Por María Xesús Botana (Universidade do Algarve) e María Xesús Lama (Universitat de Barcelona)
Logo da AIEG

A Historia da AIEG (segunda parte)

Non esquezas que o 17-20 de abril celébrase o XIV Congreso Internacional da Asociación Internacional de Estudos Galegos Braga/Guimarães. Toda a información na web: https://cehum.elach.uminho.pt/xiv_ciaieg#programme
Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia

Podes ler a Primeira parte deste especial sobre a Asociación Internacional de Estudos Galegos nesta ligazón.

En 1991, coa decisión de internacionalizar a asociación e levar o seguinte congreso a Oxford, iníciase unha nova xeira para AIEG, que coincide co despregamento da política cultural galega no exterior. Os académicos de diferentes procedencias que se achegan aos estudos galegos encontran por primeira vez interlocutores institucionais. A dedicación dos investigadores marcará unha ruta que se consolida coa creación de lectorados e cátedras de estudos galegos e por esa senda van circular tamén as actividades da AIEG.

En 1994 celébrase un gran congreso en Oxford de novo cunha nutrida participación de especialistas procedentes de Galicia xunto cos procedentes doutros países, unha confluencia que xa quedaría establecida como a tónica xeral para o futuro.

A continuidade deste salto oceánico encontrouno a AIEG en Alemaña coa presidencia de Dieter Kremer na Universität Trier da antiga Treveris, onde se abrira o segundo lectorado europeo desde 1992. Nese período fíxose xa necesario constituír a asociación como entidade xurídica, polo que se redactaron os primeiros estatutos para inscribila no rexistro de asociacións.

Seguindo o obxectivo marcado ao iniciar o proceso de internacionalización, traballouse tamén para encontrar a continuidade coa implicación do sector académico dos países americanos, para buscar a alternancia na realización de congresos entre Europa e América. Con ese propósito a asemblea apoiou a proposta da Universidad de La Habana, presentada pola decana de Artes y Letras, Ana María González Mafud, que sería a anfitrioa do congreso do 2000.

Así vanse sucedendo as candidaturas de diferentes universidades do mundo que marcan un itinerario conformado por toda unha xeración de salientados e apaixonados estudosos da cultura galega como era o caso de Basilio Losada na Universitat de Barcelona, sede do congreso de 2003, e Rosario Suárez Albán da Universidade Federal de Baía, que acolleu o congreso de 2006.

O período que se inicia a partir dese ano, coa alianza das tres universidades galegas representadas na directiva baixo a presidencia de Burghard Baltrusch, representa un novo salto exponencial na organización da asociación marcado, sobre todo, polo cambio xeracional. Daquela modifícase un principio de configuración da xunta directiva que rexía desde o establecido polos primeiros socios fundadores e que consistía en que a persoa responsable da organización do congreso asumía a presidencia no período seguinte á celebración, mentres a vicepresidencia era asumida pola persoa que se responsabilizaba de organizar o seguinte. A imposibilidade de Suárez Albán para asumir a presidencia por motivos de saúde facilitou unha actualización que viña esixida daquela polas dificultades operativas que creaba o modelo anterior.

Como consecuencia deste cambio xurdiron nos anos seguintes experiencias vencelladas a brillantes personalidades mozas que protagonizaron un labor extraordinario nos seguintes trienios, primeiro coa presidencia de Craig Patterson, que organizou o congreso de 2012 na University of Cardiff, seguido por Débora Campos, que fixo posible a celebración do congreso de 2015 en Buenos Aires, unha cita mítica e obrigada para os estudos galegos. E dende a cidade porteña a Madrid, coa presidencia de Carmen Mejía iníciase unha nova xeira europea coa celebración do congreso de 2018 na Universidad Complutense de Madrid, do que quedará para a memoria a visita aos manuscritos das Cantigas de Santa María en El Escorial. Por último, o extraordinario núcleo de estudos galegos que se formou na Uniwersytet Warszawski recolleu o testemuño para organizar o seguinte congreso. Nese período xurdiu a pandemia de 2020 que tanto afectou as nosas vidas e, inevitablemente, tamén á AIEG, de maneira que por primeira vez houbo que adiar o congreso, que se celebrou cun ano de retraso, en 2022 baixo a presidencia de Ana Garrido.

Na moderna universidade de Varsovia e coas resonancias da música de Chopin vibrando con pulo romántico que espertaba a Europa dos pobos iniciou o seu camiño a actual directiva cunha proposta que irmandaba os centros de estudos galegos de Portugal e asumía a urxencia de recuperar o ano perdido para establecer unha nova cita en 2024. A Universidade do Minho dá a benvida aos socios neste mes de abril!