Siria no punto de mira

A paz en Palestina había ser a primeira gran consecuencia da guerra contra Iraq. Sen embargo, seis meses despois do remate oficial das hostilidades, a guerra é unha realidade cotiá en Oriente Medio e un proceso de agravamento continuo ameaza con envolver a outros actores da rexión. As últimas accións do goberno israelí contra Siria ou Líbano deron o golpe de gracia á Folla de Ruta, evidenciando a total disposición de Israel para utilizar o argumento antiterrorista a fin de saldar vellas contas.

O primeiro ataque israelí contra Siria en vinte anos foi presentado como unha resposta ao atentado suicida de Haifa. Sharon, fiel instigador da doutrina da guerra preventiva, non dubida en emular ao presidente Bush e enviar unha mensaxe aos países árabes, moi debilitados militarmente, para que acepten sen miramentos o seu dominio rexional. Pero o uso e abuso da forza conduce a unha canella sen saída. Pensar que todos os problemas teñen unha solución militar ou que poden extremarse ata o punto de non haber outra, demostrouse, en corenta anos, como unha reflexión insensata e incapaz de xerar a estabilidade e convivencia pacífica entre os pobos en conflicto. Non hai seguridade posible para os israelís a partir da lóxica da forza. É un camiño totalmente suicida.

O ataque a Siria, co visto e prace dunha Administración Bush que se negou sistematicamente a condenalo no Consello de Seguridade de Nacións Unidas, deixa entrever que as diferencias xurdidas arredor da guerra contra Iraq non se solventaron de todo. EEUU acusaba a Damasco de posuír armas de destrucción masiva e promover o terrorismo, de acoller a Sadam Hussein e outros altos funcionarios do goberno. Rumsfeld utilizou a Siria como chivo expiatorio para xustificar as dificultades iniciais na guerra contra Sadam e mesmo chegou a ordenar o deseño de plans de ataque contra este país. Pero as dificultades de Bush en relación a Siria son notorias, especialmente porque lle falla un aliado decisivo, Reino Unido "o presidente Asad casou cunha británica-, que mantén boas relacións con este país. Outro tanto acontece con Francia, que foi a súa metrópole colonial; ou con Rusia, herdeira dos tradicionais vínculos coa Unión Soviética. Bush danaría todas estas relacións de producirse un ataque a Siria. A Israel preocúpalle nada a reacción europea ou rusa e o nerviosismo de Siria ábrelle o camiño de Irán, moi solidario con Damasco por ser o único goberno árabe que apoiou a Teherán na guerra entre Irán e Iraq. Israel sempre desempeñou un papel provocador no empeoramento das relacións entre EEUU e Siria.

Como mostra de boa vontade, Siria pechou a fronteira con Iraq e mesmo expulsou discretamente a algúns iraquís. Tamén impulsa a creación dunha zona libre de armas de destrucción masiva na rexión, unha medida que debe servir para lembrar a quen a acusan de posuír armas biolóxicas e químicas, que Israel conta cun coñecido programa de armas nucleares que soamente a AIEA, tan escrupulosa con Iraq ou Corea do Norte, semella ignorar.

É certo que Siria, coma outros países árabes, apoian a organizacións que Israel e EEUU cualifican de terroristas. Para Damasco son organizacións armadas contra a ocupación israelí. Ese apoio, directo ou encuberto, non vai ceder, fundamentalmente, solidariedades aparte, porque constitúe un elemento de presión sobre Tel Aviv, o único que realmente pode utilizar dada a diferencia de capacidade militar, para recuperar os Altos do Golán, perdidos na guerra de 1967. Imaxinar a devolución deste territorio podería operar un cambio substancial na actitude siria. Pero Sharon non entende de cesións.