Tenso cumio en Quito

Nun delicado momento diplomático, o cumio da UNASUR iniciado este luns 10 en Quito asiste a unha oportunidade clave para dirimir con sapiencia unha serie de aspectos bilaterais que poden configurar os espazos xeopolíticos sudamericanos para os próximos anos.

A crise desatada desde 2008 entre Colombia e os seus veciños Ecuador e Venezuela confirma a manifestación dos bloques xeopolíticos nos que Sudamérica está transitando nos últimos anos. Para elevar o nivel de tensión, o aspecto máis preocupante ten que ver co pacto que están negociando Bogotá e Washington para albergar sete bases militares en territorio colombiano.

Cómpre así criticar a ausencia e a falta de interese do presidente colombiano Uribe Vélez cara este cumio, substituído finalmente pola viceministra de relacións exteriores. As demandas do presidente venezolano Hugo Chávez para que Uribe “dea a cara” a fin de explicar o porqué do pacto militar con Washington constitúe, case con toda probabilidade, a principal demanda que varios países sudamericanos realizan actualmente a Bogotá.

A inesperada e ambivalente xira rexional realizada por Uribe a semana pasada da a entender que non existe un consenso en torno ao seu acordo militar con EEUU, un aspecto igualmente clave para entender cales son os parámetros reais polos que se rexe a estratexia que Obama pensa aplicar na rexión sudamericana. Só Perú e Chile amosaron unha posición favorable a Uribe, quen recibiu posicións absolutamente contrarias ou de reserva precisamente dos seus principais países veciños, Venezuela e Ecuador, así como en Bolivia e, moderadamente, en Brasil.

Quizás para tensar a corda, Chávez chegou a Quito cunha acusación de presunta infiltración de soldados colombianos no territorio venezolano, así como da suspensión dun convenio de subministro petroleiro. Pola súa banda, Bogotá acusa a Chávez e Correa de posuír presuntos vínculos financeiros e militares coa guerrilla das FARC.

Para disuadir a Bogotá do seu pacto con Washington, Chavez e o presidente boliviano Evo Morales anunciaron a concreción de acordos militares con Rusia, o cal ofrece unha perspectiva absolutamente global do elevado incremento no gasto militar que vive Sudamérica nos últimos anos. A presenza rusa, así como de China e Irán como principais actores externos en Latinoamérica nos últimos anos, e o remate da base militar estadounidense en Manta (Ecuador) para finais de 2009, incrementa as preocupacións de Washington en materia de seguridade, así como o afianzamento do seu pacto militar con Bogotá.

Suspendidas as relacións bilaterais de Quito e Caracas con Bogotá, o cumio da UNASUR afrontaba a posibilidade de alcanzar un acordo momentáneo, similar ao éxito obtido por este organismo na resolución temporal da crise política boliviana de setembro de 2008. Pero a ausencia de Uribe e a división xeopolítica rexional ofrece poucas perspectivas de éxito, incluso a mediano prazo.

Con isto, a situación deixa en claro un escenario diplomático tenso mentres se afianza o gasto militar entre os principais actores involucrados. A semana pasada, Chávez anunciou que as bases militares estadounidenses en Colombia espallarán “unha guerra en Sudamérica”.

Este desequilibrio militar e xeopolítico, manifestado principalmente polo pacto entre Washington e Bogotá, daría curso a unha innecesaria carreira de armamentos, confirmando o mal momento para o consenso político que vive a rexión nunha conxuntura na que a celebración dos Bicentenarios das independencias latinoamericanas e o avance dos eixes de integración rexional debería ofrecer mellores perspectivas para América Latina.