timor gap01

Timor Leste: o móbil australiano

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

 Zona de cooperación Timor Leste - Autralia, clic para aumentar
En 2005 sabíase que o goberno de Mari Alkatiri, moi independente nas súas escollas á hora de estabelecer parcerías internacionais, tiña iniciado negociacións coa Petro China para construíren unha refinaría no propio Timor Leste, de modo que o 90% dos recursos do Timor Gap puidesen refinarse directamente no xoven Estado, que xa se estaba a beneficiar da súa extracción. Deste xeito, o grande negocio da Australia no Mar de Timor podería rematar. (Foto: “East Timor Gap Map”. ©ATNS).
 

Timor Leste, un dos Estados máis pobres do mundo, padece a peor crise desde que formalmente se declarou independente, a 20 de maio de 2002. Unha crise que xa ten significado a caída do goberno do ex-primeiro ministro Mari Alkatiri e, segundo recentes informacións da axencia de noticias portuguesa Lusa, arredor de tres decenas de mortos e máis dun cento de feridos, alén de notábel destrución material e outros danos cuxa existencia e perigosidade para a xoven democracia timorense apenas poderán ser coñecidas e convenientemente avaliadas no futuro.

Sen dúbida, no inicio e desenvolvemento da crise terán incidido múltiplos factores internos: a mala situación das forzas armadas do país, a división étnica loromonu-lorosae, a fractura interna no principal partido do país, a Fretilin, as tensións entre a Presidencia da República e o Goberno, a frustración de expectativas xeradas pola independencia, a mala situación económica do país…

Todo comezaba en 1972. A Australia tentaba delimitar as súas fronteiras no Mar de Timor, chegando a un acordo que lle era vantaxoso coa Indonesia, mais non conseguindo acordo ningún con Portugal, que daquela administraba Timor. Aparecía deste modo o Timor Gap, quere dicir, aquela zona do Mar de Timor para a que non se tiña podido definir unha fronteira.

A Indonesia invadía o Timor Leste no fin de 1975 e catro anos despois comezaba a negociar coa Australia a repartición dos recursos do Timor Gap. Algo que só se conseguía co Tratado do Timor Gap en 1989, após de ter pagado Australia un prezo político polémico: o recoñecemento da soberanía da Indonesia sobre o Timor Leste.

Despois do referendo da independencia en 1999 e após a Australia ter tentado sen éxito que o tratado asinado coa Indonesia continuase en vigor co novo Estado, chegábase en xullo de 2001 a un novo acordo, en virtude do que o Timor Leste tería dereito ao 90% dos recursos do Timor Gap e a Australia ao 10% a partir de 2004.

O acordo de 2001 podía parecer claramente beneficioso para o pobo timorense, mais non era así. Dun lado, para a maioría de expertos en dereito internacional, incluídos australianos, o 100% dos recursos do Timor Gap correspondía e corresponde lexitimamente a Timor Leste. Doutro lado, a Australia esperaba que a refinaría de todos os recursos extraídos do Timor Gap lle fose atribuída, toda vez que Timor Leste non dispuña nin se prevía que puidese dispor en moitos anos da tecnoloxía necesaria para o facer. Deste modo, na fin de contas, calculábase que a Australia obtería unhas 4 ou 5 veces o beneficio que conseguía o Timor Leste pola explotación do Timor Gap. A Australia, pois, mantiña un enormemente proveitoso negocio no Mar de Timor.

Mais as cousas non ían correr como os australianos prevían. En 2005 sabíase que o goberno de Mari Alkatiri, moi independente nas súas escollas á hora de estabelecer parcerías internacionais, tiña iniciado negociacións coa Petro China para construíren unha refinaría no propio Timor Leste, de modo que o 90% dos recursos do Timor Gap puidesen refinarse directamente no xoven Estado, que xa se estaba a beneficiar da súa extracción. Deste xeito, o grande negocio da Australia no Mar de Timor podería rematar.

A cuestión é: terá sido esta posibilidade de a Australia vir perder o negocio do Timor Gap razón suficiente para aproveitaren a crise timorense en favor dos seus intereses rexionais? Probabelmente sexa aventurado dar unha resposta á pregunta, a pesares de existiren algúns indicios a apuntar nesa dirección. Ora ben, o que si semella claro é que existen boas razóns para a precaución internacional en relación ao discurso e acción australianos na actual crise timorense.
Ollo, pois!