Tristes dereitos humanos para Uribe

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Navi Pillay; clic para aumentar
Os informes confirman que, desde que en 2002 Álvaro Uribe Vélez fora elixido por vez primeira como presidente de Colombia, as execucións extraxudiciais "triplicáronse de forma alarmante", segundo comentou a sudafricana Navi Pillay (na foto), alta comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, durante unha visita a Bogotá. Para o 2007, estas execucións achegáronse case ao millar de persoas.
 

Recentemente, o Observatorio de Dereitos Humanos e Dereito Humanitario da Coordinación Colombia-Europa-EEUU (CCEEU), organismo que agrupa a 200 ONGs humanitarias, así como á influínte Human Rights Watch, denunciou en diversos informes que, entre xaneiro de 2007 e xullo de 2008, "unha persoa perdeu a vida diariamente por execucións extraxudiciais" cometidas pola forza pública en Colombia.

Os informes confirman que, desde que en 2002 Álvaro Uribe Vélez fora elixido por vez primeira como presidente de Colombia, as execucións extraxudiciais "triplicáronse de forma alarmante", segundo comentou a sudafricana Navi Pillay, alta comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, durante unha visita a Bogotá. Para o 2007, estas execucións achegáronse case ao millar de persoas.

Con isto, o grave problema dos dereitos humanos estoupa directamente na imaxe e credibilidade de Uribe xusto cando a súa estratexia de "seguridade democrática" e a consecuente presión e acoso militar do Exército colombiano contra a guerrilla das FARC, esta a outorgarlle excelentes dividendos nos planos político e militar.

Pero non só as execucións extraxudiciais están afirmando complicacións políticas para o goberno de Uribe. O escándalo da "parapolítica", a vinculación de funcionarios e deputados do partido de Uribe con líderes paramilitares, está afectando igualmente a súa imaxe pública. Diversos altos cargos de goberno e deputados oficialistas deberon renunciar aos seus cargos, salpicados por este escándalo político.

Paralelamente, existen condicionantes no avance do programa da Lei de Xustiza e Paz impulsado por Uribe a partir de 2005, destinada á desmobilización dos grupos armados, sendo inicialmente os paramilitares. Son notorias as intimidacións, presións políticas e agresións contra familiares e testemuñas das vítimas do conflito armado, que se traducen unha sensación de impunidade legal que afecta directamente á poboación civil, especialmente nas áreas rurais.

Se ben Uribe exhibe indubidables éxitos na súa estratexia de acoso militar contra as FARC (que están provocando desercións e detencións de altos mandos da guerrilla) así como notables resultados económicos, as protestas sociais contra o seu goberno comezan a adquirir un ton preocupante. A comunidade indíxena colombiana ven premendo con forza con diversas protestas nacionais, para que o goberno de Uribe recoñeza os seus dereitos culturais e ambientais.

Atenazado por esta inesperada presión social cara materias ata agora pouco enfocadas polo seu goberno, tales como o combate á pobreza e os dereitos humanos, Uribe amosou unha dura irritación oficial ante os informes de Human Rights Watch, así como case adoptou unha posición tendente a "criminalizar" as protestas dos indíxenas. Con estes casos inesperadamente activados, e a fin de evitar complicacións políticas para a súa imaxe, Uribe desistiu de seguir premendo, vía lexislativa e xudicial, a posibilidade dunha nova modificación constitucional que lle permitira poder presentar a súa candidatura por terceira vez ás eleccións presidenciais de 2010.

Con estes frontes en marcha, Uribe necesitaba realizar audaces golpes de efecto. A finais de outubro, coincidindo coa visita de Navi Pillay, o mandatario colombiano realizou unha inédita e inesperada purga militar con claro cariz político, ao destituír a 30 oficiais das Forzas Armadas, incluíndo tres xenerais e sete suboficiais, acusados de desaparición e fusilamento de 11 civís cometidos na poboación de Soacha a mediados deste ano, e que as autoridades militares presentaron como baixas no combate contra a guerrilla.

A pesar de contar con elevados índices de popularidade, de avanzar vitoriosamente na súa confrontación contra as FARC e de amosar a sensación de recuperar a confianza moral pública, Uribe asoma a posibilidade de verse inmerso nun grave problema de violación de dereitos humanos. Con isto, o seu principal reto de aquí ao final do seu mandato no 2010 probablemente será tentar recuperar o nivel de lexitimidade gobernamental ante unha opinión pública alarmada polas evidencias das execucións extraxudiciais.