A virulenta situación en México, que bateu tódolos rexistros sobre homicidios o pasado 2017, está a supor unha crecente ameaza para a comunidade galega asentada no país. Nos últimos dous anos foron recorrentes as noticias de emigrantes vítimas de asaltos e secuestros que, en moitos casos, rematarían en tráxicos falecementos, nunha espiral poucas veces experimentada para a consolidada diáspora galega.
A virulenta situación en México, que bateu tódolos rexistros sobre homicidios o pasado 2017, está a supor unha crecente ameaza para a comunidade galega asentada no país. Nos últimos dous anos foron recorrentes as noticias de emigrantes vítimas de asaltos e secuestros que, en moitos casos, rematarían en tráxicos falecementos, nunha espiral poucas veces experimentada para a consolidada diáspora galega.
Os fatídicos sucesos enclávanse nos cambios de tendencia experimentados recentemente en México, no relativo ás zonas de incremento da inseguridades e á emerxencia de novos grupos de crime organizado. Estados coma Jalisco e Guerrero, ou áreas tradicionalmente menos atinxidas e cunha violencia máis “contida” ou delimitada, coma é o caso de México D.F ou zonas turísticas, están incrementando notoriamente os seus rexistros.
Estas zonas coinciden coa área de asentamento ou de desenvolvemento empresarial dun nutrido grupo de emigrantes de orixe galega, especialmente no sector a hostalería e dos hidrocarburos, polo que os riscos asumidos están a revelarse de forma funesta.
Unha diáspora consolidada e notoria
Dunha longa tradición, e principalmente orixinarios das comarcas a cabalo entre as provincias de Ourense e Pontevedra, a comunidade de emigrantes galegos asentados en México (preto de 10.000 membros) medrou de forma notoria dende comezos do século XX. Característicos son municipios como Beariz ou Avión, poboacións rurais onde sorprendentemente atopamos aeródromos privados e que multiplican a súa poboación nos meses de xullo e agosto, cun salientable acento mexicano.
Os principais núcleos de asentamento (aínda que dispersos) atopámolos en rexións de México D.F, Jalisco, Veracruz ou San Luís de Potosí. Se ben é certo que existe unha certa mitificación do éxito desta diáspora, no relativo á “globalización” das fortunas acadadas, cabe resaltar que en sectores coma o hoteleiro, construción, restauración ou o vinculado aos hidrocarburos (cadeas de gasolineiras), a comunidade de emigrantes galegos destacou de forma significativa, acadando óptimos resultados e internacionalizando estas liñas empresariais.
Pese a desenvolver unha rápida aclimatación cultural ao país, moito máis visible nas segundas e terceiras xeracións, mantivéronse os lazos culturais –e posteriormente empresariais- con Galicia. Célebre resulta o Centro Galego de México A.C (1911, México D.F), principal lugar de difusión da cultura e da sociedade galega no país azteca, así como epicentro da cohesión e desenvolvemento da comunidade dende fai un século.
O mantemento deste vínculo directo con Galicia, tanto a nivel cultural coma empresarial, así coma o fortalecemento dos lazos entre ambos territorios, fai que a comunidade emigrante mexicana atópese moi presente actualmente na nosa sociedade. Quizais coma resultado destes lazos, os tempos convulsos que parecen sufrirse no país vénse con especial preocupación dende o prisma da nosa comunidade.
Así, os recentes falecementos violentos de compatriotas coma José González (marzo 2018, México D.F), Daniel Balboa (marzo 2018, Guadalaxara), Antonio Arca Brey (xullo 2017, Culiacán) ou Manuel Teixeira (decembro 2017, Guadalaxara) causaron estupor e consternación. Especialmente no caso de Manuel Teixeira, da cidade de Pontevedra, polos vínculos do empresario e da súa familia na sociedade da Boa Vila.
A preocupación e o retorno de certos familiares comeza a ser palpable, como así o reflicten dende a secretaría xeral de Emigración da Xunta de Galicia, a Plataforma Galega de Emigrantes Retornados ou a Asociación de Emigrantes Galegos Ulla-Umia.
Non é sinxelo determinar unha única causa para o macabro aumento desta acuciada violencia contra a emigración galega, pois enmárcase dentro dunhas dinámicas que está a experimentar o país azteca dende o último lustro. Si se pode atisbar cerca correlación coas áreas xeográficas dos principais asentamentos galegos, puntos onde creceron os rexistros de inseguridade de forma exponencial, así coma a paulatina penetración do crime organizado nos sectores empresariais predominantes da diáspora.
A segunda ola de violencia
O comezo do goberno de Enrique Peña Nieto (2013) parecía aportar certo optimismo no relativo aos índices de violencia, cunha redución importante e unha comparativa bastante esperanzadora en relación cos antecesores gobernos de Felipe Calderón (impulsor da “Guerra contra as drogas”) e Vicente Fox. Sen embargo, esta calma tensa pronto veríase revertida no que diversos analistas consideran unha segunda ola de violencia.
Se ben son dinámicas complexas e difíciles de resumir, pois están influenciadas por multitude de factores transversais, existen certos puntos de interese que poden axudarnos a comprender a realidade imperante e por qué afecta á diáspora galega.
A paulatina fragmentación dos grandes cárteles (Sinaloa, Zetas etc.) resultado de loitas fratricidas polo control territorial e da labor do Estado no descabezamento das organizacións, deu lugar á emerxencia de novos actores máis virulentos e á súa multiplicación por áreas cun recente baleiro de poder. Neste caso destaca a posta en escena do Cártel de Jalisco Nueva Generación (CJNG), que logrou unha enorme expansión desde o último lustro, asentándose e operando nos estados que anteriormente citamos coma núcleos de emigración galega.
No referente a México D.F -se ben é certo que non existe unha inxerencia ou control tan acuciado de organizacións coma cárteles- o aumento da delincuencia común, pandillas e organizacións de mediano tamaño estase a traducir nun incremento sen parangón na violencia e inseguridade da gran urbe. O que resulta certamente preocupante e a falta de recoñecemento oficial de dita situación por parte das autoridades, que continúan a citar a capital coma zona libre de crime organizado transnacional, quizais por medo a repercusións negativas nun dos maiores núcleos empresariais do país (situación similar á vivida en Monterrey).
Paralelamente, o nicho empresarial no que a diáspora galega atopou amplo éxito atópase cada vez mais penetrado por un crime organizado, que preme para o lavado de activos procedente de negocios ilícitos. Do mesmo xeito, a corrupcións institucional no relativo a estes sectores e os beneficios que ofrecen terminan por consolidar un ámbito empresarial de risco na actualidade, coas funestas consecuencias descritas para o colectivo galego.
A situación non parece ter visos de mellorar a pronto/medio prazo, pois esixe unha planificación e reformulación cuase íntegra dos plans de seguridade desenvoltos polos gobernos recentes. Á espera do futurible cambio de goberno previsto a partir das eleccións presidenciais de xullo próximo e do éxito ou fracaso das súas políticas públicas neste ámbito, continuaremos a mirar con preocupación a situación da nosa diáspora radicada en México.