peticións de Scotland Yard e as autoridades inglesas e norteamericanas, ante a evidencia dunha “conexión paquistaní” nos atentados de Londres do pasado 7 de xullo.

Pero, ao mesmo tempo, a resposta de Musharraf apunta a varias direccións relacionadas, principalmente, coa perda de espazo ante os seus dous tradicionais aliados, Londres e Washington, quen veñen favorecendo nos derradeiros meses aos dous rivais de Islamabad: India e China, por mor de consideracións xeopolíticas.

Se ben Paquistán é unha peza clave para Occidente na loita antiterrorista, a súa posición reviste dunha similitude coa de Arabia Saudita en canto á formación e apoio financeiro e loxístico aos “yihadistas”, posición que tamén coloca nun escenario delicado a Washington, especialmente á CIA e a persoeiros da administración Bush. A “yihad” de Al Qaeda partiu das “madrasas” paquistanís de Lagore e Quetta na década dos oitenta, para apoiar á insurxencia afgana contra os soviéticos, e hoxe conforman unha forza aparentemente incontrolable, que se rebela contra os seus “benefactores” orixinais.

É por iso que o réxime militar de Musharraf está no punto de mira de Londres e Washington. Sen embargo, o constante ascenso do islamismo en Asia Central é un problema de seguridade nacional para un Estado que se ve incapacitado para manter a orde estatal en rexións afastadas como a fronteiriza con Afganistán, onde se cre está recluída a dirixencia de Al Qaeda, incluído o propio Osama ben Laden. Ao igual que a monarquía saudita, o réxime de Musharraf necesita do apoio político e militar de Washington e Londres para atenazar esa insurxencia islamista que, dende hai duas décadas, contribuiu a crear e medrar.

A única diferencia parece estar no tratamento. Washington e Londres criticaron á monarquía saudita tralos atentados do 11-S mentres que a Musharraf o enxalzaron como un exemplo de modernización e seguridade para o mundo islámico. En poucas palabras, un “novo Kemal Atatürk”, casualmente o personaxe histórico favorito de Musharraf.

Pero agora poden existir algúns cambios neste enfoque, ante o clima de inestabilidade en Paquistán. Ademais da ameaza “yihadista”, outros factores crean preocupación no xeneral Musharraf. Recentemente, o goberno indio realizou sendos acercamentos diplomáticos con EEUU e China que deixan un tanto desconcertado a Paquistán.

A xuntanza en Washington do presidente Bush co primeiro ministro indio a comezos de xullo, onde se garantiu asistencia militar na loita contra o terrorismo e aprovisionamento enerxético, e a revitalización das relacións comerciais e políticas entre Nova Delhi e Beijing, deixan a Paquistán á marxe do novo xogo xeopolítico no sureste asiático e inclinan a balanza a favor do seu tradicional rival, a India.

O réxime militar en Islamabad vese na necesidade de fortalecer a loita contra a militancia islamista para seguir conservando o apoio anglo-norteamericano. Pouco despois dos atentados de Londres, Musharraf anunciou a captura de 24 altos cargos do extinto réxime talibán de Afganistán, agochados en territorio paquistaní.

A recente medida de expulsar aos “estudantes estranxeiros” das madrasas vai nesa mesma dirección aínda que, internamente, pode granxearlle a Musharraf severas complicacións. Diversas fontes de intelixencia sinalan que militantes islamistas lograron infiltrarse nas filas das forzas armadas paquistanís, polo que non se descarta unha rebelión militar ou social contra Musharraf. Unha “islamización” nun Paquistán con armamento nuclear racharía a ecuación trazada por Washington e Londres tralo 11-S.