Os talibáns non lle importan moito aos EE UU. Pero si o dominio de Afganistán como primeiro paso para o control absoluto da Asia Central e as súas riquezas en
hidrocarburos. Unha zona na que son evidentes as tirapuxas entre China e os EE UU, grandes potencias ávidas compradoras daqueles recursos enerxéticos.
China leva despregado nesa zona un eficaz labor diplomático, mentres os EE UU pretenden impoñerse con guerras preventivas e non preventivas. Que ninguén o poña en dúbida: Obama ten superado a Bush no seu militarismo con selo imperial. Tampouco ninguén pon en dúbida que a guerra de Afganistán é a súa guerra.
Na Asia Central vívese agora mesmo un frenesí vendedor de produtos enerxéticos á par que tamén outro de compradores –EE UU, Europa, Rusia, China, Paquistán e India-, e de aí outro frenesí máis de construción de gasodutos, polos que pelexan todos os mencionados países, e outros máis.
Trátase, pois, dunha febril cobiza que domina ás máis grandes potencias do mundo. Por iso se ten sinalado que non se pode esquecer que toda a zona esta arrodeada de potencias nucleares –Rusia, China, Paquistán e India-, unha potencial pero verdadeira ameaza, naquelas condicións, para a seguridade e a paz de todo o mundo.
E se a esa situación lle engadimos a que se está orixinando en Paquistán, por presión dos EE UU, e se aínda se estende como parece a Waziristán do Sur –países onde EE UU actúa como se de bases propias se tratase-, podemos estar certos de que o futuro da humanidade está xogándose xa na Asia Central. Con moi sombrizos agoiros.