¿Que pasa no Congo?

Baixo o aspecto de conflicto étnico que moitos están interesados en darlle á continua situación de violencia que goberna o centro do continente africano se agocha unha pugna de intereses, sen tregua, entre as grandes potencias.

A noticia africana da fin de semana era o despregamento do continxente internacional de paz na República Democrática do Congo. Esta forza, liderada polos franceses estaba destinada a estabilizar a situación de enfrontamento entre tribos. Precisamente esta situación se daba na provincia de Ituri, concretamente na súa capital, Bunia, zona especialmente rica en recursos naturais, e branco das masacres máis cruentas da Guerra Civil do Congo.

A violencia que asola o país está sendo achacada a conflictos entre hemas e lendus. Sen embargo, e coma case sempre, a simplificación interesada dos feitos, agocha outros factores como a devaluación dos productos agrícolas e gandeiros que azoutou dende finais do século pasado á maioría dos países africanos. Esta circunstancia fixo que a explotación dos recursos minerais se convertese na principal forma de sustento destas poboacións. Claro que xa se sabe que onde hai fortes intereses, económicos e doutro tipo, todos acoden a por un anaco de torta, sexa como sexa e a costa sempre do máis débil, e neste particular non hai excepcións de ningunha clase. A corrupción, a violencia e a explotación son algunhas das consecuencias lóxicas da carreira polo poder.

Na última década son moitas as multinacionais que se instalaron no leste da República. Empresas como Nokia, Ericsonn, Siemens…, en busca do prezado colombio-tántalo (máis coñecido como coltan), utilizado na fabricación de aparatos electrónicos, na industria armamentística, etc, son as que disputan o control da rexión.

Ademais, a importante reserva de cobre, ouro, diamantes…, deu lugar a unha rede de empresas fusionadas con grandes capitais, relacionados a súa vez cos gobernos locais e co sector militar, oficial (exército) ou extraoficial (guerrillas).

As grandes empresas actúan de financeiras das distintas forzas militares incitando os conflictos étnicos.

Non hai que esquecer que o Acordo de Lusaka non foi máis que un reparto entre potencias para poder facer da explotación un medio lícito de enriquecemento.

Os distintos bandos de Ruanda, Uganda e Burundi, apoiados polos Estado Unidos, con subvencións do Fondo Monetario Internacional e do Banco Mundial e ligados cos Movementos de Liberación do Congo, entre outros, ademais de Angola, Namibia, son xunto coas grandes potencias occidentais os verdadeiro motores da anarquía que impera no lugar. Esto, relacionado co aumento de concesións a americanos e canadenses en detrimento dos franceses, aumenta os receos entre as potencias internacionais, sen contar co potencial estratéxico que a zona posúe.