Polonia: os retos de Komorowski

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

O pasado 4 de xullo, na segunda volta das eleccións presidenciais en Polonia, enfrontáronse Bronisław Komorowski e Jarosław Kaczyński, representantes de dous dos máis importantes grupos políticos do país. Tras unha difícil campaña electoral, Komorowski, presidente en funcións desde abril pasado trala tráxica morte en accidente aéreo do ex presidente Lech Kaczyński, superou ao seu opoñente e irmán xemelgo do presidente falecido por unha escasa vantaxe de 53% a 47%

Por suposto, a vitoria de Komorowski é tamén un éxito para o seu partido, a centrodereita Plataforma Cívica, e o goberno formado principalmente por esta. Para a Plataforma, cansada da presidencia de Lech Kaczyński nun período marcado polo prolongado conflito entre o goberno e o presidente, o triunfo de Komorowski supón un verdadeiro alivio. É dicir, é razoable supoñer que o presidente electo utilizará o veto presidencial con maior moderación e non só para obstaculizar as reformas propostas polo goberno, co cal facilitará a cooperación entre os representantes do poder Executivo.

Con todo, a pasividade do goberno polaco non é unicamente o resultado da escasa cooperación entre este e o xefe de Estado. Parece que, en moitos casos, á Plataforma fáltanlle medios ou intencións para cumprir as súas promesas electorais. Neste sentido, a vitoria de Komorowski tamén pode significar grandes problemas para o seu partido.

O goberno, privado da última escusa para non pór en marcha as prometidas reformas, non ten outro remedio que empezar a realizar o seu programa. Pola contra, corre o risco de fracasar nas próximas eleccións lexislativas en 2011. Ademais, tampouco se pode ignorar o resultado de Kaczyński. O líder do partido Lei e Xustiza, de carácter conservador e ideoloxía católica, ao principio da campaña gozaba dun 30% do apoio electoral. Con todo, ao longo dos tres últimos meses, este número crecía sistematicamente para terminar en 47% de votos na segunda volta.

Por suposto, unha parte destes votos é o resultado da compaixón causada pola traxedia persoal de Kaczyński, habilmente subliñada ao longo da campaña. No entanto, o aumento deste apoio tan radical pode tamén explicarse como unha sinal indirecta da valoración negativa da política do goberno.

De igual xeito hai que interpretar o relativo éxito de Grzegorz Napieralski, un novo líder da Alianza da Esquerda Democrática, que na primeira rolda das eleccións sorprendentemente obtivo 14% dos votos electorais. Agora ben, se o seu resultado é un reflexo do aumento da popularidade da esquerda, isto non parece ser completamente certo, xa que Napieralski non é un típico representante do seu partido. Iso pode significar que a Alianza está aspirando a formar a coalición con calquera partido que gañe as próximas eleccións lexislativas. Por tanto, pódese esperar que ambos partidos de dereita inclinaranse suavemente cara o centro, non só para gañar o apoio dos electores máis moderados senón tamén para preparar o ambiente para a futura coalición.

De todos os xeitos, o primeiro ano de presidencia de Komorowski será moi interesante de desde o punto de vista das próximas eleccións lexislativas de 2011. O crucial será a postura do goberno, que pode converter o triunfo de Komorowski na vitoria da Lei e Xustiza.