Perú: todos contra Humala

Consideradas as eleccións máis disputadas dese país andino, os comicios presidenciais peruanos do próximo domingo 10 definirán o curso político do novo ciclo electoral latinoamericano iniciado en 2009, precisamente no país máis eloxiado nos últimos anos a nivel hemisférico por parte dos organismos financeiros e mercados internacionais, a raíz do seu estable desempeño económico.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Consideradas as eleccións máis disputadas dese país andino, os comicios presidenciais peruanos do próximo domingo 10 definirán o curso político do novo ciclo electoral latinoamericano iniciado en 2009, precisamente no país máis eloxiado nos últimos anos a nivel hemisférico por parte dos organismos financeiros e mercados internacionais, a raíz do seu estable desempeño económico.

A importancia destes comicios estriba na finalización da etapa presidencial de Alan García, no poder desde 2006, así como na renovación do poder lexislativo, coa elección dos seus 130 congresistas, todo isto dentro dun escenario determinado pola atomización de candidaturas electorais. Entre as diversas enquisas existe práctica unanimidade en considerar o favoritismo de Ollanta Humala, da esquerda nacionalista Gana Perú, como vencedor sen maioría absoluta nunha primeira volta onde tamén teñen opcións Keiko Fujimori (Forza 2011), filla do ex presidente Alberto Fujimori, condenado a cadea perpetua; o tamén ex presidente Alejandro Toledo (Perú Posible); o liberal ex ministro de Economía Pedro Pablo Kuczynski (Alianza polo Gran Cambio) e o ex alcalde da capital Lima, Luís Castañeda.

Deste modo, o escenario 2011 en Perú pode repetir o presentado en 2006, cando Alan García contou nunha segunda volta electoral co apoio da maioría dos candidatos que quedaron fora na primeira volta, a fin de derrotar a opción nacionalista de esquerda de Humala, daquela acusado dende diversos sectores de obter apoio financeiro e político por parte do presidente venezolano Hugo Chávez.

Agora, na súa segunda presentación como candidato presidencial, Humala tenta moderar o seu discurso e proxecto político a través dun cambio de imaxe mais centrista, desprovista da identificación co coronel que fora implicado nunha asonada militar en 2004, e coa obvia intención de gañar o apoio das clases medias populares. Non obstante, o seu actual favoritismo pode tamén explicar unha intención dentro do electorado peruano por apoiar outras alternativas políticas.

As perspectivas albiscan unha segunda rolda electoral, prevista para o próximo 5 de xuño, entre Humala e, probablemente, Keiko Fujimori, unha das abandeiradas dunha dereita liberal atomizada entre Toledo, Kuczynski e Castañeda. En todo caso, o escenario electoral peruano considera unha puxa de candidaturas contra Humala que, dende a perspectiva rexional, tamén identificou durante a campaña electoral unha notoria implicación exterior, principalmente por parte de Chávez e do presidente chileno Sebastián Piñera, este último con declaracións preocupantes sobre unha hipotética vitoria de Humala.

De triunfar finalmente o candidato nacionalista de esquerda, o Perú alterará a orientación conservadora do ciclo electoral latinoamericano iniciado en 2009, coas vitorias da dereita en Panamá, Colombia e Chile. Para finais de 2011 están previstas igualmente eleccións presidenciais en Arxentina e Nicaragua, onde os actuais mandatarios de esquerda Cristina Fernández de Kirchner e Daniel Ortega buscan a súas respectivas reeleccións, con maior tensión e polarización no caso nicaraguano ante os pulsos constitucionais por permitir a posibilidade de reelección de Ortega.

Se Humala logra finalmente vencer nunha segunda volta, asumirá un país economicamente en crecemento pero con enormes desigualdades sociais e un panorama político fortemente atomizado. Afastando os intereses exteriores, observase como o Perú avanza cara unha orientación propia, construíndo unha cultura política democrática non exenta da persistencia de liderados do pasado. Velaí a importancia estratéxica que terán os comicios peruanos para o mapa político latinoamericano.