Mentres as protestas que sacoden actualmente Tunicia provocaron a incerta promesa do seu presidente Zine El Abidine Ben Ali de non presentarse á reelección en 2014, o Líbano volve a mergullarse noutra crise política, trala retirada de once ministros do movemento islamita Hizbulah do gabinete gobernamental liderado polo primeiro ministro Saad Hariri.
Esta ruptura de Hizbulah e aliados minoritarios como o tamén partido islamita xiíta Amal e outros de adscrición maronita, débense as acusacións na súa contra, por parte dunha investigación internacional, sobre o asasinato en 2005 do ex primeiro ministro Rafi Hariri en 2005. Esta investigación cometida contra o pai do actual primeiro ministro libanés incriminou a Siria e o Hizbulah, dando paso á desarticulación do gabinete liderado pola coalición gobernamental “14 de marzo”, de marcado carácter prooccidental e abertamente contraria á preponderancia siria e iraniana nos asuntos libaneses.
De forma inmediata, o presidente libanés Michel Suleiman iniciou unha rolda de negociacións políticas para formar un novo goberno, con Hariri como presidente interino. A falta de saber con certeza se este escenario levará a un adianto electoral, Hizbulah anunciou que permitiría a Hariri finalizar o seu mandato en 2013, a cambio de instigar a retirar esas acusacións na súa contra.
Resalta notoriamente que esta ruptura ocorre nun momento en que Hariri visitaba Washington, toda vez non se descarta que Siria, coa probable anuencia iraniana, favoreza tacitamente a decisión de Hizbulah como evidente método de presión. Paralelamente, EEUU, Israel e Arabia Saudita moven as súas pezas en Beirut, centradas en evitar a preponderancia política de Hizbulah. O exército israelí xa anunciou o seu estado de alerta ante a posibilidade (pouco probable) de que esta ruptura reproduza as tensións contra Hizbulah no sur do Líbano.
Co trasfondo da crise política libanesa, a secretaria de Estado estadounidense Hillary Clinton iniciou unha xira por Oriente Próximo, cuxos obxectivos baséanse en concretar alianzas ante eventos tan irreversibles como incómodos como a apertura da central nuclear iraniana de Natanz, prevista para as próximas semanas, e o previsible incremento da presión diplomática ante a ONU para o recoñecemento dun Estado palestino, a tenor dos recentes avances neste sentido provenientes de países sudamericanos.
Tras visitar Washington, Hariri trasladouse a Turquía persuadido de que Ankara contribúa á estabilización do Líbano a través da eventual celebración dunha conferencia internacional. Pero as consecuentes crises libanesas revelan un delicado equilibrio determinado pola excesiva implicación e peso de países como Siria, EEUU, Israel, Irán, Arabia Saudita, Francia e agora Turquía. Moitos actores e intereses para un puzzle sumamente explosivo, lastrado por un labirinto de rivalidades políticas e relixiosas.