20071107 caracas protesta estudantes contra chavez

Tensa reforma en Venezuela

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Protestas estudantes contra Chávez en Caracas; clic para aumentar
A dinámica orixinal destas manifestacións estudantís en Venezuela, especialmente as ocorridas tralo peche de RCTV, amosaron esa similitude de actuación da OTPOR en Belgrado entre 1999 e 2000: mozos e mozas manifestando pacificamente fronte corpos policiais aliñados fronte deles, cantando e bailando coas mans elevadas e ofrecendo rosas. Incluso a este movemento se lle denomina "Xeración 28", coincidindo o seu nacemento coa data (28 de maio) de suspensión de transmisión de RCTV.
 

A un mes da celebración dun novo referendo constitucional, as rúas venezolanas volven a presentarse como o principal escenario de discusión e confrontación política entre os simpatizantes do goberno de Hugo Chávez e a diversidade de movementos e partidos de oposición.

Neste sentido, a vangarda de oposición á reforma constitucional prevista por Chávez semella estar actualmente dirixida polo movemento estudantil. Nas derradeiras tres semanas, os diversos grupos e movementos universitarios tomaron as rúas da capital Caracas, para premer á Asemblea Nacional e o goberno a fin de evitar o referendo constitucional de decembro de 2007, e diferilo ata febreiro de 2008, coa intención de analizar e estudar a serie de cambios constitucionais previstos.

A acción nas rúas provocou violentos enfrontamentos entre os grupos de estudantes, os simpatizantes "chavistas", as forzas policiais e de seguridade e diversos partidos e movementos de oposición simpatizantes cos movementos universitarios. Os slogans de "liberdade de expresión" e "non á reforma" marcan así un novo simbolismo de oposición ao socialismo de Chávez nun momento en que o seu goberno acaba de comezar a campaña electoral pola aprobación do referendo constitucional.

Á par da "rebelión estudantil" contra a reforma constitucional, o país comeza a verse inmerso nunha serie de protestas e conflitos nas áreas de educación e saúde, prioritarias dentro dos amplos programas sociais de Chávez, derivados da aplicación dun novo programa educativo ao que se acusa de "ideoloxizado", dos atrasos nos pagos de profesores e persoal sanitario, das tensións cara a propiedade privada e as protestas ante a alarmante alza da criminalidade cidadán.

Reaccións contra a reforma

Trala súa reelección presidencial por seis anos máis en decembro de 2006, Chávez impulsou dúas ideas clave para este novo período: a "construción do socialismo", mediante unha nova reforma constitucional en principio prevista para realizarse vía referendo no 2010; e a creación dun Partido Socialista Unificado Socialista (PUSV).

Ambas premisas, reforma constitucional e PSUV, provocaron marcadas diverxencias políticas dentro da plataforma política e electoral "chavista", especialmente no Partido pola Democracia Social (PODEMOS), Patria Para Todos (PPT) e o Partido Comunista de Venezuela (PCV), a tal punto que estes tres partidos están decantando unha posición máis opositora a Chávez.

Paralelamente, a non renovación na concesión radioeléctrica á canle opositora RCTV provocou fortes manifestacións nas rúas por parte de diversos movementos estudiantís, coa posibilidade de que se estea formando unha plataforma política opositora en torno aos dirixentes universitarios Stalin González, presidente da Federación de Centros Universitarios de Venezuela (FCUV) e Jon Goicoechea, dirixente universitario de notorio protagonismo trala crise de RCTV.

Con este clima convulsionado, o pasado 15 de agosto, no acto de presentación oficial do PSUV, Chávez anunciou a realización do referendo constitucional para o próximo 2 de decembro, para sancionar a modificación de 33 artigos da Constitución Bolivariana de 1999.

Orientados á "construción do socialismo", estes cambios impulsan un forte sesgo centralista e presidencialista: aumento do período presidencial a sete anos; a figura da reelección indefinida, só permitida para o presidente; supresión da autonomía do Banco Central; o recoñecemento da "propiedade social"; a adopción dunha nova moeda nacional, o "Bolívar Forte"; a creación dos "concellos comunais" como entidades político-administrativas en substitución das alcaldías e gobernacións, etc.

Paralelamente, a reforma establece a adopción dunha xornada laboral de seis horas; a organización dun sistema de seguridade social universal; a creación de milicias populares dentro das Forzas Armadas e a ampliación dos poderes presidenciais para disolver as gobernacións e municipios cando se considere conveniente.

A Asemblea Nacional engadiu a reforma doutros 36 artigos. Especialmente significativa é a aprobación da modificación do artigo 337, que establece a "supresión dos dereitos constitucionais ao debido proceso e á información cando aconteza no país un escenario de estado de excepción".

OTPOR en Venezuela

A acción dos estudantes universitarios e a súa concreción cada vez mais como movemento nacional supón para os alicaídos partidos de oposición política un punto favorable de inflexión para concretar unha eventual plataforma política de gran alcance que permita enfrontarse a Chávez, con relativas posibilidades de éxito.

Non obstante, dende o goberno consideran que os estudantes venezolanos forman parte dunha estratexia deseñada por Washington, concretamente dende a National Endowment for Democracy (NED), para formar movementos cívicos e estudantís que debiliten politicamente ao presidente.

Neste sentido, o goberno considera que Venezuela está na órbita de interese de diversos organismos internacionais opositores a Chávez, no relativo a fomentar rebelións e inestabilidade no país, propiciando actuacións parecidas ás realizadas polo Movemento estudantil OTPOR ("Resistencia") en Serbia, que acabou co réxime de Slobodan Milosevic no 2002, así como as "revolucións de cores" ocorridas en Xeorxia no 2003 e Ucraína no 2004, onde os movementos civís e estudantís foron protagonistas de primeiro orde.

A dinámica orixinal destas manifestacións estudantís en Venezuela, especialmente as ocorridas tralo peche de RCTV, amosaron esa similitude de actuación da OTPOR en Belgrado entre 1999 e 2000: mozos e mozas manifestándose pacificamente fronte aos corpos policiais, cantando e bailando coas mans elevadas e ofrecendo rosas. Incluso a este movemento se lle denomina "Xeración 28", coincidindo o seu nacemento coa data (28 de maio) de suspensión de transmisión de RCTV.

Non obstante, o espallamento destas manifestacións e a directa acción dos organismos policiais na súa dispersión, amosaron un alto nivel de radicalización que recorda os momentos de maior confrontación en Venezuela, entre os anos 2001 e 2004. Incluso, tiveron lugar violentos enfrontamentos entre simpatizantes universitarios da oposición e do goberno.

Pero ningún destes escenarios semella preocupar en demasía ao propio Chávez, quen conserva unha notable popularidade social e ispón dunha cómoda marxe de actuación: elevados prezos do petróleo, superávit comercial, alto consumo de bens importados e reactivación do sector da construción como bastión do crecemento económico.

Con todo, e ás portas dun novo referendo que cambiará substancialmente o perfil do país para os próximos anos e décadas, a convulsión e a inestabilidade seguen a ser o síntoma máis característico da Venezuela actual.