Timor Leste dá un paso atrás

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

 Xanana Gusmão, clic para aumentar
Todo comezaba cando a 8 de febreiro 404 soldados das Falintil-Forças de Defesa de Timor-Leste se concentraban diante da Presidencia da República, pacificamente, desarmados. Denunciaban perante o presidente, Xanana Gusmão (na foto), o tratamento discriminatorio no exército timorense, segundo eles por seren, na súa maioría, da etnia loromonú.
 

No baño a nai e os seus dous fillos máis novos; fundida aínda nun abrazo protector ao menor, de tres anos. Na sala os outros tres fillos. A nai, parente do ministro do Interior de Timor Leste. Todos intencionadamente carbonizados na súa propia casa na pasada quinta-feira (xoves).

Nas últimas semanas, decenas de mortos e feridos. A situación en Timor é grave. Mais como se puido chegar a isto?

Todo comezaba cando a 8 de febreiro 404 soldados das Falintil-Forças de Defensa de Timor-Leste se concentraban diante da Presidencia da República, pacificamente, desarmados. Denunciaban perante o presidente, Xanana Gusmão, o tratamento discriminatorio no exército timorense, segundo eles por seren, na súa maioría, da etnia loromonú. Querían, é claro, unha solución. E querían que fose o propio Xanana, en quen confiaban e confían, quen se encargase de encontrala. Até conseguiren o tal arranxo non retornarían aos cuarteis.

Xanana, no entanto, quizais para compensar desencontros recentes, deixaba o asunto en mans do Goberno, dirixido polo primeiro ministro Mari Alkatiri quen, non contando co mesmo respecto que o presidente Xanana, non foi quen de atinxir un diálogo frutífero cos militares rebeldes e optaba por apoiar unha solución drástica, fácil e, ao que se ve, errada: no 16 de marzo expulsaba do exército 591 soldados (aos 404 iniciais xa se tiñan sumado outros) que representaban algo máis dun terzo do total de efectivos das Falintil.

A decisión provocaba unha visíbel e perigosa fractura entre Goberno e Presidencia, ao cualificala Xanana Gusmão de “inxusta” e “errada”, acrecentando aínda o feito de que a crise militar tiña sido inadecuadamente conducida. División que sen dúbida encoraxaba aos militares rebeldes, aos que agora se unían militares en activo, e contribuía a que se producisen inmediatamente logo agromos de violencia entre a etnia supostamente discriminada, loromonú, e a etnia supostamente discirminadora, lorosae, na capital do país, Díli. A tensión crecía e parte da poboación decidía fuxir cara ás montañas.

Semanas despois, os militares rebeldes convocaban manifestacións durante 5 días consecutivos, entre o 24 e o 28 de abril que acababan en confrontos violentos coas forzas da orde e cun número de mortos e feridos arredor de cuxa cifra non existía nin existe un acordo: 5 para o Goberno e uns 60 para os rebeldes. Presidencia e Goberno conseguían propor unha saída consensuada que pasaba pola creación dunha comisión encargada de examinar os problemas denunciados, mais os ex-militares, despois de case 3 meses de incertezas, desencantos e agora… mortes, xa só querían ouvir respostas concretas ás súas esixencias. As autoridades tiñan perdido o control da situación. A poboación civil fuxía en masa a refuxiarse nas montañas, como no pasado, e os encontros violentos entre os bandos enfrentados non eran infrecuentes nos días que seguiron até que, por fin, na pasada cuarta-feira (mércores) as autoridades timorenses pedían auxilio ao exterior.

Na actualidade, unha forza australiana xa se encontra no país co consentimento do Consello de Seguranza da ONU. Nos próximos días continuarán chegando soldados da Australia e aínda doutros países, co que os episodios violentos deberían remitir até desapareceren en breve. Compre agora estarmos atentos á solución que definitivamente se lle dea á crise e ao modo en que a tal solución sexa asumida polas diversas partes para calibrarmos a incidencia que o acontecido nos últimos meses pode ter para a recente democracia timorense. En todo o caso, as mortes, a intolerábel división institucional entre Goberno e Presidencia e entre os integrantes do propio Goberno e a probábel polarización social derivada do conflito constitúen xa un paso atrás na loita do pobo timorense por ultrapasar a situación de extrema necesidade que padece.