Gobernos e opinión pública de todo o mundo están convencidos de que unha guerra a gran escala se prepara contra Iraq. A pequena escala, leva tempo en marcha e a intensificación de innumerables e selectivas accións nas últimas semanas por parte das forzas anglonorteamericanas se orienta a despexar o camiño a esa macrointervención que se deseña desde o Pentágono a toda présa e sen importar nin a opinión do inimigo nin dos aliados.
Bush aspira a ocupar Bagdad e completar a derrota do réxime iraquí, consumada hai dez anos polo seu pai, á fronte dunha ampla coalición internacional, aglutinada daquela arredor dun argumento incontestable: a invasión de Kuwait. Neste caso, os argumentos son infinitamente precarios. Os intentos de vencellar a Sadam Husein co terrorismo de Al Qaeda resultaron un estrepitoso fracaso: ¿cómo casar un terrorismo de signo fanático e relixioso cunha política teimosa e tradicionalmente laica? Acusar ao líder iraquí de posuir armas de destrucción masiva ou de estar en condicións de fabricar un arma nuclear en poucos meses, semella outro esforzo de intoxicación propagandística que podería quedar ao descuberto co regreso dos inspectores. Sen entrar na lexitimidade da auctoritas estadounidense para decretar quen pode ter e quen non, ou no tupido velo que cubre os arsenais israelís, ou na propia definición do que é un arma de destrucción masiva (¿un avión de pasaxeiros reconvertido en mísil?), todos os estrategas militares coinciden en sinalar que militarmente Sadam está hoxe máis debilitado ca nunca. E lembremos que hai dez anos os tanques eran de globo.
Agora que Sadam admitiu a volta sen condicións dos inspectores, na Casa Branca din que soamente o seu exilio evitará unha guerra. As ambicións da Administración Bush son infinitas. O ataque a Iraq revela unha vez máis o interese por estender o control ás principais fontes de recursos enerxéticos do mundo. Alén diso, en perspectiva está, como sinalaba hai unhas semanas William Pfaff, o propósito de reordenar toda a rexión a golpe de míseis se é necesario. Pouco importa que algúns países europeos, Alemaña nomeadamente, opoñan resistencia; ou que Rusia ou China defendan outras opcións. É evidente que, aínda cumprindose todas as condicións esixidas por EEUU, nin se suspenderán as sancións nin o ataque en marcha, en tanto non se produza un cambio de réxime. Pola contra, a decisión de Sadam de admitir a volta dos inspectores de Unmovic (Comisión da ONU para a Verificación e Inspección) é un xesto de boa vontade que reducirá a animosidade dalgúns sectores da opinión pública internacional e, sobre todo, complicará a toma de decisións dos países árabes, con réximes condenados a seguir os dictados de Washington pero presionados por unha opinión pública que incrementará o seu rexeitamento á invasión e á concesión de apoio loxístico local.
A guerra ademáis ten un enorme valor interno. A dous anos da súa elección "cun empate técnico, non o esquezamos-, Bush administra un consenso nacional indiscutible, xerado polo efecto do 11S. Pero non todo é unanimidade en Washington. Obviamente James Carter, pero ata o propio Clinton, hai uns días, viña a dicir que a prioridade na rexión debería ser o conflicto árabe-israelí, cos asuntos de Palestina e de Siria, que un acordo de paz entre estas partes podería facilitar un cambio de situación en Iraq, mesmo sen necesidade dunha guerra. E, naturalmente, as eleccións do próximo 5 de novembro, decisivas para un Bush republicano que, como xa é habitual na política norteamericana, podería obter un trunfo sonado que reforzaría enormemente os seus poderes se consigue transmitir á opinión pública a inevitabilidade e a conveniencia dunha guerra victoriosa para salvagardar a liberdade dos nosos fillos. Sadam, como Ben Laden, salvará a súa nun país novamente arruinado con miles de víctimas inocentes.