O 2010 foi un ano no que Xapón mostrou a súa debilidade en política exterior. A súa timorata diplomacia aumentou a desconfianza contra o gabinete do Partido Democrático de Xapón (PDX) que está no poder desde 2009.
O 2010 foi un ano no que Xapón mostrou a súa debilidade en política exterior. A súa timorata diplomacia aumentou a desconfianza contra o gabinete do Partido Democrático de Xapón (PDX) que está no poder desde 2009. A desconfianza provocou a resurrección do Partido Liberal Democrático (PLD) nas eleccións da Cámara Alta; por conseguinte, a política xaponesa entrou novamente nunha fase de confusión, determinada polo feito de que o partido do goberno non dispón de maioría na Cámara Alta.
Baixo esta sensación de depresión, apréciase tamén un clima de estancamento político, destacando a non aprobación de proxectos de lei e as duras críticas vertidas contra o actual gabinete de goberno. Por iso, houbo un movemento a finais de 2010 para promover a gran coalición entre o PDX e o PLD, finalmente infrutuoso.
Os síntomas que provocaron a desconfianza contra o PDX son os seguintes. Primeiro, o problema da base militar en Okinawa con EEUU a comezos de 2010. A pesar de que Hatoyama, o primeiro ministro de entón, propuña a revisión da presenza militar estadounidense (por exemplo a revisión do plan do traslado da base militar de Futenma a Henoko, localizado en Okinawa, acordado con EEUU no goberno do PLD) e dicía que a base de Futenma debería trasladarse fóra de Okinawa para reducir a carga dos seus habitantes, finalmente resultou que prometeu a EEUU que aceptaría o plan orixinal para trasladar esta base a Henoko conforme ás demandas de Washington. O cambio estragou non só a confianza do pobo xaponés, senón tamén a credibilidade da diplomacia xaponesa.
Segundo, cando se recrudeceu o conflito nos Territorios do Norte (Illas Kuriles en ruso) con Rusia, Xapón non puido tomar medidas necesarias. En xullo, Moscova aprobou o proxecto de lei sobre o día conmemorativo da vitoria contra Xapón, o 2 de setembro. A pesar da ruptura do Pacto de Neutralidade entre a ex URSS e Xapón, que deu paso á participación soviética na guerra contra o entón Imperio xaponés o 9 de agosto de 1945, así como que Xapón aceptara a Declaración de Potsdam do 14 de agosto de 1945, a URSS seguiu atacar a Xapón e ocupou as Illas Kuriles. A lei que decidiu que a terminación da guerra é o 2 de setembro (non o 15 de agosto) ten a intención de xustificar a ocupación das Illas Kuriles, a pesar de que as ocupou a partir do 15 de agosto. Pero entón, o actual goberno xaponés non protestou.
O pasado 1 de novembro de 2010, o presidente ruso Dmitri Medvedev visitou Kunashir, nas Illas Kuriles. Foi a primeira vez, incluso dende a época soviética, que un xefe de Estado ruso visitou ás Illas Kuriles. Evidente acción de presión contra Xapón, a visita de Medvedev a Kunashir mostrou que as illas están baixo o control efectivo de Rusia. Ademais, nunha evidente mostra da debilidade da política exterior nipona, se explica ante o feito de que Xapón non puido acceder á información da visita de Medveded e así poder protestar previamente ante o goberno ruso. O goberno xaponés substituíu o embaixador de Xapón en Rusia logo deste fracaso.
Terceiro, Xapón tivo problemas territoriais nas Illas Senkaku con China. En setembro, unha patrulleira de Axencia de Seguridade Marítima de Xapón e un barco pesqueiro de China chocaron preto das Illas Senkaku, e Xapón detivo o capitán do barco chinés. Beijing esixiu a liberación do capitán reclamando que as illas Senkaku son territorio chinés. Posteriormente, o primeiro ministro chinés Wen Jiabao aseguraba que tomaría medidas contra Xapón, limitando a exportación das “terras raras”. Pouco despois, Xapón liberou ao capitán e tentou acougar o conflito retendo un vídeo que gravou, en segredo, o estado do choque. Con todo, o vídeo foi posteriormente publicado en Youtube por un funcionario da Axencia de Seguridade Marítima de Xapón. Neste caso tamén demostrouse a debilidade da política exterior de Xapón, así como provocou a desconfianza do pobo xaponés contra o seu gabinete.
Ademais destes fracasos diplomáticos, o goberno de PDX perdeu rapidamente o apoio maioritario pola súa xestión da política interior. Por exemplo, foron notorias as sospeitas públicas sobre a polémica continuidade da contribución das empresas construtoras ao ex secretario xeral do PDX, Ichiro Ozawa, o cal levará á formulación dunha acusación na súa contra en 2011. E tamén houbo un debate sobre o aumento de impostos para os recursos financeiros da seguridade social. Por todo isto, o apoio popular ao actual gabinete de goberno evoluciona á baixa.
Ante a recente crise coreana, o goberno do actual primeiro ministro Naoto Kan ten que mellorar a súa política exterior para que a presenza internacional xaponesa non perda peso. Cos novo Principios Fundamentais do Plan de Defensa adoptados en decembro pasado, Xapón cambiará a súa liña de conduta na política exterior.
Acerca da relación entre China e Xapón, tensarase cada vez máis en 2011, razón pola que obstaculizará o avance da construción da Comunidade do Leste Asiático (CLA). Ao mesmo tempo, para Tokio, a súa relación con Corea do Sur será relevante en 2011. O importante para Xapón é como construír a cooperación en seguridade con Corea do Sur e como diminuír a influencia de China no Leste Asiático.